martes, 27 de diciembre de 2022

PREMIOS II CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA "XAQUINA TRILLO"

 


1º Premio

Quen son?

Marina Montenegro Jamardo

IES “Catro Alobre”

 

Poesía. Verba que embarga o meu corazón.

Que queres significar en realidade?

Dor, soidade, compaixón?

Ou beleza, amor e felicidade?

 

Atópome atrapado nos teus brazos

sen chegar a alcanzar a túa verdade.

Busco, busco e na túa eternidade

non atopo resposta ao teu sutil abrazo.

 

Pasan os minutos, as horas, os días

e ti estás quedo, sen producir son.

Perdo. Perdo completamente as partidas.

E non podo impedir que estale no interior:

 

Non é xusto! Amósate!

Déixame comprender, aprender.

Chegar a descubrir e ver

como es ti... Apresúrate!

 

Sinto esta carga cada vez máis pesada.

Un paso. Dous. Engade outro verso.

Engade e engade. Palabras desquiciadas.

Deleitame coa poesía que escribes cun dos teus bicos.

 

Agarda. Un segundo, respira.

Cálmate. Deixa as ondas da conciencia serenar.

Inspira. Calma. Aspira.

Sacude o sono, debes espertar.

 

Así recompilo na miña memoria pezas,

un  “puzle” incompleto que hai que encaixar.

Descubrir o erro e ...atacar.

Non tes que ser xusto, peca.

 

Xoga coas palabras.

Aprende a ser parte delas.

Deixarse embriagar polo seu recendo,

recordatorio traidor, amor secreto.

 

Encaixo unha peza,

facilita esta encomenda.

Penso, logo existo,

Verso prohibido.

 

Preciso saber.

Asústate? Estráñache verme así, sen rumbo,

só e asustado neste inmenso mundo,

escoitando as sentenzas dos susurros, non é xusto.

 

Poesía. Podería coñecer o teu creador?

e ser pintor do teu renacer,

dar forma ao teu ser,

e converterme no teu pecador?

 

Segunda peza, e continúo.

Poesía, que antes a túa man alegre estreitaba,

Disparo agora a bala que oxalá acertara,

e partira este amor, pena desditada.

 

Paciencia. Agobio. Enteireza,

desexo que corroe veloz o meu pensamento

non atacas, espero, morro.

Para! Non me esnaquices por dentro!

 

Deixa a xogada! Sigue.

Deixo a partida! Sigue.

Non!... deixo, deixo a vida, a súa esenza,

a dozura de notarse vivo.

 

Xa está, remato.

Por fin me roza o alivio.

Esta é a verdade, que o mundo comprenda.

Son poeta.

 

2º Premio

O carreiro da vida

Xerome Vence Nieto

IES “Castro Alobre”

 

Polo carreiro da lembranza

medran silvas e toxeiras

          procesión engaiolada

          pola tristeza lixeira

          esvaecida nun vello ollar

          sendo a vida viaxeira

 

Polo carreiro da esperanza

camiñabas silandeira

          doces agarimos fan de ti

          adorada virxe mentireira

          recibes bicos de adoración

          das pobres cegas roseiras

 

Os seus pétalos e estames

cobren os teus longos cabelos

          De seren delicados talos

          serían follas os pétalos

          e os estames crecentes espiñas

          de vellos toxos e silveiras

 

Acompañada vas na fronte

aínda sendo silandeira

          A banda quedou polo carreiro

          engaiolada entre espiñeiras

          facendo mofa de ti, mentireira

          coa máis triste música, lixeira, viaxeira

 

 

3º Premio

Nova flor

Sonia Baqueiro Abal

IES “Soutomaior”

Foi unha flor crecente da miña estación favorita,

aquela na que eu nacera.

Apareceu ela no frío de outubro, escuro e triste,

tendeume a súa man libre.

 

Tomeilla á cega dúbida de que ela non era

calquera rosa perecedeira,

pois as súas raíces e afouteza foron salvavidas

no meu mar de bágoas.

 

Fonte de auga fresca e pura onde con ela cambia

o significado de amar e ser amado,

namoreime perdidamente dese corazón de xeo

dos seus pétalos dourados.

 

Seguirei sen entender o porqué de que me guste

aquilo que non se ve,

daquilo que non se pode tocar pero si doe,

non se abraza pero rompe.

 

A música, a distancia e máis ti.


viernes, 23 de diciembre de 2022

BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2023

 



Parabéns ao noso amigo e compañeiro, o grande artista Al Guanella, a quen lle tocou a cesta de Nadal da Asociación Cultural Mesa das Verbas, dita cesta donada xentilmente polo Centro Comercial Arousa e confeccionada por HiperFROIZ. Grazas aos nosos amigos do Centro Comercial Arousa, benfeitores da nosa Asociación.

A todos, moi FELICES FESTAS DE NADAL E ANINOVO!!!


jueves, 8 de diciembre de 2022

CXXVIII MESA DAS VERBAS

 



Na miña dorna o segrel

cantarexa unha canción,

na popa brila o ronsel

de soños, tristuras e dor.


Na proa loce unha estrela,

¡meu amor! onde tí vou

espido de soños e arelas,

espido no mundo só,

sin amor nin compañeiros,

mergullado no trebón,

navegando o meu veleiro,

venteando o meu amor.


GONZALO BOUZA-BREY VILLAR

(Vilagarcía de Arousa, 18/04/1952-23/12/2012)


Gonzalo Bouza-Brey Villar (Dtor.) et alt., O Cancioneiro e o mar (Vilaxoán de Arousa: Fogar do Pescador, 1998), 26. (Consérvase un exemplar desta publicación no fondo local da Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro" de Vilagarcía de Arousa).




domingo, 4 de diciembre de 2022

II CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 



II CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía convoca o II Premio de Contos de Nadal que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación de todas as persoas que desexen concorrer a esta convocatoria.

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun relato curto que non exceda das 600 palabras ou dun folio como máximo, os traballos terán que ser mecanografados, ou realizados nun procesador de textos, tipo de letra Arial de corpo 11. O relato ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso. Debe ser de temática referida ou ambientada no Nadal.

IV.           A narración ten que estar escrita necesariamente en idioma galego.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o relato, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento; c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor/a; f) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha urna que estará situada nun lugar sinalado e dado a coñecer no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben enviado por correo postal ao seguinte enderezo: CONTOS DE NADAL – Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 2 de decembro de 2022 e ata o día 31 do mesmo mes.

VIII.    O fallo darase a coñecer o 10 do mes de xaneiro de 2023.

IX.           A entrega de premios será no acto que celebre o Centro Comercial Arousa o 14 de xaneiro de 2023, a partires das 18:00 h.

X.              Publicaranse os relatos premiados no blog: www.mesadasverbas.blogspot.com  Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa e noutras posibles publicacións. Para isto, os autores, e os menores de idade por medio dos seus titores, cederán durante un ano os dereitos dos seus relatos para facilitar dita publicación.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá nun vale de 100 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo. b) 2º Premio que consistirá nun vale de 50 € do Centro Comercial Arousa. c) 3º Premio que consistirá nun vale de 25 € do Centro Comercial Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa e polo Centro Comercial Arousa. (A poder ser, participará algún concursante premiado da pasada edición).

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das mesmas.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, e os menores de idade por medio dos seus titores legais, cumprimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes, procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a produción literaria de todas as persoas, para que esperte nelas o escritor ou escritora que levan dentro.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.

SAÚDE E VERBAS!

ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS E CENTRO COMERCIAL AROUSA

VILAGARCÍA DE AROUSA





BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2023!!!