miércoles, 10 de mayo de 2023

ACTO DE ENTREGA PREMIOS IV CONCURSO LETRAS GALEGAS - SÁBADO, 13-05-2023 18:00

 Este sábado, 13 de maio de 2023, a partires das 18:00 h. e na Sala Multidisciplinar do Centro Comercial Arousa (2ª planta), desenvolverase o acto de entrega de premios do IV CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2023, coa seguinte programación:

1.- Palabras limiares de acollida e benvida por parte da presidencia.

2.- Lectura da acta e entrega de premios, seguindo esta secuencia: 3º, 2º, 1º

3.- Lectura dos traballos premiados coa mesma secuencia anterior.

4.- Palabras de clausura por parte da presidencia e das representacións institucionais presentes.

5.- Ágape de confraternidade convidados pola xentileza do Centro Comercial Arousa.


BOLETÍN MEDULIO Nº 56





REPORTAXE GRÁFICA - 13/05/2023

PANORÁMICA DE LUÍS GONZÁLEZ DE LA BALLINA

IMAXE DE ROBERTO ABAL

Roberto Abal

Roberto Abal

SIGUE UNHA REPORTAXE GRÁFICA DE ROBERTO ABAL

















REPORTAXE GRÁFICA DE TERE BRIONES:















































































jueves, 4 de mayo de 2023

PREMIADOS NO IV CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2023

 


PRIMEIRO PREMIO

Sonia Corral Franco

 

DESATINOS

Será unha viaxe de traballo, dixérame. Será unha boa oportunidade para promocionar o meu libro. Pasarei toda a fin de semana entre conferencias e ti terás que matar o tempo deambulando polas instalacións do hotel, facéndome sentir culpable por non poder adicarche tempo.

Xaaaaa!!!! Puta mentireira!

Sabía que mentía, pero esta vez estaba disposto a pillala in fraganti. Remexendo no seu escritorio, din cos datos da reserva do hotel que a editorial lle fixera. Sería fácil presentarme alí e desenmascarala.

Cheguei á hora do almorzo, o corazón bulíame a mil. Abrín a porta da habitación 313 e as miñas sospeitas confirmáronse. Unha gravata sobre a cama foi indicio suficiente.

Sen darme tempo a reaccionar, uns pasos e uns risos cómplices aproximándose polo corredor, acompañados do ruxido dunha chave na fechadura da porta tentando abrila, empurráronme á agocharme no armario.

Debía permanecer inmóbil para tratar de non ser descuberto. Mais, de súpeto, a porta do armario abriuse, e o meu agocho foi violentado. Un corpulento home apareceu ante min. Non o coñecía.

Todo aconteceu nuns ínfimos segundos, a man do home asiume  polo pescozo e chimpoume fóra do armario. Tiroume ao chan, e púxome o seu pé sobre a gorxa impedíndome respirar.

Alí deitado, puiden ver aterrado, que a muller que o acompañaba non era a miña esposa. Ela con cara de pánico, tentando apartalo de min, á vez que repetía en bucle que non me coñecía de nada, que non era o seu querido.

Empreguei o escaso aire que me quedaba nos meus pulmóns, para verbalizar unha inerte desculpa; isto é un erro. Equivoqueime de habitación, eu só buscaba á miña muller.

Todos os xornais do día seguinte fixéronse eco da noticia:

Crime na Feira da Novela Negra de Ferreira; “Un ataque de ciúmes leva a un dos amantes da escritora Ana Lago a acabar coa vida da recoñecida autora e ca de outro dos seus queridos ao sorprendelo agochado dentro dun roupeiro, no hotel onde se desenvolvían as xornadas literarias. Ao parecer, a escritora mantiña varias relacións paralelas sen que os seus amantes nin o seu marido fosen coñecedores dos feitos”.

O que xamais contaron os xornais era que eu non coñecía de nada a aquelas persoas, que a miña muller cambiara a habitación á súa compañeira para facerlle un favor, que me equivocara de cuarto, que agora a miña muller cría que eu lle fora infiel coa súa amiga, que esa muller estaba morta, que o seu marido tentara matar ao seu querido, ao meu asasino, o que o levara a ingresar no cárcere... que a miña muller xamais me puxera os cornos. Que estou morto por unha serie de desatinos!


SEGUNDO PREMIO

José Ramón Sánchez Varela

 

O CASAMENTO

I – 26/05/2018

Non foi senón –coñecerte- unha orxía de bolboretas no devalo de maio. A puntualidade da vida, contra todo prognóstico.

 

II – COMPROMISO

Con esta palabra nace o poema. Nacen os espertares de mans enredadas, o olor a pan da túa pel morna, o ágape mesmo das caricias. Arden nesta palabra os corpos, a nudez explícita de mirarnos, a celebración da carne. O magma, tanto tempo adormecido, estoura. É daquela que consensuamos a lexitimidade da pertenza anoando senllos destinos cun anel de arame, pois non é material a nosa riqueza: no convite das bocas profesamos. Afirmo que con esa palabra naceu o noso poema. Que con esa palabra, celebramos.

  

III – ÍDEM

Se choras, choro. Se ris, río. Se río, auga. Se auga... esta corrente de paixóns que nos arrastra. Que caprichosa nos abraza.

 

IV – DE LUME E XEO

Coa lentitude que o faría un glaciar as miñas mans –ben, con toda seguridade un chisco máis rápido para ser sincero-, as miñas mans, dicía, as miñas mans avanzan coa impaciencia do poldro sobre a península do teu corpo, buscando desesperadamente transformar a carne en lava e conseguir así fundir, nun só, dous elementos. Non sería acaso fermoso vagar dese xeito pola terra ata que o lume nos apagase?

 

V – INVERNO CONTIGO

Prisioneiro, o lume que nos envolve, arde envexoso. Fóra, a neve celosa e libre, rabuña os cristais. Darían o que fose por ser nós. Aquí e agora. El, morrer abrazándoa. Ela, esvaer ó seu carón.


TERCEIRO PREMIO

Cecilia Ceruelo Briones

 

Namorouse das ondas, das pequenas.

Das ondiñas que pintan anacos de balde na marea; xeitosas, preguiceiras... dos chisquiños das cunchas amorriñadas na area...

 

Albiscou os peixes e as algas, e pensou en ser un. ¡Aquel cheiro salgado devolvíalle á vida...!

 

Ollou tamén as gaivotas, e ata un zampullín apaiolada.

Adiviñou o arrolo da brisa semellando unha aperta sincera, un bico cálido... e pensou como podía alcanzar tanta paz...

Mirou ó lonxe e cara atrás; para aqueles camiños que tantas veces recorría.

Escoitou os rumorosos unha vez máis, o rinchado de follas secas...; sentiu o recendo mesturado dos eucaliptos e dos loureiros...

 

Escolleu a queda detrás de tanto barullo, sen decatarse, de que era iso o que realmente desexaba, o que lle facía feliz.

Non puido sentir o medo, e sorriu...

 

Namorouse de novo...

 

...E rompeu a chover, suave, miúdo, como bágoas tenras. (Lembrou a cantadela que unha vez foi poema).

O fondo Malveiras, e Cortegada a súa esquerda.

 

Elevou a vista, alcanzando o ceo. -¿O Ceo?-.

Aquel sol lacazán rifaba cas anoxadas nubes.

 

Sorriu de novo, decidido e enteiramente feliz...

Inspirou unha vez máis, íntimo e profundo.

 

Fronte a el: O Ceo, O Mar e A Terra.

Tornou a noite...

...e converteuse en TODO.

 

Era un día de outubro. 


ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS, O SÁBADO, 13 DE MAIO DE 2023, A PARTIRES DAS 18:00 H. NA NOVA SALA MULTIDISCIPLINAR DO CENTRO COMERCIAL AROUSA (NO SEU 2º ANDAR).

Grazas a todas e todos os participantes e moitos parabéns, dun xeito moi especial tamén aos gañadores dos premios.

Especial gratitude aos membros do Xurado polo seu ingrato labor de ter que seleccionar só tres traballos, porque todos os participantes estaban cheos da calidade e de moito mérito. Pero había que cumprir as bases.


A Mesa das Verbas agradece moi sinceramente aos colaboradores deste certame, sen eles esta edición do concurso non sería posible. Grazas, pois ao Centro Comercial Arousa e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

E como dicía o gran Älvaro Cunqueiro: "Ata outra millorada".


Francisco Fernández del Riego (1913-2010)
Nunha imaxe de Xermán Manuel Torres

Don Paco foi un loitador por soerguer Galicia, a súa lingua e a súa cultura,
foi unha constante durante a súa longa e proveitosa vida.
DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2023