viernes, 10 de diciembre de 2021

FALLO DO I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 Reunido o Xurado composto por Luís González de la Ballina González, director do Centro Comercial Arousa, Luís González Bravo, secretario da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, Ramón Torrado López, vocal da Asociación Cultural Mesa das Verbas, o pasado día 2, emitiron o seguinte fallo sobre I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL, que se fai público hoxe, segundo as bases:


1º Premio: Xosé Ramón Quintáns Suárez de Vilagarcía de Arousa co conto: O BICO PERDIDO.


2º Premio: Teresa Briones Berridy de Vilagarcía de Arousa co conto: O MELLOR AGASALLO.


3º Premio: Para a mociña de 12 anos Lucía Oliveira Roma de Vilanova de Arousa co conto: UN NADAL ESPECIAL.


A entrega de premios será nun acto a finais deste mes de decembro, que oportunamente se anunciará e que se organizará no Centro Comercial Arousa.

Parabéns a todos os concursantes e aos premiados.

Procedemos á publicación dos contos, comezando polo 1º Premio.


Composición imaxe: Andrea Fernández Maneiro

O BICO PERDIDO

Xosé Ramón Quintáns Suárez

 

(O Nadal é tempo de ilusión, tempo de nenos. O vento da idade move a árbore da vida e caen as follas murchas das ramas secas. A rama verde da ilusión móvese sen perder follas. No máis alto dos soños da rama da esperanza infantil canta un xílgaro).

 

Chegara o Nadal. Chegou traendo tempo de ledicia, de vacacións, de amor e de festa en familia.

A nena desta historia coma todas as nenas e nenos daquela pequena aldea estaba feliz. Non obstante, naquela mañá, cando quere darlle un bico de bos días ao seu avó topou que, no labirinto da súa alma, perdera o bico.

Buscou ao seu avó e díxolle entre choros ¡avó! Perdín  o meu bico. O avó acariñouna e consolouna dicíndolle “búscao, que seguro o atoparás”.

A nena buscouno en cada recuncho do seu interior, en cada pensamento, en cada palabra que dixera, nas risas das festas, nos choros, nos rezos das noites, na ledicia do amencer e non o topou. Logo pensou que durante a noite escapáraselle nalgún soño e que andaría perdido por algún lugar da casa. Remexeu todo e tampouco dou con el.

Decidida e valente, a pesares do frío que sempre visitaba a aldea no Nadal saíu á rúa. Preguntoulle a unha árbore dun verde escuro invernal e galego ¡Árbore! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está?...

A árbore non respondeu; pero os abrochos abríronse e unhas fermosas camelias brancas consolaron un pouco a tristeza da nena que o ver as flores maxinou que o seu bico pasara por alí.

Baixou, camiño do río, preguntándolle ás corredoiras, ás paredes das casas, ás pedras durmidas e non conseguiu resposta algunha. Cando chegou ao río, que baixaba cheo de auga de inverno e entoaba rufo, no seu incesante rañar nas pedras e nas raíces, anacos de panxoliñas, díxolle ¡Río! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está?... O río non respondeu; pero a corrente da auga amansouse, cesaron os cantos e deixou ao descuberto unha ponte de pedras para que a nena pasara ao outro lado, que era o lugar onde vivía o inconstante vento que sempre estaba falando coas árbores do bosque.

¡Vento! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está? “Berrou a nena ao charlatán vento”. O vento non respondeu; pero o murmurio das árbores ao moverse levárona ata a beira do mar.

Alí veu como o sol baixaba cara a auga despedindo ao día e aproveitando o último raio de luz preguntou ¡Sol! ¿Viches ti o meu bico? ¿Sabes onde está? O sol non respondeu, meteuse na auga vermella do poñente e deixou paso a noite.

Triste e cansa a nena volveu cara a súa casa. Polo camiño fixouse que a lúa sorríalle. Unha nube tapou á lúa e a nena non lle puido preguntar polo seu bico.

Chegou a casa, contoulle todo ao seu avó e el díxolle: Estate tranquila, durme e descansa que seguro que toparás teu bico. Esta noite veñen os Reis Magos e, aparte dos regalos seguro que che deixarán algunha pista. Buscou e buscou, ao nacer o día, algunha pista do seu bico. ¡Non topou nada!

Cando chegou a hora da Misa foi co seu avó á Igrexa. Alí, pensou, rezou e chorou por dentro. Terminou a Misa e acercouse co seu avó e os demais veciños a visitar o Belén sabendo que ela non podía bicar ao Neno porque perdera o seu bico. Cando chegou veu no alto do teito da Igrexa á sorrinte lúa e á rara estrela e no centro do Belén, na meixela do Neno Deus, descansando feliz estaba o seu perdido bico.

2º Premio    



O MELLOR AGASALLO

Teresa Briones Berridy

 

Xoaniña era unha nena de 12 anos con seis irmáns máis. Eran cinco nenos e tres nenas. O irmán máis novo tiña cinco anos e non pronunciaba o R e por riba chamábase Ramón, el dicía “Lamón” e Xoana sentía moita pena, só desexaba que falara ben. No seu aniversario regaloulle un rato que tiña corda e daba voltas polo chan. O neno dicía: “me gusta mi lato, ten un labito como mi pelo”. Referíase ao rabo do can.

Cando a súa nai saía da casa para ir lavar a roupa ao río, el choraba e dicía: “quelo il contigo a laval ao lío”. Ela collía ao cativo con agarimo e enchíao de bicos.

Achegábanse as festas máis entrañables para ela; o Nadal e a festa dos Reis. O seu pai fíxolles con madeira e latón un castelo de Herodes, un pesebre e varias casiñas para o nacemento. Sería a encargada de facelo coas súas irmás. Aos nenos tocáballes recoller o musgo nos muros preto da casa.

O seu pai colocoulles unha táboa moi longa cuns cabaletes no comedor, alí iría o nacemento. Xoaniña era feliz, comía a bicos ao seu pai por aqueles amaños que fixo para o belén. Faltaba unha cousa, como cubrir os cabaletes para que non se viran?. Pronto tivo unha idea. O pasado ano, foi de virxe no festival de panxoliñas da escola. Tiña un traxe e un manto de cor azul gardados... Pedírallos a mamá...

Non houbo problema, súa nai coa tela do traxe fixo o faldón para cubrir os cabaletes e co manto un ceo para poñer na parede do nacemento. Que abrazo máis grande lle dou a súa nai e moitos biquiños. Agora faltaba adornar aquela tea do ceo con estrelas. Gardara papeis prateados das caixas do tabaco do seu avó e tamén das envolturas do chocolate. Pintou estreliñas e puxo aos seus irmáns a recortalas. Faltaba o río onde ían os parrulos e as lavandeiras. Collería un espello pequeno redondo do seu cuarto. Pegaron as estrelas con pataca cocida. Puxeron o musgo e as figuras de moitos anos (eran do seu pai de cativo). Todo estaba xa amañado. Quedou fermoso. Levou a velo ás súas amiguiñas da escola e tamés ás veciñas da casa do lado que eran nove irmáns, unha máis que eles, pero todas nenas.

Só tiña unha pena. Que o seu irmán máis novo non pronunciaba ben o “erre”. Xa sei, pensou, pediríallo ao Neno Xesús. E así foi. O día de Noiteboa púxose de xeonllos no seu cuarto diante dun Xesús que tiña nun estante coa bola do mundo nunha man e pediulle para que o seu irmán falara ben e fora capaz de pronunciar o “erre”. E foise durmir.

Pola mañá, levantouse a primeira, moi cedo, era o día de Nadal. Seus pais aínda estaban na cama. Deulles bos días e un bico e foise directa ao cuarto dos seus irmáns cativos. Levaba o rato na man e dóullelo ao seu irmán dicindo: “toma o teu lato, Lamón”. Quedou abraiada cando o seu irmán díxolle: “Chámome Rrrrramón e meu rrrrato corrre moito”. Mira como xa sei dicirrr tamén rrrabo, rrrata, rrrío. Doulle unha aperta ao neno e levouno xunta dos seus pais para contarllo. Logo correu ao seu cuarto a darlle as gracias ao seu Xesusiño porque escoitara súas súplicas.

Pasaron moitos anos e sempre lembraba aquel día, tivera seu mellor agasallo de Nadal.


3º PREMIO:



UN NADAL ESPECIAL

Lucía Oliveira Roma

 

Un día de inverno, preto do Nadal, Xurxo (un neno de 8 anos) ía camiñando pola vila cando de súpeto comezou a nevar. O neno non entendía nada, xa que el nunca vira nevar en Vilagarcía, seguiu camiñando moi sorprendido polo que estaba a ocorrer.

O rapaz, que estaba un pouco mollado pola neve, parou de súpeto xusto diante dunha casa que chamaba moito a atención, non só porque era xigante senón porque no xardín non había nin rastro de neve. Xurxo, estrañado e con curiosidade, decidiu petar na porta da casa para dicirlle á persoa que vivía alí que no seu xardín non había neve.

Cando o neno petou na porta, tardaron un pouco en abrirlle. A persoa que abriu a porta era un señor maior con pinta de ter moitos cartos pero o que máis lle estrañou a Xurxo foi que levaba unha coroa enriba da cabeza. O neno quedou un bo tempo mirando para el, tan aloulado estaba, que tiña a boca aberta. Quedou así porque quen lle abriu a porta non era ni máis nin menos que Gaspar, e dicir que esa casa era dos Reis Magos.

Cando Xurxo se recuperou do susto dixo:

-      Ola maxestade –tartamudeou- quería dicirlle que está a nevar pero no seu xardín no hai neve.

O rei comezou a rir, tanto ría, que Melchor e Baltasar foron mirar que estaba a ocorrer.

Cos tres reis na porta Xurxo non sabía se o que estaba a ocorrer era un soño ou realidade. Gaspar deixou que entrara na súa casa. Mentres Melchor ía facer un chocolate quente para o neno. Baltasar e Gaspar aproveitaron para contarlle un gran segredo:

-      Xa sabemos que estás estrañado porque na nosa casa non hai neve, e o certo e que non quixemos poñela porque a Melchor dálle unha reacción estraña.

 

-      Coma a do Coronavirus? (interveu o neno).

 

-      Non exactamente coma a do coronavirus (riron os dous reis).

 

-      Entón cal é esa reacción que tanta gracia vos fai?

 

-      Haber, ímoscho a explicar. Resulta que Melchor cando está en contacto coa neve empeza a... a... a... a... jajaja. (Riron outra vez). A cantar!

 

-      Pero deixádeo que cante.

 

-      E que non é iso, senón que canta FATAL!

 

Os tres riron ata que chegou Melchor, que avergoñado polo que pasou, dixo:

-      Aínda que disimuledes escoiteino todo jajaja. (Riu tamén). Pero non llo digas a ninguén que te vixío.

Xurxo contento marchou para casa. Nunca dixo nada nin do que vira nin do segredo de Gaspar.

 

ENTREGA DE PREMIOS

DO I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

DÍA: Venres 14 de xaneiro de 2022

HORA: Seis da tarde

LUGAR: Sala de Usos Múltiples do Centro Comercial Arousa

Vilagarcía de Arousa




 

    

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario