jueves, 28 de septiembre de 2023

XEIRA EN COMPOSTELA EN LEMBRANZA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS, 13-10-2023

 

A EXECUTIVA PREPARANDO A XEIRA, 22/09/2023



XEIRA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA,

venres, 13/08/2023

LEMBRANZA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS (12/10/1923- Xullo-1936)

Imaxe turismo.gal 


10:04 h. Saída – Estación de Ferrocarril - Vilagarcía

12:00 h. Concentración na Praza do Obradoiro

12:10 h. Pequeno roteiro SEG (IES Rosalía de Castro / Rúa do Villar / Pazo de Fonseca / O Derby).

13:30 h. Xantar de Confraternidade con brindes poéticos e cantigas, na Galiciana, rúa Gómez Ulla, 1 – 600 34 59 13.

16:15 h. Visita á cripta prerrománica e ao Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.

18:30 h. Recital poético: Salón de Actos do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos – Secretaría Xeral de Política Lingüística, rúa San Roque, 2.

20:00 h. Fin do recital poético – micro aberto. Regreso a Vilagarcía de Arousa. (En coches e tren- 22:00 h.-).


Imaxe Mª Xosé Rodríguez


Logo do Seminario de Estudos Galegos

Deseñado por Castelao


Poidemos realizar e completar a nosa Xeira en Compostela, aínda que o programa da mañá tivo que recortarse, debido a abundante e benéfica chuvia e impetuoso vento que azoutaron á capital de Galicia cara as 12:00 h., alí no Obradoiro choveu a pracer, ben certo quedamos empapados da arte, da arte da chuvia en Santiago.

Xuntámonos arredor de 32 persoas amantes das letras e das verbas da nosa Galicia e nesta nosa particular lembranza do Seminario das Letras Galegas, no día que se cumprían 100 anos e un día do feliz nacemento da institución particular científica e cultural máis importante da Historia de Galicia.

Despois do xantar de confraternidade e de feliz convivencia, a chuvia e o temporal comezaron a respectarnos e ás 16:15 h. xiramos visita a cripta románica e ao Pórtico da Gloria da nosa Catedral, guiados pola man experta do noso querido amigo e compañeiro Augusto Guedes.

Logo ás 18:30 h. deu comezo, no magnífico Salón de Actos da sé da Secretaría Xeral de Política Lingüística - Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos - Centro Ramón Piñeiro de estudos en Humanidades,  onde fomos extraordinariamente recibidos e tratados, o noso recital poético-micro aberto en lembranza do Seminario de Estudos Galegos. Agradecéndolle a dona Elvira Casal, Subsecretaria Xeral, a don Armando Requeixo, Secretario do Centro Ramón Piñeiro, quen exerceu maxistralmente de mestre de cerimonias, a don Luis Alonso, investigador e antigo Secretario do Centro Ramón Piñeiro o seu trato, a súa colaboración e participación neste acto. E no mesmo, tivemos a sorpresa da visita e da participación de don Xosé Fernández Lago, Coengo Lectoral, Deán da Catedral de Santiago de Compostela e Capelán do mosteiro de San Paio de Antealtares, ademais de querido, recoñecido e ilustre noso conveciño. A nosa gratitude a Catedral de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A pesares da chuvia e do vento, poidemos desfrutar dunha Xeira, dunha xornada inesquecible en Compostela. Gracias a todas as meseiras e meseiros participantes.

E como dicía o poeta, ata outra millorada!!!

REPORTAXE GRÁFICA DE TERE BRIONES:











IMAXES DE ROBERTO ABAL:




REPORTAXE DE XOSÉ DUARTE RAÑO, FOTÓGRAFO E ARTISTA:








MÁIS IMAXES COMPARTIDAS POR TERE BRIONES:










































martes, 12 de septiembre de 2023

III PREMIO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA "XAQUINA TRILLO" - PARA A MOCIDADE DO ESO

 




III PREMIO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA

Xaquina Trillo

 

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, coa Deputación Provincial de Pontevedra e co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía convoca o III Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo”, que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación da mocidade que estea a cursar os estudos do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO); é dicir destinado a mozas e mozos entre 12 e 16 anos. A idade acreditarase presentando unha fotocopia do NIF ou co resgardo da matrícula no ESO no presente curso escolar 2023-2024.

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun poema que non exceda  dos 60 versos, extensión máxima sesenta versos. O poema ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso.

IV.           O poema ten que estar escrito necesariamente en idioma galego.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o poema, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento ou unha copia do resgardo da matrícula no ESO correspondente ao curso escolar 2023-2024; c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor; f) O nome e identificación do centro de estudos, g) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso, avalado pola nai/pai ou titor/a da persoa participante e co seu consentimento, no caso dos participantes menores de idade. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha urna que estará situada nun lugar sinalado e publicitado no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben pode enviarse por correo postal ao seguinte enderezo:  III Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo” - Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 15 de setembro de 2023 ata o 31 de decembro de 2023.

VIII.    O fallo darase a coñecer no mes de xaneiro de 2024.

IX.           A entrega de premios será no acto que celebre o Concello de  Vilagarcía de Arousa co gallo do Día de Rosalía  de 2024 e que oportunamente se anunciará. Ou nunha Mesa das Verbas.

X.              Publicaranse os poemas premiados no blog: www.mesadasverbas.blogspot.com Así como nun número especial do noso Boletín Medulio. Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa. Para isto, os autores e tamén por medio dos seus titores, no caso de minoría de idade, cederán durante un ano os dereitos dos seus poemas para facilitar dita publicación.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá en 300 €, un vale de 100 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa. b) 2º Premio que consistirá en 200 €, un vale de 50 € do Centro Comercial Arousa, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.  c) 3º Premio que consistirá en 100 €, un vale de 25 € do Centro Comercial Arousa e un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas, A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación Provincial de Pontevedra e polo Centro Comercial Arousa.

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das mesmas.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web do Concello de Vilagarcía de Arousa e na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, por medio dos seus titores legais, no seu caso, cumprimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes da data de entrega de premios, procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a poesía en idioma galego entre a mocidade.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.

SAÚDE E POESÍA!

 

ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS DE VILAGARCÍA DE AROUSA 



 




La Voz de Galicia-Arousa, 14/09/2023, p. L2



Reseña de Olalla Bouza-Brey no Diario de Arousa, 14/09/2023

Faro de Vigo-Arousa, 17/09/2023