jueves, 29 de septiembre de 2022

CHURCH OF SANTA MARÍA OF CALDAS DE REIS BY AUGUSTO GUEDES

 

Igrexa de Santa María de Caldas de Reis


             SANTA MARÍA

Parroquia do municipio do mesmo nome, pertencente ao arciprestazgo de Moraña e diocese de Santiago de Compostela.

Para López Ferreiro a igrexa é do século XI ou XII, coa finalidade de “substituír a la que Almanzor destruyó del monasterio de Santa María”.

A igrexa de Santa María ten unha soa nave e a cabeceira recta, a que se lle engadiron dúas capelas rectangulares, a capela norte dedicada a San Diego mandada construír por Buceta Caamaño en 1602.

A capela sur é a da Virxe do Carme e levantouse en 1759 cun retablo  feito de pedra. Outros engadidos a ese corpo orixinario foron a torre barroca construída por Esteban Ferreiro no ano 1714 e a sancristía anexa ao presbiterio.

A fábrica románica consérvase na ábsida, aínda que foi reconstruído. Ten planta rectangular  e no seu exterior podemos observar os contrafortes e o beirado que descansa sobre canzorros figurados no muro sur, xa que no muro norte a  anexión da sancristía eliminounos, deixando tan so un, no interior.

O testeiro da ábsida, segundo Sánchez Puga, foi reconstruído, feito que explica a perda do van . No piñón do testeiro vemos  unha antefixa composta por un cordeiro cunha cruz composta de una cruz latina e unha de San Andrés.

No muro sur vemos canzorros cunha boa talla, semellante aos da igrexa de Santo Estevo de Saiar, os tres anteriores ao estribo son xeométricos os dous primeiros (tres modillóns o primeiro e o segundo unha folla con dous volutas) e o terceiro ten dous zoomorfos coa cabeza levantada e o corpo deitado. Despois do contraforte vemos dous máis: unha figura humana cunha especie de barril encima das pernas e o último é unha cabeza de boi.

Neste derradeiro tramo ábrese un van cuadrangular de cronoloxía posterior.

No muro norte aparte dos engadidos da capela dos Caamaño e da sancristía conserva unha porta lateral cegada baixo un arco de medio punto e unha saeteira; uns canzorros sen labra pódenos levar á existencia dun pórtico. O beirado durme en nove  cans en proa e catro máis despois da capela.

A fachada occidental, hoxe protexida pola torre, coma se fora un pórtico, conta con bóveda de crucería e levantouse no ano 1714.

A portada articúlase por dúas arquivoltas de medio punto con chambrana; na primeira arquivolta, no seu intradós, vemos flores carnosas de seis pétalos acompañadas por catro follas, no seu dorso uns finos baquetóns; a segunda decórase cun groso bocel e unha serie de pequenos arcos de medio punto fan como de grapas.

A chambrana  está formada por once doelas con bustos de anxos en posturas diferentes. As arquivoltas e a chambrana apean en dous pares de columnas. A primeira, a interna, apea en dous columnas cos capiteis moi erosionados, quizáis dúas arpías afrontadas cos cimacios decorados con palmetas e sogueado. A segunda e a chambrana descansan en dous columnas con capiteis vexetais e cimacios con anxos que seguen a traza que xa vimos.

Este conxunto de arcos protexen un tímpano dedicado ó Agnus Dei, cordeiro de deus que sostén cunha pata unha cruz patada e no ángulo esquerdo do espazo timpánico unha flor pentapétala.

 

INTERIOR

A ábsida rectangular cóbrese con cuberta de canón e comunica coa nave por un arco triunfal de medio punto dobrado desornamentado, que conta cunha inscrición  en tres liñas na doela sexta o sétima.

O arco apoia en dúas columnas de fuste engrosado, con capiteis historiados e basas áticas sobre plintos, asentados sobre un banco corrido perimetral . O capitel dereito ten un pequeno animal flanqueado por figuras monstruosas que abren a boca. O capitel esquerdo é fitomórfico.

No presbiterio vemos un arco faixón de medio punto, sen decoración, que descansa en dúas columnas con capiteis vexetais, no da esquerda, sobre as follas colocouse unha froita, unha piña e unha cabeza humana.

Na nave, no muro sur, hai dúas placas de pedra, procedentes dun baldaquino gótico, que segundo Sa Bravo estivo na capela de San Xurxo. Nunha das placas hai un grande arco conopial, que garda outros dous arcos lobulados e aos lados do primeiro ten dous anxos con instrumentos musicais. A outra placa hai dous arcos conopiais e entre eles tres figuras masculinas relixiosas de gran tamaño, na parte superior, no centro hai outras dúas figuras, home e muller coroados e ao seu carón dúas carabelas, que  reflicten o modelo de nao de Colón, poñendo o baldaquino en consonancia co descubrimento de América.

A súa cronoloxía ten dúas etapas, a primeira a mediados do século XII e unha posterior, a principios do século XIII,  que se corresponde coa construción da portada occidental.


Foto antiga de Caldas de Reis coa outra igrexa parroquial de Santo Tomás Becket ao fondo


 

 

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario