miércoles, 4 de mayo de 2022

BALDOMERO ISORNA CASAL, POETA CATOIRENSE

 


BALDOMERO ISORNA CASAL (1916 - 1986)
Fillo de Catoira e amante da súa contorna, poeta e home da cultura. Foi amigo íntimo de Faustino Rey Romero (1921-1971), sacerdote, poeta e escritor nado en Isorna (Rianxo), no outro lado do río, fronte ás Torres do Oeste. Durante unha tempada Faustino visitaba a diario Catoira e co seu amigo Baldomero fundaron en 1959 o Ateneo do Ullán, que tiña a súa sede na cantina da Estación de Ferrocarril de Catoira. Alí idearon no ano 1960 a famosa Romaría Vikinga, que celebraría a súa primeira edición o 27 de xullo de 1961.
O Ateneo do Ullán era unha vizosa experiencia no ermo cultural do franquismo, deseñaron unha empresa editorial con varias obras en preparación, cousa que non se logrou completamente. Entre os  personaxes que colaboraron co Ateneo do Ullán, podemos citar, entre outros, a Camilo José Cela, Luís Bouza Brey (Lucho) e moi próximos a nós Manuel Blanco Mariño (a quen lle ían publicar un poemario) e o noso admirado escritor e amigo o profesor, poeta e erudito Xesús Alonso Montero, por tan só citar a algúns.
Baldomero Isorna Casal trasladouse a Madrid, onde desenvolveu o seu labor profesional de Procurador dos Tribunais. Asiduo contertulio no Ateneo de Madrid e no famoso Café Gijón, onde capitaneaba o grupo galego de ambas institucións.
Pasaba a súas desexadas vacacións de verán na súa querida Catoira, onde desfrutaba placidamente das súas xentes, das súas paisaxes e da súa gastronomía.
Lembramos hoxe a Baldomero, o poeta, que ademais de moitos poemas soltos e de gañar algúns premios, publicou estes dous libros:

- Campanas de palo. Madrid, 1959

- Voz en blanco y 3 poemas abstractos. Madrid, 1960.

Na Xeira de Catoira, que a ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS de Vilagarcía de Arousa celebrará o sábado, 28 de maio de 2022, homenaxearemos ao poeta Baldomero e lembraremos ao seu querido amigo Faustino.

Agradecemos a acollida e o trato recibido cara a esta proposta polo Concello de Catoira na persoa do seu Alcalde Alberto García, na colaboración de Marisa Isorna, sobriña de Baldomero e de Mónica Vilas, funcionaria municipal, encargada de Cultura de dito Concello.
Agardamos ter unha Xeira memorable. A todos gracias por adiantado.


Baldomero Isorna de "tertulia" no Ateneo de Madrid, entre outras persoas, con Camilo José Cela


Os máximos armadanzas do Ateneo do Ullán
Ocorrentes e ledos poetas


Para a confección deste artigo utilizamos a valiosa documentación cedida por Marisa Isorna, sobriña de Baldomero Isorna Casal, quen é merecente de ser lembrado e homenaxeado. Oxalá moi pronto o Concello de Catoira faga unha recopilación da obra do seu poeta e elabore unha necesaria biografía do mesmo. Mentres lembremos a Baldomero e a tantos personaxes que están no esquecemento nas nosas vilas e aldeas, non morrerán e a súa obra e o seu labor permanecerán por sempre.






No hay comentarios:

Publicar un comentario