domingo, 17 de enero de 2021

MONTE LOBEIRA

 


O nome de monte Lobeira pode vir do latín “lupus”, “cannis lupus”, que significa lobo, de aí monte Lupario: monte Lobeira.

Sobre este monte do noso val do Salnés escribiu unha interesante monografía o noso amigo, xa tristemente desaparecido, Xosé Lois Vila Fariña, cronista de Vilanova de Arousa. E penso que pode atoparse algún exemplar desta obra na Biblioteca Municipal “Rosalía de Castro” de Vilagarcía de Arousa.

Hai constancia no lugar de restos prehistóricos e nesa montaña xa na Idade Media houbo un castelo relacionado coa raíña dona Urraca e o arcebispo Xelmírez. E disque aínda se conserva o alxibe do castelo medieval.

A cruz instalada hoxe no cumio do Lobeira é na lembranza do naufraxio da flota inglesa e hai alí tamén unha placa conmemorativa.

Nas décadas dos anos 50 e 60 do pasado século XX o Liceo de Vilagarcía organizaba alí unhas populares romarías; as romarías do Lobeira.

No seu mirador pódese contemplar unha das mellores e máis fermosas vistas da Ría de Arousa.

Desde alí, desde o alto era un lugar estratéxico onde na antigüidade vixiábase a costa fronte as invasións normandas.

Escoitei de neno unha lenda sobre o monte Lobeira, unha inquedante historia na boca do meu pai, que en síntese di así:

No monte Lobeira atópanse tres ocos ocultos, se dabas con eles, se os descubrías, nun podíaste facer a persoa máis rica do mundo; pois, nel había un gran tesouro, noutro oco se o abrías, caías doente dun mal estraño ata morrer pois o oco estaba contaminado e o mal estenderíase por todo o mundo. Noutro oco, se tocaba abrilo o mundo sería invadido por uns malos bichos que axiña se estenderían por toda a Terra para a nosa desgracia. Aínda hoxe agardo tela sorte de poder descubrir e abrir, entre estas tres posibilidades, o oco do tesouro, doutro xeito, sería algo terrible; pero para non tentar a sorte é mellor quedar como estamos, pois xa chega de desgrazas.

Outro mito di que o monte está comunicado por medio dun túnel subterráneo co convento das monxas agostiñas, co convento de Vista Alegre de Vilagarcía e vinculado con moitos segredos e peripecias. Disque vai pouco topáronse vestixios do tal túnel, pero sería unha especie de canalización de augas.

Mito e lendas, vaite ti saber cantas historias agocha o monte Lobeira!

Polo interese artístico, histórico e paisaxístico do lugar debera ser un lugar especialmente protexido e coidado para que as xentes poidan gozar dun paraxe tan privilexiado e fermoso. Todos deberamos respectalo, coñecelo e desfrutar del. Un lugar apropiado para ser punto de visita dentro dun roteiro cultural e turístico do Salnés. Que tomen nota os Concellos de Vilanova de Arousa e de Vilagarcía de Arousa, así como a Mancomunidade do Salnés, lembramos do acerto de que a Volta Ciclista a España tivera unha meta alí, cousas así son as que compre facer, pero manter sempre o entorno en condicións para o goce de toda a poboación.

MONTE LOBEIRA

(Poema colectivo de Xermán M. Torres, Tere Briones, Maru Rivadulla, Cándido Maduro, Mª José Rubianes, Paula Cascallar, Augusto Guedes).

 

A raíña dona Urraca olla

desde o outo do seu castelo

cara a fermosa Ría

xa que o seu amado

non chegaba.

 

E ela soíña estaba

no cumio do monte Lobeira

e suspiraba e suspiraba

por alguén que non chegaba.

 

Sentíase triste e soa

sen ganas de sorrisos

pois non viña o seu amado

e tiña ansias de bicos.

 

Onde estás amado meu

que non te vexo chegar,

a miña alma chora,

canto terei que agardar?

 

Xa me tes amada miña

neste aire que respiras,

neste vento que te aperta,

nestes ollos que te miran.

 

E alí estaba, ao pé do monte,

cantándolle, cal trobador,

aquel amor namorado,

da raíña con desdén,

que non lle facía ningún caso.

 

Entón derrubáronse os corazóns

de tanta pena que soprou Urraca

e da espiña do home

agromou unha cruz,

mastro do Lobeira,

partiu o navío do amor

sucando os ceos dese val

tan fondo coma a historia,

cuxos camiños son a vellez da raíña

e os ríos sangue puro do amado

cuxo nome é Salnés.

 

E nun soño do sal

na beira do mar

encallaron ao se bicar.

 

E a cruz ergueuse senlleira

facho que alumea as noites tristes,

sinal aberto ás ondas arousás. 









No hay comentarios:

Publicar un comentario