miércoles, 9 de septiembre de 2020

PROGRAMACIÓN - MESAS DAS VERBAS

 

NUN DOS NOSOS PARLADOIROS


AS MESAS DAS VERBAS QUE RESTAN PARA ESTE ANO 2020

SERÁN NA SALA DE CONFERENCIAS DO AUDITORIO MUNICIPAL A PARTIRES DAS 18:00


- Sábado, 26 de setembro de 2020, a partires das 18:00 h - CIII Mesa das Verbas

- Sábado, 17 de outubro de 2020, a partires das 18:00 h. - CIV Mesa das Verbas

- Sábado, 21 de novembro de 2020 18:00  - CV Mesa das Verbas

- Sábado, 19 de decembro de 2020  18:00 - CVI Mesa das Verbas

A Sala de Conferencias ten un aforo reducido de 90 persoas e nós aínda o reducimos máis: a 30 persoas polo que non hai problemas para gardar as distancias. E seguiremos o protocolo COVID-19 como fixemos no mes de agosto na pza. de Galicia.

jueves, 20 de agosto de 2020

XUNTA DIRECTIVA E VÍDEO DE LEMBRANZA

 

OS DIRECTIVOS DA MESA DAS VERBAS, ASISTENTES Á XUNTANZA DO 20/08/2020

No marco incomparable da terraza de La Marina na Alameda de Vilagarcía de Arousa, nunha tarde agradable e nun ambiente de amizade e distensión celebramos reunión da Xunta Directiva, que xa ten no seu poder o borrador da acta correspondente.
Tamén tivemos tempo para gozar con algúns dos poemas de Luis González e lemos o sentido ADEUS VILAGARCÍA do caro amigo Eduardo Víctor Castro López, que nos miraría compracido desde o lugar onde se atope, nós tivémolo presente na nosa lembranza.

Para facilitar a súa consulta e o seu goce imos ir recuperando vídeos da nosa historia, moitos deles colgados en youtube grazas ao bo facer do noso querido e lembrado amigo e compañeiro Manuel Olveira Hortas, que en gloria estea. Clicade aquí e veredes a IV Mesa das Verbas:



SAÚDE E POESÍA

jueves, 13 de agosto de 2020

CEIBARON VERSOS AO AR DE AROUSA

 Na CII Mesa das Verbas, celebrada o sábado, 1 de agosto de 2020, na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa, os seguintes meseros:


Quintáns


Carmen Abalo


Paula Cascallar


Luís González


Tere Briones


Al Guanella


Andrea Fdez. Maneiro


Cándido Duro


Isabel Peleteiro


Mª José Rubianes


Antonio Quiñoy


Joaquín Sanmartín


Tizado


Rafa Villar


Manuel Lage


Xermán Manuel Torres

Parte do público


Nesta Mesa tamén presentamos ao público a nosa revista ANACO 3, magnificamente editada polo noso Concello, así mesmo patrocinador deste acto. Damos as gracias pola súa inestimable colaboración á Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa e a todos os que participaron activamente e como espectadores nesta CII Mesa das Verbas que a fin puido ter lugar. Non nos esquecemos de tamén agradecer aos Terribles de Arousa pola súa colaboración musical. E ata outra millorada, amigos!!!

OS TERRIBLES DE AROUSA








jueves, 9 de julio de 2020

POEMARIO DE ANDREA FDEZ. MANEIRO



Neste fermoso libro nosa amiga e compañeira Nei reflicte as angustias, os desacougos, os medos, a orfandade das fillas e dos fillos dos emigrantes de Galicia, que teñen que abandonar a Terra na busca do sustento e do traballo para poder vivir. 

A emigración e o problema demográfico de Galicia son un cancro que deixa deserta e morta a Nosa Terra. Xa Rosalía se revoltou sobre este problema que deixa viúvas de vivos e fillos que non teñen pais.

Andrea fainos partícipes da súa tristura de nena pola marcha dos seus pais a Francia na busca dunha mellor vida, como botaba en falta a presencia dos seus pais nos momentos cruciais da súa vida. Todos os galegos en maior ou menor medida fomos víctimas pola perda dos seres queridos que tiveron que marchar. Porque nesta Galicia non atopaban máis que miseria e falta de oportunidades. Galicia país rico de xente pobre! Como se laiaba o noso querido e inmenso Castelao.

Na breve segunda parte do seu poemario, como que Andrea supera os traumas da emigración, que deixaron unha triste pegada na súa vida ao igual que nas nosas vidas. Andrea somos todos. Cando volven os pais xa todo non será igual. A nova casa, o novo fogar é un lugar sen referencias, baldeiro polo que non se sinte apego, no que non se teñen vínculos afectivos. Houbo un tempo e un espazo baldeiros, sen vínculos... Algo que non se pode encher; algo que non se pode recuperar.

É un libro que se le facilmente, que ao principio produce desacougo, todos nos sentimos esa nena, solidarizámonos con ela; mais non podemos suplir o que faltou e que nunca se poderá recuperar, e estaremos como Andrea, inutilmente, na busca dese tempo perdido, sentiremos como Proust remorsos, lembranzas, nostalxias dese tempo perdido e irrecuperable.

Un libro fermoso, rico en vocabulario, en recursos estilísticos en metáforas moi ben logradas. Crea un ambiente, un aire, unha atmosfera moi especial que rezuma emigración, que reivindica solidariedade; pero, hai cousas que xa non teñen remedio. Eso sí podemos ver nos migrantes persoas como nós, e lembrar que nos fomos e somos uns deles. O prólogo unha preciosidade que vai a ton con tan belido e sentido poemario.

Coa sangría da emigración e do desastre demográfico Galicia non ten futuro, somos un país a desaparecer. O galego é unha especie en extinción, como non se faga algo pronto e ben, Galicia morrerá desangrada víctima da dor da emigración.

Bravo, Andrea, pola túa sentida testemuña, pola túa desgarradora vivencia que é a de todos.

Agardamos moitos máis versos dos teus configurados en fermosos libros, a poesía de Galicia precísao.