viernes, 10 de mayo de 2024

PREMIOS DO V CONCURSO LITERARIO DAS LETRAS GALEGAS - 2024

 Con data 10 de maio de 2024, o Xurado do V Concurso Literario das Letras Galegas - 2024, composto por PRESIDENTE: Augusto Guedes, VOGAL: Carmen Castejón Cabeceira, SECRETARIO: Luis González de la Ballina González, dito concurso organizado pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Centro Comercial Arousa, comunica o seu fallo, que deu como resultado:

1º Premio para Tere Briones Berridy polo seu relato: VASTE SEN FACER RUIDO

Pasaches un bo día. Era Domingo. Tí querías corta-lo céspede, pero a máquina estaba a reparar, por iso, puxecheste a quita-las silvas que crecen moi longas e espiñentas. .Nunca as quitabas de raíz, porque gustábanche moito as moras. Cando maduraban. recollíalas e eu preparaba licor coa augardente. Ainda está sen abrir.o bote pois facía apenas un mes que o preparara.

Entraches na casa, e a túa frase de sempre "Vente que te preciso” Reíamonos os dous con picardía. Xa sabía o que querias . Que che quitara coa maquinilla, as peslusas do pescozo, para irte a duchar. As dúas da tarde xa querias comer. Ese día tiñas moita présa. Desexabas ir pronto, xoga-la partida cos mesmos de sempre. Os teus amigos. Se chegabas tarde, xogarías cos que estaban libres. Así que sen esperar que acabaran as noticias marchaches, sen torma-lo café conmigo.

Aínda non eran as tres e media. xogaches a o chinchón cos teus amigos, e ise día ganaches a partida, sóupeno máis tarde polos amigos. Logo estiveches no teu despacho como facias de cotío, vendo os planos do teu querido Rianxo. Chamáchesme dende alí para asegurarte que tiñas ven o teléfono, pois levabas un rato chamando a un amigo, e non te collía. Dixente, ten pacencia home, estará ocupado agora, xa te chamará el cando vexa as tuas chamadas. E así foi como soupen por el despois que falara contigo.Tanta insistencia, doume que pensar. Como si quixeras despedirte del.

Ás sete mais o menos, quedaches cos teus amigos para dar un paseo ata a praia, pois facia moi bo día, e valía a pena aproveitalo. Pasadas as oito, foches o bar de sempre a tomar uns viños cos amigos non podías lle fallar. Nin que tiverades que fichar. Entereime que reservaban sempre a mesma mesa para vós.

Novamente chamaches para dicir, que non chegarías ata as once máis ou menos, porque ías ver o partido televisado. Ise día, noteite moi preocupado ,como si tiveras un presentemento.

Volveches a chamar ás once menos cuarto, esta vez por si os cans estaban xa dentro, para poder entrar co coche, e que non se escaparan. porque as veces, facíanche correr moito. Díxenche que si, e que xa durrnían e que non fixeras moito ruido ó entrar na casa.

Entraches, preguntando que había para cenar. Sorprendeume, “logo hoxe. non che deron a tapiña?”. “Non quixen, contestáchesme,' pois hoxe, tomei unha botelliña de auga.”

Vas ter sorte. logo. porque onte compreiche queixo de Arzúa, da terra da túa nai e marmelo tamén.

Púsose moi contento e lle fixen o bocadillo con pan de molde de espelta que lle gostaba moito.

Entretanto, fun poñer a tele, pois recordoumo el. Había que ver nosa serie favorita, que poñían os domingos, e ese día era a final . Nese intre os cans fixeron uns lamentos.

Volvín á cociña. e xa estabas tirado no chan. Soamente comeras dous bocados. Volvíame tola. Veu a nosa filla e fixoche un boca a boca. Nese intre, abriches os olliños , miraches para as dúas. e esbozaches un sorriso. Como dicindo, “xa me podo ir tranquilo.xa estás acompañada”. E FÍXOSE ETERNO.


2º Premio para Mercedes Suárez González polo seu poema: O MEU AQUEL

O MEU AQUEL


déixame aclarar que eu non te escribo a ti, escríbolle a aquel, aquel que

usou un peluche como escusa para falarme

aquel que me namoraba cada día

aquel que dicía que loitaría por min

aquel que planeaba mil vidas comigo

aquel en cuxos brazos me sentía segura

aquel cuxos beizos desexaba bicar

aquel de cuxo olor me embriagaba

pero a onde foi o meu aquel?

aquel que tanto me fixo sorrir

e porque agora un o substituíu?

un que tanto me fixo chorar?

un que matou ao meu aquel lentamente

ata substituílo completamente

usurpando o seu corpo

corpo que tanto quixen

corpo ao que fun forzada a

odiar do que antes era dono o

meu amor amor que non quero

esquecer

e por iso pensana nel cada día

sen embargo, vinme obrigada a deixar de facelo por

temor a decatarme do momento exacto

no que o meu amor desaparecera

para substituílo un que non me

quería un que solo me deixa

interrogantes

pois dende que o meu aquel desapareceu solo

me pregunto cousas

porque does tanto?

porque ese impostor alargou tanto a mentira de que me quería?

porque o teño que ver cada día?

porque tiveches que ensinarme a querer, para despois desaparecer? porque? porque?

porque...


3º Premio para Alba Sánchez Ares pola súa epístola a BORBORIÑADO 

 

                                 Southampton, 10 de abril de 1912


 

                           Borboriñado:


Canto tempo terei que agardar para volver a rebulirche? Coñezo de cor tódalas túas pencas, teño choutado entre elas mentres ti enguedellabas o meu cabelo. Fun bubela e avelaíña, lun espiritrompa na buxaina da nosa esmorga.

Debulláchesme as mimosas nos beizos e as cóxegas na caluga, sinto morriña das cereixas coas que agasallabas as miñas orellas. Os nosos segredos bailaban muiñeiras entre o lume do desexo, velaí os aturuxos que enfeitaban os repenicos do meu xustillo. Os nosos soños garuleiros engulipaban o tempo mentres nos gorentábamos baixo o meu pano de ramo.

 

O futuro abesúllanos cos ferretes da alvariza. Eu tento apouvigar o meu maxín de bágoas esnaquizadas que se revolven ante a realidade, un presente que remexe a sorte no garamelo.

Silandeira  fendeunos  a  emigración.  Tronzounos  as  almas  que  andaban  á

lebrescura entre os pés do hórreo, ancorounos as filigranas que compartían os nosos dedos, varou o amoado e o unto do noso filloeiro.

Tesme retratado mentres eu chiscaba as fochiñas das fazulas ao roubáresme sorrisos. Agora apando con imaxinarnos soprando mexacáns e trabando papoulas. Xa laian os estraloques e o millo no muíño. Miúdo medo, tórnate afouteza!

Húmida incerteza afoga os saloucos do meu temor. Vou sen ti, non sei onde pousar o corazón que levo na valixa. Descoñezo se naufragarei na nova terra que recolla as crebas deste meu corpo estarrecido de lembrarte. Preciso folgos que non xeman por ti mais négome a guindar o chumbo dos meus petos.

Agora mesmo pensarte é coma xogar á mariola nunha batea.

Xa me amola a distancia e aínda non comezou a navegar o Titanic. Atoparémonos de novo algún día?

 

Rosiña


Parabéns a todas as premiadas e nosa gratitude ao Xurado polo seu traballo altruísta e  a súa dedicación a ler e valorar os 94 traballos presentados a este V Concurso e tamén nosa especial gratitude á Xunta de Galicia e ao Centro Comercial Arousa, sen todos eles esto non sería posible.


ENTREGA DE PREMIOS:  O xoves, 16 de maio de 2024, véspera do Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta, ás seis da tarde na Sala Multiusos do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía.

Neste acto, será oficialmente efectivo o nomeamento como Socio de Honra da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa ao Sr. D. Luis González de la Ballina González, Director do Centro Comercial Arousa, gran colaborador e protector da nosa Asociación, seralle imposto o pin da Mesa das Verbas.









sábado, 30 de marzo de 2024

PALESTRA DE XESÚS ALONSO MONTERO - 12-04-2024 19:30

 






IMAXES PARA A LEMBRANZA DUNHA XORNADA MEMORABLE













CLICADE AQUÍ UN ARTIGO INTERESANTE E UNHAS MAGNÍFICAS FOTOGRAFÍAS DO NOSO AMIGO O FOTÓGRAFO LUIZ OUBIÑA:

https://www.diariodosalnes.es/album/vilagarcia-arousa/palestra-xesus-alonso-montero-jose-luiz-oubina/20240413133648019286.html?fbclid=IwAR23h6zW_7QNQZ_7QvKf-kgap3UwXGpIF_blnlWsggDD_XOa4VYFzw-6oHk_aem_AclSpjknUXwBiWJzNCyReVgCPLBJfYusG6hbAy7nMjU42ZGSmXCK2ZMfP-UmDwlwWBQ#photo-13  


RESEÑAS DE PRENSA

13/04/2024 : LA VOZ DE AROUSA - LA VOZ DE GALICIA:




13/04/2024: DIARIO DE AROUSA:



VÍDEO-CLIPS

Da comida de confraternidade temos esta testemuña de Isabel Peleteiro, aínda que á camerawoman váiselle a cámara das mans, mais quedan as palabras do noso querido D. Xesús:


E da colaboración musical de Xosé Duarte, este anaco da súa composición musical sobre un poema da nosa lembrada e prezada XAQUINA TRILLO, do seu poemario: COMPOSTELA E AS CAMELIAS:











jueves, 21 de marzo de 2024

CXL MESA DAS VERBAS - MICRO ABERTO - 23-03-2024


Xa van alá 140 edicións mensuais dos recitais poéticos - micro aberto da Mesa das Verbas, 13 anos e 2 meses ceibando versos ao ar de Arousa, como o 13, mal número se non medra, agardamos seguir por moito tempo coa compaña de todos vós. E como dicía Cunqueiro mil primaveras máis para a poesía e para a lingua galega.

QUEREMOS VERVOS A TOD@S ESTE SÁBADO, A PARTIRES DAS SEIS DA TARDE, NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA.

Despois do recital, teremos:

- Asemblea Extraordinaria de Socios:

1.- Actualización da composición da Xunta Directiva coa conformidade da Asemblea.

- Xunta Directiva Ordinaria:

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2.- Estado de Contas.
3.- Informes e propostas da Presidencia
4.- Rogos e preguntas
 

viernes, 15 de marzo de 2024

CONVOCATORIA DO V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2024

  

  
                                                                                             




V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS/2024

CONVOCADO E ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA

COA COLABORACIÓN DA  SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA DE GALICIA

 

1.- Convócase este V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 2024, idea e organización da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa coa colaboración do Centro Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación literaria en lingua galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

2.- Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente acepta as presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como tamén acepta todas as decisións do xurado (que estará composto polos autores premiados na edición anterior, se fose posible; senón as entidades que promoven o concurso designarán ao xurado) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables. A participación no concurso supón a aceptación e asunción destas bases. En caso de menores de idade acompañarán no sobre pequeno a autorización do pai ou da nai ou do titor/a legal, así como a autorización da xestión do datos persoais só a efectos de cuestións relacionadas con este concurso (a autorización do manexo dos datos persoais tamén será enviada polos concursantes maiores de idade).

3.- Cada persoa poderá presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera xénero e estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser orixinal e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en calquera outro certame.

4.- A extensión máxima de cada obra será dun folio por unha soa cara (as presentadas escritas nun procesador de textos farano nun tipo de letra Arial de corpo 11) e as presentadas de xeito manuscrito serán con letra lexible sen manchas, emendas nin tachados. Os traballos presentaranse en sobre con plica. O orixinal do traballo non pode levar ningún sinal (agás do lema), marca ou calquera outra cousa que poida identificalo. O traballo será acompañado cun sobre pequeno con lema, a xeito de plica, neste sobre irán os datos do autor: Nome e apelidos, NIF, un número de teléfono, enderezo postal, enderezo electrónico, este pequeno sobre pechado estará dentro do sobre grande xunto co orixinal. O sobre grande tamén pechado, levará escrito o mesmo lema que o sobre pequeno.

5.- O prazo de entrega será ata o 3 de maio de 2024 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa ou ao seguinte enderezo postal:   Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

6.- Os premios non poderán declararse desertos.

7.- A entrega de premios terá lugar o xoves, 16 de maio de 2024 (véspera do Día das Letras), conmemorando o Día das Letras Galegas (este ano dedicado a Luisa Villalta), nunha edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 18:00 h. na sala de usos múltiples, no 1º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.

8.- Os premios serán os seguintes:

- 1º PREMIO: 400 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 100 €, e diploma.

- 2º PREMIO: 300 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 50 €, e diploma.

- 3º PREMIO: 200 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 25 €, e diploma.

 

9.- Os autores ceden todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano, reverterían de novo nos seus autores.

 

10.- As obras non premiadas poderán retirarse ata o 30/06/2024, acreditando debidamente ser a autora ou autor, despois desa data serán destruídas.

 

11.- A participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.

 

 

Vilagarcía de Arousa, 15 de marzo de 2024