Rosalía, a do corazón grande,
Rosalía, a das verbas xeitosas.
Vida galega que sae das súas verbas.
Rosalía, a do corasón cumprido.
(Xermán Torres)
Rosalía, por que laias?
Eses berros ao ar
convertéronse na túa identidade.
Deches a coñecer ao mundo
que Galiza sufría en silencio.
Musa do rexurdimento galego,
muller nostálxica, os teus poemas
ficaron no tempo.
(Marisa Jamardo)
Vexo a Negra Sombra,
coa man nerviosa e palpitante no seo,
as néboas nos meus ollos condensadas
cun mundo de dúbidas nos sentidos
e un mindo de tormentos nas entrañas;
sentindo como loitan
en sen igual batalla
inmortais desexos que atormentan
e recordos que matan;
mollo no propio sangue a dura pruma
rompendo a vea inchada
e escribo..., escribo..., escribo?
Para que?
Volvede ao máis fondo da alma tempetuosas imaxes!
Ide mirar cousas mortas, relembranzas!
Que a man tremente no papal só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da ideas á forma inmaculada e pura
onde quedou velada?
(Ignacio González Núñez, "Nasuko")
As vellas rúas de Santiago
acubillan teimudas
segredos dos teus pasos
Chove miudiño
e o silencio do mencer
enseñorea a praza
Son as sombras doutras chuvias
escintilantes alfaias compostelanas
guardiáns da túa voz
Hoxe, Rosalía;
tralo vidro da palabra;
sangra a alma o feitizo
dos teus cantares
(Augusto Guedes)
Tanxen bronces e recordos por Bastabales
cos garuleiros merlos ebrios de natura.
Que lírico día de versos e reencontros!
Oh, que gozo sentirte viva, sen morrer nunca!
(Luis González Bravo)
As campás de Bastabales
xa non tocan como antano
agora tocan coa pena de saber
que a nosa fala vai desaparecendo
coa desgana daqueles galegos
que deixan de utilizala.
Rosalía defendía, presumía de falar
expresábase coa súa lingua;
coa lingua da súa nai.
(Dula Piñeiro)
Rosalía defensora do galego
e da liberdade da muller,
con alma e corazón
serás recordada eternamente.
Pasaches moitos sufrimentos
a túa faciana e os teus poemas
reflicten tristura...
O mundo enteiro coñécete,
o teu amor era inmenso para todos.
(Pilar Lojo)
Rosalía décheslle luz á sombra.
convertiches un adeus en onda,
fixeches himnos de tristeza en alegría,
reviviches a linguaxe do canto,
fixeche unha balada,
o murmurio volveuse sonoro
e a túa poesía é un todo.
(Luismi)


No hay comentarios:
Publicar un comentario