domingo, 27 de marzo de 2022

AO BARDO DE TRABANCA SARDIÑEIRA- XOSÉ RAMÓN QUINTÁNS SUÁREZ

 




Este pasado sábado puidemos gozar da sabiduría e da lírica do poeta de Trabanca Sardiñeira, noso bo e querido amigo Xosé Ramón Quintáns Suárez. Familiares e amigos da Mesa das Verbas rendémoslle merecida homenaxe. Grazas mestre!!!


Esta primavera,
non oín o canto sereo dos paxaros
nin vin o agasallo das flores.
Esta primavera,
para min, reinaron silenzos
e permaneceron núas as árbores.

Quixen afastar de min
o balbordo infinito dos nenos,
e o paso constante do tempo,
e caeron sobre min
os silenzos escuros dos medos,
e as terribles mensaxes dos ventos.

E treméronme os ósos
na xeada tortura da vida
co frío do inverno
e doéronme as costas,
cando o sol non quencía
esa primavera.

Mais... xa non teño medo
se os meus ollos de xestos perdidos
escudriñan con ansias as penas
e trocas o medo
polo amor de eses mil amigos
que cumpren teus soños e fanche poemas.

Eses mil amigos
que sementan nos campos da alma
leiras de alegría, sucos de esperanza;
eses mil amigos
que te empurran e senten contigo 
ese privilexio de ter un amigo.

E cando chegue o outono
coas súas níveas barbas
e a paleta do Arco da Vella
pintando de cores os soños.

Cando chegue o outono
nacerán centos de poemas
con letras pintadas nas follas.

E eu... non terei medo,
se despois dos anos vividos,
pode máis a ledicia que as penas
e... trocas o medo
por Amor deses mil e Un amigos,
que cumpren os soños de pintar poemas.

Eses mil e Un amigos,
que colleitan nos campos da alma
sementes de vida, carros de esperanza.

Eses mil e Un amigos,
que comparten sen pedirche nada
o Divino regalo de ter un amigo.

              Xosé Ramón Quintáns Suárez








No hay comentarios:

Publicar un comentario