sábado, 29 de febrero de 2020

HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO, 22-02-2020 12:00

Na antesala do Salón García, na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa e organizada polo Concello celebrouse unha homenaxe á nosa poeta nacional, Rosalía de Castro, o pasado sábado 22 de febreiro de 2020, conmemorando o nacemento da grande escritora (Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1837), cunha representación importante de socias e socios da ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS. Aí vai unha pequena reportaxe fotográfica:











miércoles, 26 de febrero de 2020

CII MESA DAS VERBAS NO MULTIUSOS DE CATOIRA, 21-03-2020 18:00

O 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, patrocinada polo Concello de Catoira, terá lugar no seu Edificio Multiusos a CII MESA DAS VERBAS, recital poético aberto á libre participación de quen teña ben ceibar verbas e versos a carón do río Ulla, que alimenta coas súas xenerosas augas á nosa Ría de Arousa. A partires das 18:00 h. nas terras custodiadas polas Torres de Xelmírez, as Torres do Oeste, compartiremos a Mesa dos versos, a Mesa das Verbas. Están todos invitados.


MÁIS FOTOS DA CI MESA DAS VERBAS, 22-02-2020

Seguimos cunha pequena reportaxe fotográfica da CI MESA DAS VERBAS:








Neste mesmo acto procedeuse a entrega de premios do III Concurso de Cartas de Amor, convocado polo Centro Comercial Arousa coa colaboración da Mesa das Verbas. O primeiro premio foi para a nosa amiga e compañeira Tere Briones e o terceiro para nosa amiga e compañeira Paula Cascallar Latorre. Parabéns para elas as dúas, afortunadas das Musas e dos Trasgos das letras!!!


Nova etapa da Mesa das Verbas

O 22 de febreiro de 2020 comeza unha nova etapa para a Mesa das Verbas, ese sábado, ás 20:30 h., na Sá de Xuntas do Centro Comercial Arousa comeza a sesión de constitución da  Mesa das Verbas coa aprobación da Acta Fundacional, así como a aprobación dos Estatutos e a elección da Xunta Directiva, rematando o acto de constitución oficial ás 21:30 h., quedándose en proceder legalmente para inscribir os Estatutos, dar de alta a ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS, solicitar o CIF e facer todos os trámites necesarios para consolidar e legalizar a asociación. A Xunta directiva quedou así conformada:

PRESIDENTE: Germán Manuel Torres de Aboal
VICEPRESIDENTE: José Ramón Quintáns Suárez
SECRETARIO: Luís González Bravo
TESOUREIRA: Mª Teresa Briones Berridy
VOGAIS: Mª del Carmen Abalo Noya, Ramón Torrado López, Manuel Lage Touriño, Enrique Blanco Rodríguez, Alejandro Gustavo Guanella Ureta

Previamente, celebramos a CI Mesa das Verbas, recitais poéticos que vimos celebrando desde a primitiva época do Liceo Casino de Vilagarcía, cando comezou a nosa historia o 21 de xaneiro de 2011, máis de nove anos de andaina  e 101 meses consecutivos ceibando os nosos versos e as nosas verbas ao ar de Arousa. Temos publicadas dúas revistas Anaco 1 e Anaco 2, editadas co patrocinio do Concello de Vilagarcía de Arousa, temos publicados de xeito moi artesanal 27 números de Medulio, noso boletín mensual. E agardamos que os deuses e as musas nos inspiren para seguir moitos anos dándolle voltas ás letras e aos versos, nosos vínculos de unión. Celebramos todos os xoves un parladoiro, xuntámonos maiormente no bar "La Marina" de Vilagarcía de Arousa. Nosas actividades son abertas para todo aquel que queira participar, convivindo amparados na conversa e na literatura.







Parte da nosa historia tamén a podedes consultar en:

https://uranialacelestiale.wixsite.com/mesadasverbas 

e a nosa compañeira e amiga Paula Cascallar Latorre manten a seguinte conta:

https://www.facebook.com/MesadasVerbas/


Este blog, a partires de agora, será punto de información e de encontro.