lunes, 21 de octubre de 2024

IV CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA XAQUINA TRILLO




 BASES

IV PREMIO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA

Xaquina Trillo

 

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, coa Deputación Provincial de Pontevedra e co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía convoca o IV Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo”, que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación de todas as persoas que desexen concorrer, a partires dos 16 anos, cumpridos no ano 2024, e sen límite de idade, iso si, cumprindo a idade de partida (os dezaseis anos-2024).

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun poema que non exceda  dos 60 versos, extensión máxima sesenta versos. O poema ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso.

IV.           O poema ten que estar escrito necesariamente en idioma galego.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o poema, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento. c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor; f) O nome e identificación do centro de estudos, caso nas persoas de 16 anos. g) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso, avalado pola nai/pai ou titor/a da persoa participante e co seu consentimento, no caso dos participantes menores de idade. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha urna que estará situada nun lugar sinalado e publicitado no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben pode enviarse por correo postal ao seguinte enderezo:  IV Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo” - Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 21 de outubro de 2024 ata o 9 de decembro de 2024.

VIII.    O fallo darase a coñecer o 23 de decembro de 2024.

IX.           A entrega de premios será no acto que celebre o Concello de  Vilagarcía de Arousa co gallo do Día de Rosalía  de 2025 e que oportunamente se anunciará. Ou nunha Mesa das Verbas que tamén se anunciará con antelación.

X.              Publicaranse os poemas premiados no blog: https://mesadasverbas.blogspot.com Así como nun número especial do noso Boletín Medulio. Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa. Para isto, os autores e tamén por medio dos seus titores, no caso de minoría de idade, cederán durante un ano os dereitos dos seus poemas para facilitar dita publicación, por medio dun escrito expreso.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá en 300 €, un vale de 100 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa. b) 2º Premio que consistirá en 200 €, un vale de 50 € do Centro Comercial Arousa, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.  c) 3º Premio que consistirá en 100 €, un vale de 25 € do Centro Comercial Arousa e un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas, A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación Provincial de Pontevedra e polo Centro Comercial Arousa.

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das mesmas.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web do Concello de Vilagarcía de Arousa e na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, por medio dos seus titores legais, no seu caso, cumprimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes da data de entrega de premios, procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a poesía en idioma galego entre a mocidade e os cidadáns en xeral, a lingua galega é cousa de todos e todos debemos cultivala.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.

SAÚDE E POESÍA!

ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS DE VILAGARCÍA DE AROUSA 












 

No hay comentarios:

Publicar un comentario