jueves, 9 de julio de 2020

POEMARIO DE ANDREA FDEZ. MANEIRO



Neste fermoso libro nosa amiga e compañeira Nei reflicte as angustias, os desacougos, os medos, a orfandade das fillas e dos fillos dos emigrantes de Galicia, que teñen que abandonar a Terra na busca do sustento e do traballo para poder vivir. 

A emigración e o problema demográfico de Galicia son un cancro que deixa deserta e morta a Nosa Terra. Xa Rosalía se revoltou sobre este problema que deixa viúvas de vivos e fillos que non teñen pais.

Andrea fainos partícipes da súa tristura de nena pola marcha dos seus pais a Francia na busca dunha mellor vida, como botaba en falta a presencia dos seus pais nos momentos cruciais da súa vida. Todos os galegos en maior ou menor medida fomos víctimas pola perda dos seres queridos que tiveron que marchar. Porque nesta Galicia non atopaban máis que miseria e falta de oportunidades. Galicia país rico de xente pobre! Como se laiaba o noso querido e inmenso Castelao.

Na breve segunda parte do seu poemario, como que Andrea supera os traumas da emigración, que deixaron unha triste pegada na súa vida ao igual que nas nosas vidas. Andrea somos todos. Cando volven os pais xa todo non será igual. A nova casa, o novo fogar é un lugar sen referencias, baldeiro polo que non se sinte apego, no que non se teñen vínculos afectivos. Houbo un tempo e un espazo baldeiros, sen vínculos... Algo que non se pode encher; algo que non se pode recuperar.

É un libro que se le facilmente, que ao principio produce desacougo, todos nos sentimos esa nena, solidarizámonos con ela; mais non podemos suplir o que faltou e que nunca se poderá recuperar, e estaremos como Andrea, inutilmente, na busca dese tempo perdido, sentiremos como Proust remorsos, lembranzas, nostalxias dese tempo perdido e irrecuperable.

Un libro fermoso, rico en vocabulario, en recursos estilísticos en metáforas moi ben logradas. Crea un ambiente, un aire, unha atmosfera moi especial que rezuma emigración, que reivindica solidariedade; pero, hai cousas que xa non teñen remedio. Eso sí podemos ver nos migrantes persoas como nós, e lembrar que nos fomos e somos uns deles. O prólogo unha preciosidade que vai a ton con tan belido e sentido poemario.

Coa sangría da emigración e do desastre demográfico Galicia non ten futuro, somos un país a desaparecer. O galego é unha especie en extinción, como non se faga algo pronto e ben, Galicia morrerá desangrada víctima da dor da emigración.

Bravo, Andrea, pola túa sentida testemuña, pola túa desgarradora vivencia que é a de todos.

Agardamos moitos máis versos dos teus configurados en fermosos libros, a poesía de Galicia precísao.