lunes, 24 de marzo de 2025

CXLIX MESA DAS VERBAS - 28/03/2025 18:00 - AUDITORIO MUNICIPAL

 

XA VAN IR ALÁ 149 EDICIÓNS DA MESA DAS VERBAS, DESCONTANDO OS RECITAIS POÉTICOS ESPECIAIS E EXTRAORDINARIOS. MOITOS ACTOS CO PROTAGONISMO DA POESÍA E CO PROTAGONISMO DAS XENTES DO COMÚN QUE AMAN VERSOS E VERBAS NUN CLIMA DE AMIZADE, UNHA VEZ MÁIS VINDE CEIBAR CONNOSCO VERSOS E VERBAS AO AR DE AROUSA.

DESDE XANEIRO DE 2011, MES TRAS MES, ANO TRAS ANO CITÁNDONOS COS DEUSES E COAS MUSAS DA POESÍA, E SEMPRE ALGUNHA MEIGA, ALGÚN TRASGO, ALGÚN DRUÍDA ACOMPAÑÁNDONOS DESDE O ALÉN, AO IGUAL QUE QUERIDOS COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS QUE TRANSITAN POLOS ESPAZOS SIDERAIS DO MÁIS ALÁ, PERO VELANDO POR NÓS PARA QUE DESFRUTEMOS DA LITERATURA E DA AMIZADE, SEN NINGÚN TIPO DE IMPEDIMENTO. VINDE, VINDE DICIR VOSO CANTAR!!!







martes, 11 de marzo de 2025

Convocatoria do VI Concurso Literario LETRAS GALEGAS - 2025

 




VI CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS/2025

CONVOCADO E ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA COA COLABORACIÓN DA  SECRETARÍA XERAL DA LINGUA DA CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE DA XUNTA DE GALICIA

 

1.- Convócase este VI CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 2025, ideado e organizado pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración do Centro Comercial Arousa e da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co fin de promover a creación literaria en lingua galega.

2.- Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe e acepte as súas bases. En caso de que a persoa participante sexa menor de idade, deberá achegar a autorización do seu pai, nai ou titor/a legal. Ademais, todos os participantes deberán xuntar unha autorización de manexo dos seus datos persoais para os únicos efectos de xestión do concurso. No caso dos menores, esta autorización deberá ser asinada polos adultos responsables da persoa participante.

3.- Cada persoa poderá presentar só unha obra, que deberá ser un relato curto escrito en idioma galego, orixinal, inédito e que non fose premiado en ningún outro certame. O tema é libre.

4.- A extensión máxima de cada obra será de dous folios por unha soa cara. As presentadas escritas nun procesador de textos farano nun tipo de letra Arial de corpo 11 e as presentadas de xeito manuscrito serán con letra lexible sen manchas, emendas nin texto riscado.

5.-  O orixinal do traballo non pode levar ningún sinal (agás o lema), marca ou calquera outra cousa que poida identificalo. O traballo irá acompañado dun sobre pequeno a xeito de plica que levará o lema escrito por fóra. Nel incluirase un documento cos datos do autor: nome e apelidos, NIF, número de teléfono, enderezo postal e enderezo electrónico. O sobre tamén conterá a autorización de manexo de datos e, no caso dos menores de idade, a de participación (ver punto 2). Este pequeno sobre pechado estará dentro dun sobre grande xunto co orixinal. O sobre grande, tamén pechado, levará escrito o mesmo lema ca o sobre pequeno.

5.- O prazo de entrega será ata o 3 de maio de 2025 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas que se colocarán para o efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa ou serán enviadas ao seguinte enderezo postal: VI CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS 2025  Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque A Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

6.- O xurado estará composto por persoas que as entidades promotoras do concurso designen e terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o concernente a este concurso. As súas decisións serán inapelables e as persoas participantes aceptan todas as súas resolucións. Os premios non poderán declararse desertos.

7.- A entrega de premios terá lugar o venres 16 de maio de 2025, véspera do Día das Letras dedicado este ano ás pandeireteiras e á literatura de tradición oral e que se conmemora con este acto. Será unha edición especial da Mesa das Verbas que se celebrará a partir das 18:00 h. na sala de usos múltiples, no 1º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.

8.- Os premios serán os seguintes:

- 1º PREMIO: 400 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 100 € e diploma.

- 2º PREMIO: 300 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 50 € e diploma.

- 3º PREMIO: 200 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 25 € e diploma.

9.- Os autores ceden todos os seus dereitos sobre as obras durante o prazo dun ano a partir da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tivesen a oportunidade da publicar as obras premiadas. Transcorrido ese ano, os dereitos reverterán de novo nos seus autores.

10.- As obras non premiadas poderán retirarse ata o 30/06/2025 sempre que se acredite debidamente ser a autora ou o autor no momento da recollida. Despois desa data, serán destruídas.

11.- A participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.

 

 

Vilagarcía de Arousa, 15 de marzo de 2025





miércoles, 5 de marzo de 2025

ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA, VENRES, 21 DE MARZO DE 2025, 19:00 H.

 


Xermán Torres, como presidente da Asociación Cultural Mesa das Verbas e dentro das súas competencias como tal ten a ben convocar Asemblea Xeral Anual de Socios o día venres, 21 de marzo de 2025, ás 19:00 h. e na Sala de Xuntas (ou outro local dispoñible) do Centro Comercial Arousa coa seguinte orde do día:


1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da anterior Asemblea.

2.- Balance económico de 2024. Estado de contas. Continuidade da conta bancaria. Proposta de cota.

3.- Informacións e propostas do presidente. (Entre elas: Proposta de nomear Socia de Honra da nosa Asociación en favor da escritora e académica FINA CASALDERREY).

4.- Rogos, preguntas, propostas.


Pregamos a todas e a todos  a asistencia a esta nosa Asemblea.


E previamente, de seis a sete teremos o parladoiro semanal no Gambrinus do Centro Comercial Arousa.


SAÚDE E POESÍA!!!