TRANSCRICIÓN
Alonso Montero, X.
(Sábado, 30/08/2022). A mesa das verbas. Beatus
qui legit. La Voz de Galicia, 39.
A mesa das verbas
Así se chama unha
asociación de poetas de Vilagarcía de Arousa que, desde hai máis de vinte anos,
protagonizan e promoven actividades literarias ausentes noutros concellos ou
comarcas de Galicia. É de elemental xustiza gabar e alentar entidades destas características
e desta biografía. Editan Anaco. Revista
Poética da Mesa das Verbas, que subvenciona o Concello (parabéns!) e da que
acaba de saír o nº 7, un volume con textos poéticos de vinte autores entre
voces masculinas e femininas.
Quizais a algún lector
moi purista o sorprenda a voz “verba” por “palabra”, pero, non sendo
patrimonial no galego, ten sido empregada, ata que chegou o douto maxisterio do
Instituto da Lingua Galega, por bastantes escritores e nalgúns dicionarios. Eu
mesmo en 1953, xa finalizada a carreira de Filoloxía Románica, escribín un
artigo co título Filoloxía e historia
cultural da verba saudade, que publicou Galaxia no volume colectivo La
saudade (R. Piñeiro, García-Sabell, Rof Carballo...).
Ademais de Anaco, a
asociación edita un Boletín da Mesa das Verbas que nos informa sobre
importantes actividades. No nº 43, por exemplo, publica os tres poemas
gañadores do I Concurso de poesía en lingua galega Xaquina Trillo, a
interesante poeta de Vilagarcía (1916-2004). Non carecen de interese os textos,
de autor xuvenil, premiados: Alma Zamora Pérez, Diego Outón Carrión e Xiyao Hu
Zhu, que é unha mociña de orixe oriental. Noutro número, o 46, o poeta
homenaxeado é Baldomero Isorna, de Catoira (1908-1986), e noutra ocasión foino
Manuel Blanco Mariño, carpinteiro de oficio e nobre voz proletaria (1929-2021).
Asociación tan disposta a lembrar aos poetas da comarca non esquecerá, entre os
clásicos, a Aquilino Iglesia Albariño, e entre os de hoxe, a Gonzalo
Bouza-Brey, que xa dorme fóra.
A revista desta
farturenta “mesa das verbas” dirixida con entrega e entusiasmo polo profesor
Xermán Manuel Torres, acolle versos en galego e en castelán de cantos e cantas
senten a chamada da escrita. Xa virán a historia e a crítica literaria coa súa
severa peneira. Pero a desta revista é unha convocatoria de portas abertas.
Unha xenerosa columna e merecido recoñecemento ,o que nos adica D.Xesús Alonso Montero a MESA DAS VERBAS na súa columna da VOZ DE GALICIA.
ResponderEliminarDestacou a nosa laboura en prol da creación literaria ,preferéntemente en lingua galega,pero tamén en castelán.O que me pareceu unha posición equitativa con respecto a de prorizar a Literatura.
Remata a súas verbas con unha frase que paréceme concluinte: " xa virán a historia ea crítica
Coa súa severa peneira".
Por suposto que virá ,non o dubide D.Xesús.
Agradecida,como membro da MESA DAS VERBAS e esperámolo en Vilagarcia onde a súa voz segu
Irá resoando por sempre en os corazós destes poetas que admiran e xa queren.
Temos a sorte en Galicia de ter homes sabios como don Xesús. Aproveitemos a súa sabiduría.
ResponderEliminar