Igrexa de Santa María de Caldas de Reis
SANTA MARÍA
Parroquia do municipio do mesmo nome,
pertencente ao arciprestazgo de Moraña e diocese de Santiago de Compostela.
Para López Ferreiro a igrexa é do
século XI ou XII, coa finalidade de “substituír a la que Almanzor destruyó del monasterio
de Santa María”.
A igrexa
de Santa María ten unha soa nave e a cabeceira recta, a que se lle engadiron
dúas capelas rectangulares, a capela norte dedicada a San Diego mandada
construír por Buceta Caamaño en 1602.
A capela
sur é a da Virxe do Carme e levantouse en 1759 cun retablo feito de pedra. Outros engadidos a ese corpo
orixinario foron a torre barroca construída por Esteban Ferreiro no ano 1714 e
a sancristía anexa ao presbiterio.
A fábrica
románica consérvase na ábsida, aínda que foi reconstruído. Ten planta
rectangular e no seu exterior podemos
observar os contrafortes e o beirado que descansa sobre canzorros figurados no
muro sur, xa que no muro norte a anexión
da sancristía eliminounos, deixando tan so un, no interior.
O testeiro da ábsida, segundo Sánchez
Puga, foi reconstruído, feito que explica a perda do van . No piñón do testeiro
vemos unha antefixa composta por un
cordeiro cunha cruz composta de una cruz latina e unha de San Andrés.
No muro
sur vemos canzorros cunha boa talla, semellante aos da igrexa de Santo Estevo
de Saiar, os tres anteriores ao estribo son xeométricos os dous primeiros (tres
modillóns o primeiro e o segundo unha folla con dous volutas) e o terceiro ten
dous zoomorfos coa cabeza levantada e o corpo deitado. Despois do contraforte
vemos dous máis: unha figura humana cunha especie de barril encima das pernas e
o último é unha cabeza de boi.
Neste
derradeiro tramo ábrese un van cuadrangular de cronoloxía posterior.
No muro norte
aparte dos engadidos da capela dos Caamaño e da sancristía conserva unha porta
lateral cegada baixo un arco de medio punto e
unha saeteira; uns canzorros sen labra pódenos levar á existencia dun pórtico.
O beirado durme en nove cans en proa e
catro máis despois da capela.
A fachada
occidental, hoxe protexida pola torre, coma se fora un pórtico, conta con
bóveda de crucería e levantouse no ano 1714.
A portada
articúlase por dúas arquivoltas de medio punto con chambrana; na primeira
arquivolta, no seu intradós, vemos flores carnosas de seis pétalos acompañadas
por catro follas, no seu dorso uns finos baquetóns; a segunda decórase cun
groso bocel e unha serie de pequenos arcos de medio punto fan como de grapas.
A
chambrana está formada por once doelas
con bustos de anxos en posturas diferentes. As arquivoltas e a chambrana apean
en dous pares de columnas. A primeira, a interna, apea en dous columnas cos
capiteis moi erosionados, quizáis dúas arpías afrontadas cos cimacios decorados
con palmetas e sogueado. A segunda e a chambrana descansan en dous columnas con
capiteis vexetais e cimacios con anxos que seguen a traza que xa vimos.
Este
conxunto de arcos protexen un tímpano dedicado ó Agnus Dei, cordeiro de deus
que sostén cunha pata unha cruz patada e no ángulo esquerdo do espazo timpánico
unha flor pentapétala.
INTERIOR
A ábsida
rectangular cóbrese con cuberta de canón e comunica coa nave por un arco
triunfal de medio punto dobrado desornamentado, que conta cunha inscrición en tres liñas na doela sexta o sétima.
O arco
apoia en dúas columnas de fuste engrosado, con capiteis historiados e basas
áticas sobre plintos, asentados sobre un banco corrido perimetral . O capitel
dereito ten un pequeno animal flanqueado por figuras monstruosas que abren a
boca. O capitel esquerdo é fitomórfico.
No
presbiterio vemos un arco faixón de medio punto, sen decoración, que descansa
en dúas columnas con capiteis vexetais, no da esquerda, sobre as follas
colocouse unha froita, unha piña e unha cabeza humana.
Na nave,
no muro sur, hai dúas placas de pedra, procedentes dun baldaquino gótico, que
segundo Sa Bravo estivo na capela de San Xurxo. Nunha das placas hai un grande
arco conopial, que garda outros dous arcos lobulados e aos lados do primeiro
ten dous anxos con instrumentos musicais. A outra placa hai dous arcos
conopiais e entre eles tres figuras masculinas relixiosas de gran tamaño, na
parte superior, no centro hai outras dúas figuras, home e muller coroados e ao
seu carón dúas carabelas, que reflicten
o modelo de nao de Colón, poñendo o baldaquino en consonancia co descubrimento
de América.
A súa
cronoloxía ten dúas etapas, a primeira a mediados do século XII e unha
posterior, a principios do século XIII,
que se corresponde coa construción da portada occidental.