martes, 17 de febrero de 2026

ENTREGA DE PREMIOS DO V CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA XAQUINA TRILLO - Venres, 20/02/2026 20:30 - Salón García-Reportaxe gráfica

 















A este poema de Xaquina Trillo púxolle música Xosé Duarte, e fixo a estrea absoluta, como un especial agasallo nesta entrega de premios. Xa tiña musicado outro que Xaquina lle dedicou á Camelia e que estreou na entrega do III XAQUINA TRILLO. Grazas Xosé Duarte!


Este poema, que estaba perdido, e do que o noso presidente Xermán Torres tiña constancia da súa existencia, porque Xaquina Trillo, pouco antes do seu pasamento, lle tiña lido un poemario que estaba preparando e dedicando poemas a persoas significativas e moi importantes para Galicia e entre eses poemas figuraba este dedicado ao noso primeiro Socio de Honra, noso ben querido mestre e amigo, o inesquecible don Xesús Alonso Montero. Este poema foi felizmente rescatado por Cristina Quintáns Ruido, neta de Xaquina. Mágoa que don Xesús non puidera velo, era algo que tiña ilusión de ter entre as súas mans, pois Xermán lle tiña falado moito del. Foron moi acertadas as palabras do noso Alcalde, Alberto Varela Paz, que presidiu o acto e que ao comezo do mesmo pediu un aplauso na honra e na lembranza de do Xesús Alonso Montero, a nosa Concelleira de Cultura, Sonia Outón Casal foi a encargada das palabras iniciais de acollida, saúdo e benvida, logo interviu noso Deputado Provincial, Jorge Cubela López,  encargado de Cultura que expresou seu recoñecemento para este certame, e argumentou que a nosa Deputación Provincial sempre está disposta a apoiar certames que promoven a lingua e a cultura. Xermán Torres relatou a traxectoria de Xaquina Trillo e algunhas anécdotas e lembranzas sobre a súa persoa e a súa obra (seis poemarios publicados en vida e un inédito, que agardamos que pronto vexa a luz), tamén pola oportunidade e circunstancias falou sobre Xaquina e a relación con Alonso Montero. 

A Mesa das Verbas desexa expresar o seu agradecemento aos cincuenta autoras e autores que presentaron os seus poemas a esta quinta edición do XAQUINA TRILLO e dar os seus parabéns aos catro autores galardoados. E ao Xurado, que co seu traballo altruista e desinteresado, valorou cada poema presentado e emitiu o seu fallo.

Agradecer a Emilia Ruido e familiares a súa presencia neste acto e por ter declamado como primicia este fermoso poema, gratamente recuperado e polas súas verbas en lembranza de Fernando Quintela Novoa e por mencionar á súa esposa, a profesora Lolita Gallego, a quen sen dúbida lle darán noticia desta reportaxe, Fernando e Lolita, queridos amigos da Mesa das Verbas, desde a primeira hora, sempre que puideron nunca faltaron aos nosos recitais poéticos. Parabéns a Emilia polas súas verbas.

Tamén a nosa gratitude para o público que asistiu a este acto de entrega de premios, agardando velos a todos na próxima sexta edición.

Agradecer moi especialmente ás institucións que nos patrocinan e prestan a súa colaboración, sen elas non sería posible o concurso tal como está concebido. Mil gracias ao noso Concello, seus dirixentes e a todos os seus técnicos e traballadores dos distintos departamentos que nos prestaron a súa inestimable axuda. Como tamén a Deputación Provincial de Pontevedra por subvencionar o concurso e concedernos a actuación musical dentro do seu Plan Culturea e a todos os seus técnicos e traballadores que tamén nos auxiliaron exquisitamente. E como non ao noso querido Centro Comercial Arousa, representado polo noso amigo e segundo Socio de Honra, Luis González de la Ballina González, director-xerente deste centro comercial referente en Arousa.

E aos Concelleiros do Concello de Vilagarcía de Arousa que nos acompañaron, dos grupos municipais do PP e do BNG. E ao Coordinador Nacional do Partido Galeguista, pola súa estreita vinculación e relación coa nosa poeta de Arousa, como tan ben dicía don Antón Fraguas Fraguas, eminente fillo que foi de Insuela, do Concello de Cerdedo-Cotobade.

En fin, noso agradecemento a todos os que colaboran e respaldan este concurso.

Agradecemos a todos os que nos forneceron de imaxes, que fixeron posible esta reportaxe, nosos compañeiros e amigos Tere Briones, Pilar Lojo, Roberto Abal, Luismi e Jesús Rey.

A todas e a todos mil gracias.

MICRO VÍDEOS







O acto finalizou co canto, dirixido por Xosé Duarte, dalgunhas das estrofas do Adiós Ríos, Adiós  Fontes... na versión de Amancio Prada e comezando Duarte cunha versión propia. Todo como lembranza e homenaxe a Rosalía de Castro, a quen admiraban Xaquina Trillo, que sempre dicía a miña santiña, referíndose a nosa escritora máis representativa, e Alonso Montero, que era un especialista na nosa poeta nacional e como un adianto do Día de Rosalía, que se celebrará o 23.

REVISTA DE PRENSA

La Voz de Galicia - Arousa (18/02/2026):


Faro de Vigo - Arousa (22/02/2026):

















































No hay comentarios:

Publicar un comentario