martes, 27 de diciembre de 2022

PREMIOS II CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA "XAQUINA TRILLO"

 


1º Premio

Quen son?

Marina Montenegro Jamardo

IES “Catro Alobre”

 

Poesía. Verba que embarga o meu corazón.

Que queres significar en realidade?

Dor, soidade, compaixón?

Ou beleza, amor e felicidade?

 

Atópome atrapado nos teus brazos

sen chegar a alcanzar a túa verdade.

Busco, busco e na túa eternidade

non atopo resposta ao teu sutil abrazo.

 

Pasan os minutos, as horas, os días

e ti estás quedo, sen producir son.

Perdo. Perdo completamente as partidas.

E non podo impedir que estale no interior:

 

Non é xusto! Amósate!

Déixame comprender, aprender.

Chegar a descubrir e ver

como es ti... Apresúrate!

 

Sinto esta carga cada vez máis pesada.

Un paso. Dous. Engade outro verso.

Engade e engade. Palabras desquiciadas.

Deleitame coa poesía que escribes cun dos teus bicos.

 

Agarda. Un segundo, respira.

Cálmate. Deixa as ondas da conciencia serenar.

Inspira. Calma. Aspira.

Sacude o sono, debes espertar.

 

Así recompilo na miña memoria pezas,

un  “puzle” incompleto que hai que encaixar.

Descubrir o erro e ...atacar.

Non tes que ser xusto, peca.

 

Xoga coas palabras.

Aprende a ser parte delas.

Deixarse embriagar polo seu recendo,

recordatorio traidor, amor secreto.

 

Encaixo unha peza,

facilita esta encomenda.

Penso, logo existo,

Verso prohibido.

 

Preciso saber.

Asústate? Estráñache verme así, sen rumbo,

só e asustado neste inmenso mundo,

escoitando as sentenzas dos susurros, non é xusto.

 

Poesía. Podería coñecer o teu creador?

e ser pintor do teu renacer,

dar forma ao teu ser,

e converterme no teu pecador?

 

Segunda peza, e continúo.

Poesía, que antes a túa man alegre estreitaba,

Disparo agora a bala que oxalá acertara,

e partira este amor, pena desditada.

 

Paciencia. Agobio. Enteireza,

desexo que corroe veloz o meu pensamento

non atacas, espero, morro.

Para! Non me esnaquices por dentro!

 

Deixa a xogada! Sigue.

Deixo a partida! Sigue.

Non!... deixo, deixo a vida, a súa esenza,

a dozura de notarse vivo.

 

Xa está, remato.

Por fin me roza o alivio.

Esta é a verdade, que o mundo comprenda.

Son poeta.

 

2º Premio

O carreiro da vida

Xerome Vence Nieto

IES “Castro Alobre”

 

Polo carreiro da lembranza

medran silvas e toxeiras

          procesión engaiolada

          pola tristeza lixeira

          esvaecida nun vello ollar

          sendo a vida viaxeira

 

Polo carreiro da esperanza

camiñabas silandeira

          doces agarimos fan de ti

          adorada virxe mentireira

          recibes bicos de adoración

          das pobres cegas roseiras

 

Os seus pétalos e estames

cobren os teus longos cabelos

          De seren delicados talos

          serían follas os pétalos

          e os estames crecentes espiñas

          de vellos toxos e silveiras

 

Acompañada vas na fronte

aínda sendo silandeira

          A banda quedou polo carreiro

          engaiolada entre espiñeiras

          facendo mofa de ti, mentireira

          coa máis triste música, lixeira, viaxeira

 

 

3º Premio

Nova flor

Sonia Baqueiro Abal

IES “Soutomaior”

Foi unha flor crecente da miña estación favorita,

aquela na que eu nacera.

Apareceu ela no frío de outubro, escuro e triste,

tendeume a súa man libre.

 

Tomeilla á cega dúbida de que ela non era

calquera rosa perecedeira,

pois as súas raíces e afouteza foron salvavidas

no meu mar de bágoas.

 

Fonte de auga fresca e pura onde con ela cambia

o significado de amar e ser amado,

namoreime perdidamente dese corazón de xeo

dos seus pétalos dourados.

 

Seguirei sen entender o porqué de que me guste

aquilo que non se ve,

daquilo que non se pode tocar pero si doe,

non se abraza pero rompe.

 

A música, a distancia e máis ti.


viernes, 23 de diciembre de 2022

BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2023

 



Parabéns ao noso amigo e compañeiro, o grande artista Al Guanella, a quen lle tocou a cesta de Nadal da Asociación Cultural Mesa das Verbas, dita cesta donada xentilmente polo Centro Comercial Arousa e confeccionada por HiperFROIZ. Grazas aos nosos amigos do Centro Comercial Arousa, benfeitores da nosa Asociación.

A todos, moi FELICES FESTAS DE NADAL E ANINOVO!!!


jueves, 8 de diciembre de 2022

CXXVIII MESA DAS VERBAS

 



Na miña dorna o segrel

cantarexa unha canción,

na popa brila o ronsel

de soños, tristuras e dor.


Na proa loce unha estrela,

¡meu amor! onde tí vou

espido de soños e arelas,

espido no mundo só,

sin amor nin compañeiros,

mergullado no trebón,

navegando o meu veleiro,

venteando o meu amor.


GONZALO BOUZA-BREY VILLAR

(Vilagarcía de Arousa, 18/04/1952-23/12/2012)


Gonzalo Bouza-Brey Villar (Dtor.) et alt., O Cancioneiro e o mar (Vilaxoán de Arousa: Fogar do Pescador, 1998), 26. (Consérvase un exemplar desta publicación no fondo local da Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro" de Vilagarcía de Arousa).




domingo, 4 de diciembre de 2022

II CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 



II CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía convoca o II Premio de Contos de Nadal que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación de todas as persoas que desexen concorrer a esta convocatoria.

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun relato curto que non exceda das 600 palabras ou dun folio como máximo, os traballos terán que ser mecanografados, ou realizados nun procesador de textos, tipo de letra Arial de corpo 11. O relato ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso. Debe ser de temática referida ou ambientada no Nadal.

IV.           A narración ten que estar escrita necesariamente en idioma galego.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o relato, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento; c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor/a; f) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha urna que estará situada nun lugar sinalado e dado a coñecer no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben enviado por correo postal ao seguinte enderezo: CONTOS DE NADAL – Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 2 de decembro de 2022 e ata o día 31 do mesmo mes.

VIII.    O fallo darase a coñecer o 10 do mes de xaneiro de 2023.

IX.           A entrega de premios será no acto que celebre o Centro Comercial Arousa o 14 de xaneiro de 2023, a partires das 18:00 h.

X.              Publicaranse os relatos premiados no blog: www.mesadasverbas.blogspot.com  Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa e noutras posibles publicacións. Para isto, os autores, e os menores de idade por medio dos seus titores, cederán durante un ano os dereitos dos seus relatos para facilitar dita publicación.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá nun vale de 100 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo. b) 2º Premio que consistirá nun vale de 50 € do Centro Comercial Arousa. c) 3º Premio que consistirá nun vale de 25 € do Centro Comercial Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa e polo Centro Comercial Arousa. (A poder ser, participará algún concursante premiado da pasada edición).

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das mesmas.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, e os menores de idade por medio dos seus titores legais, cumprimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes, procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a produción literaria de todas as persoas, para que esperte nelas o escritor ou escritora que levan dentro.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.

SAÚDE E VERBAS!

ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS E CENTRO COMERCIAL AROUSA

VILAGARCÍA DE AROUSA





BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2023!!!






domingo, 27 de noviembre de 2022

EMOTIVO E ENTRAÑABLE RECITAL EN TRABANCA BADIÑA

 Foi este pasado sábado, 26, na Casa de Cultura de Trabanca Badiña. Ofrecemos unha pequena reportaxe gráfica para a lembranza:


Imaxe de Xermán Manuel Torres

Foto de Xermán Manuel Torres

Outra imaxe de Xermán

Fotografía de Carmen Castejón

Vídeoclip da Al Guanella











viernes, 25 de noviembre de 2022

PAULA CASCALLAR LATORRE CONTRA TODA VIOLENCIA


A nosa compañeira Paula le o seu poema que reflicte a violencia dunhas mulleres cara outras. Mulleres que renegan do seu feminismo e adoptan posturas machistas, converténdose en inimigas do seu propio sexo cun complexo de inferioridade e un machismo inconcibible; temos mostras máis que significativas estes últimos días. Ánimo a Paula pola túa solidariedade cara as mulleres violentadas e víctimas dun machismo irracional e fóra de lugar no noso tempo e oxalá que en todo o mundo.


VIOLENCIA MACHISTA NUNCA MÁIS!!!





 

jueves, 10 de noviembre de 2022

CXXVII MESA DAS VERBAS NA CASA DE CULTURA DE TRABANCA BADIÑA-26-11-2022

 



REPERTORIO QUE INTERPRETARÁN


1.- Salió de Jamaica                                                                                     4.- Aleluya

2.- Los sonidos del silencio                                                                          5.- María si vas

3.- O Carro                                                                                                   6.- La cucaracha

                                                           7.- O voso galo comadre





jueves, 3 de noviembre de 2022

II CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA XAQUINA TRILLO

 


- Pódense presentar os poemas ata o 30 do presente mes de novembro de 2022.

- O poema non pode exceder dos 60 versos, necesariamente ha estar escrito en lingua galega.

- Fallo do xurado no mes de decembro de 2022.

- Entrega de premios prevista sobre a primeira quincena do mes de febreiro de 2023, nun acto que se anunciará.

- Os orixinais pódense entregar por medio dunha urna que está colocada no Centro Comercial Arousa, ou ben enviándoos a dirección postal de dito centro


II PREMIO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA

Xaquina Trillo

 BASES

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa e co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía e co apoio imprescindible da Deputación Provincial de Pontevedra convoca o II Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo”, que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación da mocidade que estea a cursar os estudos de Bacharelato; é dicir destinado a mozas e mozos entre 16 e 18 anos. A idade acreditarase presentando unha fotocopia do NIF ou co resgardo da matrícula no Bacharelato no presente curso escolar 2022-2023.

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun poema que non exceda  dos 60 versos, extensión máxima sesenta versos. O poema ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso.

IV.           O poema ten que estar escrito necesariamente en idioma galego.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o poema, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento ou unha copia do resgardo da matrícula no Bacharelato correspondente ao curso escolar 2022-2023; c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor; f) O nome e identificación do centro de estudos, g) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso, avalado pola nai/pai ou titor/a da persoa participante (no caso de ser menor de idade) e co seu consentimento. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha urna que estará situada nun lugar sinalado e publicitado no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben pode enviarse por correo postal ao seguinte enderezo:  II Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo” - Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 20 de setembro de 2022 ata o 30 de novembro de 2022.

VIII.    O fallo darase a coñecer no mes de decembro de 2022.

IX.           A entrega de premios será nun acto que celebre o Concello de  Vilagarcía de Arousa co motivo deste certame e que oportunamente se anunciará.

X.              Publicaranse os poemas premiados no blog: www.mesadasverbas.blogspot.com  Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa, así como nunha edición especial do noso Boletín Medulio, que se distribuirá no acto de entrega de premios e tamén se fará chegar aos centros de estudo. Para isto, os autores, por medio dos seus titores (caso de minoría de idade), cederán durante un ano os dereitos dos seus poemas para facilitar dita publicación.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá en 300 € en metálico, un vale de 100 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa. b) 2º Premio que consistirá en 200 €, un vale de 50 € do Centro Comercial Arousa, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.  c) 3º Premio que consistirá en 100 €, un vale de 25 € do Centro Comercial Arousa e un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas, A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa e polo Centro Comercial Arousa.

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das mesmas.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web do Concello de Vilagarcía de Arousa e na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, por medio dos seus titores legais (se é o caso), cumprimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes de coñecido o fallo, despois procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a poesía en idioma galego entre a mocidade.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso. Destacando a inestimable colaboración da Deputación de Pontevedra que axudou a promover este premio, mediante a concesión dunha subvención para este fin.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.