jueves, 4 de mayo de 2023

PREMIADOS NO IV CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2023

 


PRIMEIRO PREMIO

Sonia Corral Franco

 

DESATINOS

Será unha viaxe de traballo, dixérame. Será unha boa oportunidade para promocionar o meu libro. Pasarei toda a fin de semana entre conferencias e ti terás que matar o tempo deambulando polas instalacións do hotel, facéndome sentir culpable por non poder adicarche tempo.

Xaaaaa!!!! Puta mentireira!

Sabía que mentía, pero esta vez estaba disposto a pillala in fraganti. Remexendo no seu escritorio, din cos datos da reserva do hotel que a editorial lle fixera. Sería fácil presentarme alí e desenmascarala.

Cheguei á hora do almorzo, o corazón bulíame a mil. Abrín a porta da habitación 313 e as miñas sospeitas confirmáronse. Unha gravata sobre a cama foi indicio suficiente.

Sen darme tempo a reaccionar, uns pasos e uns risos cómplices aproximándose polo corredor, acompañados do ruxido dunha chave na fechadura da porta tentando abrila, empurráronme á agocharme no armario.

Debía permanecer inmóbil para tratar de non ser descuberto. Mais, de súpeto, a porta do armario abriuse, e o meu agocho foi violentado. Un corpulento home apareceu ante min. Non o coñecía.

Todo aconteceu nuns ínfimos segundos, a man do home asiume  polo pescozo e chimpoume fóra do armario. Tiroume ao chan, e púxome o seu pé sobre a gorxa impedíndome respirar.

Alí deitado, puiden ver aterrado, que a muller que o acompañaba non era a miña esposa. Ela con cara de pánico, tentando apartalo de min, á vez que repetía en bucle que non me coñecía de nada, que non era o seu querido.

Empreguei o escaso aire que me quedaba nos meus pulmóns, para verbalizar unha inerte desculpa; isto é un erro. Equivoqueime de habitación, eu só buscaba á miña muller.

Todos os xornais do día seguinte fixéronse eco da noticia:

Crime na Feira da Novela Negra de Ferreira; “Un ataque de ciúmes leva a un dos amantes da escritora Ana Lago a acabar coa vida da recoñecida autora e ca de outro dos seus queridos ao sorprendelo agochado dentro dun roupeiro, no hotel onde se desenvolvían as xornadas literarias. Ao parecer, a escritora mantiña varias relacións paralelas sen que os seus amantes nin o seu marido fosen coñecedores dos feitos”.

O que xamais contaron os xornais era que eu non coñecía de nada a aquelas persoas, que a miña muller cambiara a habitación á súa compañeira para facerlle un favor, que me equivocara de cuarto, que agora a miña muller cría que eu lle fora infiel coa súa amiga, que esa muller estaba morta, que o seu marido tentara matar ao seu querido, ao meu asasino, o que o levara a ingresar no cárcere... que a miña muller xamais me puxera os cornos. Que estou morto por unha serie de desatinos!


SEGUNDO PREMIO

José Ramón Sánchez Varela

 

O CASAMENTO

I – 26/05/2018

Non foi senón –coñecerte- unha orxía de bolboretas no devalo de maio. A puntualidade da vida, contra todo prognóstico.

 

II – COMPROMISO

Con esta palabra nace o poema. Nacen os espertares de mans enredadas, o olor a pan da túa pel morna, o ágape mesmo das caricias. Arden nesta palabra os corpos, a nudez explícita de mirarnos, a celebración da carne. O magma, tanto tempo adormecido, estoura. É daquela que consensuamos a lexitimidade da pertenza anoando senllos destinos cun anel de arame, pois non é material a nosa riqueza: no convite das bocas profesamos. Afirmo que con esa palabra naceu o noso poema. Que con esa palabra, celebramos.

  

III – ÍDEM

Se choras, choro. Se ris, río. Se río, auga. Se auga... esta corrente de paixóns que nos arrastra. Que caprichosa nos abraza.

 

IV – DE LUME E XEO

Coa lentitude que o faría un glaciar as miñas mans –ben, con toda seguridade un chisco máis rápido para ser sincero-, as miñas mans, dicía, as miñas mans avanzan coa impaciencia do poldro sobre a península do teu corpo, buscando desesperadamente transformar a carne en lava e conseguir así fundir, nun só, dous elementos. Non sería acaso fermoso vagar dese xeito pola terra ata que o lume nos apagase?

 

V – INVERNO CONTIGO

Prisioneiro, o lume que nos envolve, arde envexoso. Fóra, a neve celosa e libre, rabuña os cristais. Darían o que fose por ser nós. Aquí e agora. El, morrer abrazándoa. Ela, esvaer ó seu carón.


TERCEIRO PREMIO

Cecilia Ceruelo Briones

 

Namorouse das ondas, das pequenas.

Das ondiñas que pintan anacos de balde na marea; xeitosas, preguiceiras... dos chisquiños das cunchas amorriñadas na area...

 

Albiscou os peixes e as algas, e pensou en ser un. ¡Aquel cheiro salgado devolvíalle á vida...!

 

Ollou tamén as gaivotas, e ata un zampullín apaiolada.

Adiviñou o arrolo da brisa semellando unha aperta sincera, un bico cálido... e pensou como podía alcanzar tanta paz...

Mirou ó lonxe e cara atrás; para aqueles camiños que tantas veces recorría.

Escoitou os rumorosos unha vez máis, o rinchado de follas secas...; sentiu o recendo mesturado dos eucaliptos e dos loureiros...

 

Escolleu a queda detrás de tanto barullo, sen decatarse, de que era iso o que realmente desexaba, o que lle facía feliz.

Non puido sentir o medo, e sorriu...

 

Namorouse de novo...

 

...E rompeu a chover, suave, miúdo, como bágoas tenras. (Lembrou a cantadela que unha vez foi poema).

O fondo Malveiras, e Cortegada a súa esquerda.

 

Elevou a vista, alcanzando o ceo. -¿O Ceo?-.

Aquel sol lacazán rifaba cas anoxadas nubes.

 

Sorriu de novo, decidido e enteiramente feliz...

Inspirou unha vez máis, íntimo e profundo.

 

Fronte a el: O Ceo, O Mar e A Terra.

Tornou a noite...

...e converteuse en TODO.

 

Era un día de outubro. 


ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS, O SÁBADO, 13 DE MAIO DE 2023, A PARTIRES DAS 18:00 H. NA NOVA SALA MULTIDISCIPLINAR DO CENTRO COMERCIAL AROUSA (NO SEU 2º ANDAR).

Grazas a todas e todos os participantes e moitos parabéns, dun xeito moi especial tamén aos gañadores dos premios.

Especial gratitude aos membros do Xurado polo seu ingrato labor de ter que seleccionar só tres traballos, porque todos os participantes estaban cheos da calidade e de moito mérito. Pero había que cumprir as bases.


A Mesa das Verbas agradece moi sinceramente aos colaboradores deste certame, sen eles esta edición do concurso non sería posible. Grazas, pois ao Centro Comercial Arousa e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

E como dicía o gran Älvaro Cunqueiro: "Ata outra millorada".


Francisco Fernández del Riego (1913-2010)
Nunha imaxe de Xermán Manuel Torres

Don Paco foi un loitador por soerguer Galicia, a súa lingua e a súa cultura,
foi unha constante durante a súa longa e proveitosa vida.
DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2023





domingo, 30 de abril de 2023

MICRO VÍDEOS CXXXII MESA DAS VERBAS

Este pasado sábado, 29 de abril, xuntámonos 21 persoas para desfrutar de música e poesía na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal. A música desta vez correu a cargo do cantautor Xosé Duarte.

Estes microvídeos de Xermán Manuel Torres amosan uns intres musicais, a poesía impregnou nosas mentes e nosos corazóns.









domingo, 23 de abril de 2023

VIVAN LIBROS, LECTORES E ESCRITORES!

 


Os libros son as abellas que levan o polen dunha intelixencia a outra. (James Russell Lowell).


Ler é multiplicar e enriquecer a vida interior. (Nicolás de Avellaneda).


A imprenta é un exército de 26 soldados de chumbo co que se pode conquistar o mundo. (Gutenberg).


A lectura é as veces unha estrataxema para eludir pensar. (Arthur Helps).


Os libros antigos son os libros da mocidade do mundo, e os novos son o froito do seu tempo. (Oliver Wendell Holmes).


O meu psicoanalista é a miña máquina de escribir. (Ernest Hemingway).


Non hai libro tan malo do que non se poda aprender algo bo. (Cayo Plinio "O mozo").


Ningunha profesión é tan estéril como a do literato. (Giacomo Leopardi).


Perseguindo a un escritor auméntase o seu prestixio. (Cayo Cornelio Tácito).


Que pode ser o escritor senón unha paixón sostida da linguaxe? (Pere Gimferrer).


Que mágoa morrer, coa a de libros que lle quedan a un por ler. (Marcelino Meléndez Pelayo).


Unha palabra rara é, nunha páxina, como un adoquín levantado nunha rúa. (W. Fernández Flores).


Un mal escritor é alguén cuxa vida resulta máis interesante que a súa obra. (John Irving).


Un escritor é un historiador imaxinativo que pode achegarse máis que os sociólogos á realidade contemporánea. (Saúl Bellow).



domingo, 16 de abril de 2023

DÍA DO LIBRO - 2023

 

A VÉSPERA DO DÍA DO LIBRO (DOMINGO, 23-04-2023), É DICIR, O SÁBADO, 22 DE ABRIL DE 2023, DE 11:00 H. A 15:00 H. MANTEREMOS ABERTA UNHA CASETA NA PRAZA DE GALICIA DE VILAGARCÍA DE AROUSA PARA CONMEMORAR POR ADIANTADO DITA EFEMÉRIDE. CO FIN DE PROPICIAR UN ENCONTRO ENTRE OS QUE LEN E OS QUE ESCRIBEN; OU FAN AS DÚAS COUSAS.

Un libro é fonte de intercambio, de encontro entre dúas persoas o escritor e o lector.

Cun libro podes viaxar e descobrir moitos mundos, que están neste.

Entre un home culto e un erudito hai a mesma diferencia que entre un libro e un índice de materias. (Thomas Say).

O mundo está cheo de libros preciosos que ninguén le. (Umberto Eco).

O ler fai completo ao home, o falar faino expeditivo, o escribir faino exacto. (F. Bacon).

Hai que ter coidado cos libros de saúde; podemos morrer por culpa dunha errata. (Mark Twain).

Hai dúas clases de escritores xeniais: os que pensan e os que fan pensar. (Joseph Roux).

Facer un libro non ten mérito ningún, se o tal libro non mellora á xente. (Giusti).

A poesía é o eco da melodía do universo no corazón dos humanos. (Rabindranath Tagore).

A pruma pode chegar ser máis cruel que a espada. (Robert Burton).

Lemos mal no mundo e despois dicimos que nos engana. (Tagore).

O material para a caseta debe recollerse na Fotocopiadora FER-CAR (rúa Edelmiro Trillo, que xa está aberta desde as 9:30 h.).
O Persoal técnico do Concello deberá ter montada e lista a caseta para poder abrila desde as 11:00 h.

HORARIO DE ATENCIÓN Á CASETA:
(Estar todas e todos pendientes para botar unha man).

- 10-11 hs.: Lois - Carmen Castejón - Manuel Lage

- 11-12 hs.: Maru e Paula

- 12-13 hs.: Roberto Abal e Jean Carballo

- 13-14 hs.: Ramón Torrado e Isabel Peleteiro

- 14-15 hs.: Lois, Pilar e Manuel Lage

* Manuel Lage está de volante e na coordinación con Lois

=> Se algunha persoa non pode acudir a súa quenda que avise a Lois e a Manuel Lage.

AO FINALIZAR, NON ESQUECERSE DE RECOLLER O MATERIAL.

lunes, 27 de marzo de 2023

ESTIVEMOS EN GUILLÁN

 O pasado sábado, 25 de marzo de 2023, desde as 18:00 h. visitamos o barrio vilagarcián de Guillán e na súa Casa de Cultura celebramos a CXXXI Mesa das Verbas. Tivemos unha divertida actuación de Al Guanella coa súa cadeliña Tana e un recital poético con micro aberto.

Constatamos que no noso Concello hai unha red importante de casas de cultura nos barrios, pero practicamente infrautilizadas. Habería que realizar un circuíto de actividades culturais e recreativas ao longo de todo o ano. Vilagarcía de Arousa é moito máis que o Auditorio Municipal e a Praza de Galicia, hai que ampliar o campo, os barrios e o rural existen, tamén no plano cultural. Habería que impulsar unha política cultural descentralizada e democratizar a cultura. Todo é cuestión de actitude e de potenciar os grupos artísticos locais e darlle vida e dinamizar nosas casas de cultura. Nós, niso estamos.