jueves, 10 de marzo de 2022

CONVOCATORIA III CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2022

 




III CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS/2022

CONVOCADO E ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA

 

1.- Convócase este III CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 2022, idea e organización da Mesa das Verbas e do Centro Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación literaria en lingua galega.

2.- Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente acepta as presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como tamén acepta todas as decisións do xurado (que estará composto polos autores premiados na edición anterior, se fose posible; senón as entidades que promoven o concurso designarán ao xurado) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables. A participación no concurso supón a aceptación e asunción destas bases. En caso de menores de idade acompañarán no sobre pequeno a autorización do pai ou da nai ou do titor/a legal, así como a autorización da xestión do datos persoais só a efectos de cuestións relacionadas con este concurso (a autorización do manexo dos datos persoais tamén será enviada polos concursantes maiores de idade).

3.- Cada persoa poderá presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera xénero e estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser orixinal e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en calquera outro certame.

4.- A extensión máxima de cada obra será dun folio por unha soa cara. Os traballos presentaranse en sobre con plica. O orixinal do traballo non pode levar ningún sinal, marca ou calquera outra cousa que poida identificalo. O traballo será acompañado cun sobre pequeno con lema, a xeito de plica, neste sobre irán os datos do autor: Nome e apelidos, NIF, un número de teléfono, enderezo postal, enderezo electrónico, este pequeno sobre pechado estará dentro do sobre grande xunto co orixinal. O sobre grande tamén pechado, levará escrito o mesmo lema que o sobre pequeno.

5.- O prazo de entrega será ata o propio 17 de maio de 2022 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa.

6.- Os premios non poderán declararse desertos.

7.- A entrega de premios terá lugar o venres, 27 de maio de 2022, conmemorando o Día das Letras Galegas, nunha edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 20:00 h. na sala de usos múltiples, no 1º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.

8.- Os premios serán os seguintes:

- 1º PREMIO: 60 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 60 €, e diploma.

- 2º PREMIO: 40 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 40 €, e diploma.

- 3º PREMIO: 20 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 20 €, e diploma.

 

9.- Os autores ceden todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano, reverterían de novo nos seus autores.

 

10.- As obras non premiadas poderán retirarse ata o 17/06/2022, acreditando debidamente ser a autora ou autor, despois desa data serán destruídas.

 

11.- A participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.

 

 

Vilagarcía de Arousa, 1 de marzo de 2022


martes, 22 de febrero de 2022

ROSALÍA DAY - DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO - 23-02-2022

 






NOS QUEDOU O VERBO (23 febreiro 2022)

Nos quedou o verbo latendo na alma,

vivindo coa túa morte, Rosalía;

orfos herdamos xenerosa grafía

nos versos que o silencio declama.


Dende o máis alá dun mundo de calmas

nos falas muller coa voz da poesía,

e andas negra sombra noite e día

suspirando pola Galicia que amas.


Non, non o sabes ti ben... ¡déchenos tanto!...

que agasallados quedamos co teu don;

eu nas ringleiras das páxinas che planto


 palabras que me saen do corazón

e agardo florezan na voz dos cantos

polas albas bicadas, alá por Padrón.


Lois do Salnés 


ROSALÍA E SANTIAGO


As vellas rúas de Santiago

acubillan teimudas

segredos dos teus pasos


Chove miudiño

e o silencio do mencer

enseñorea a praza


Son as sombras doutras chuvias

escintilantes alfaias compostelás

gardiás da túa voz.


Hoxe, Rosalía, 

tralo vidro da palabra

levo o feitizo na alma

dos teus cantares


Augusto Guedes


Rosalía,

tristura, dor;

ledicia, combate.


Moitas Rosalías

nunha,

Galicia no seu

corazón.


Rosalía

a que leva

na fronte unha estrela,

no bico un cantar.


Rosalía,

nosa nai

dos mil ríos

en Arousa veu o mar.


Rosalía,

quen soubera amar

como ti

á nosa Terra?


Miña Terriña,

meu lar!


Xermán Manuel Torres, 23/02/2022  15:10


Rosalía, gallega inmortal. Luchadora

aguerrida de la palabra.


Poetisa de la vida, de los sueños y

del amor a la tierra.


Señora de la nostalgia, de la morriña

y de la saudade.


Gracias a tu bello idioma llevaste a

los confines tu obra.


Madre inmensa de Galiza, te

ensalzamos cada 23 de febrero por

ser el estandarte de nuestras letras.


Marisa Jamardo


Querida e admirada Rosalía:

querida porque dende pequena

oía ler á miña nai os teus versos

que ían quedando no meu corazón

con moito amor.


Admirada porque ninguén como ti

soubo expresar os sentimentos tan fondos

das penurias que pasaban os nosos antergos

ao atoparse fóra da súa a nosa Terra.


Airiños, airiños, aires, airiños levaime a ela.

Hoxe miramos cara o ceo e vemos á estrela

do teu nome "Rosalía" que nos enche de orgullo

e con admiración dámoste as gracias pola túa obra.


Mª del Carmen Abalo Noya


sábado, 29 de enero de 2022

FALLO DO XURADO - I CONCURSO DE POESÍA XAQUINA TRILLO

 Como Presidente da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa é para min un pracer comunicarlles o fallo do Xurado do I CONCURSO DE POESÍA "XAQUINA TRILLO" dirixido ao alumnado da ESO e convocado e organizado polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o Centro Comercial Arousa e a Asociación Cultural Mesa das Verbas, que é para min unha honra presidir.


O alumnado premiado é o seguinte:

1º PREMIO:

Alma Zamora Pérez co seu poema O CANCRO
alumna de 1º da ESO do Colexio San Francisco de Vilagarcía de Arousa

2º PREMIO:

Diego Outón Carrión co seu poema NINGUÉN
alumno de 2º da ESO do Colexio San Francisco de Vilagarcía de Arousa

3º PREMIO:

Xiyao Hu Zhu co seu poema SEN ARGUMENTOS
alumna de 2º da ESO - A
do IES Miguel Ángel González Estévez - Carril - Vilagarcía de Arousa

Parabéns a todos os participantes, aos premiados e ao profesorado que animou e alentou á participación. E un agradecemento moi especial ao Xurado que dirimiu este certame.

A ENTREGA DE PREMIOS SERÁ NUN ACTO ESPECIAL ORGANIZADO POLA CONCELLERÍA DE CULTURA DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA CO GALLO DA CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO E QUE TERÁ LUGAR O SÁBADO 19 DE FEBREIRO DE 2022, A PARTIRES DAS SEIS DA TARDE NA SALA DE CONFERENCIAS DO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA.

En hora boa a todos e un saúdo moi cordial,

Germán Manuel Torres de Aboal
Presidente da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa

1 PREMIO

O CANCRO - Alma Zamora Pérez

Cancro, viñeches sen avisar,
cancro non deixaches de pelear,
cancro, leváchela sen máis
ela loitou, esforzouse
ela por ti nos deixou.
Non fixo nada malo
e aínda así chegaches
es egoísta e burlón
cambias de parecer sen ton nin son.
Tan rápido das un sopro de esperanza
como o arrebatas
does máis que nada;
ela a pesar de todo
na súa faciana
un sorriso levaba;
prometeume tantas cousas
pero o tempo para algúns remata.
Ti, cancro, quitaches moitas cousas
contigo deixou de andar,
contigo deixou de comer,
mais nunca me deixou de querer.


2º PREMIO

NINGUÉN - Diego Outón Carrión

Escuro, só, tranquilo
pecho os ollos
e agora reparo

NINGUÉN

Ninguén preguntou
se quería vir, sufrir, amar...
Abro os ollos, respiro,
e comezan a cuestionar, xulgar.
Se es neno, nena...
xa che din con que xogar!
Se andas pronto ou sae un dente,
se falas ben e es desperto de mente.
E así sen pedilo, vés ao mundo
para que che poidan criticar.
Bos rapaces, tedes que encaixar
satisfacer as expectativas
dos que lles gusta opinar
poñer os mellores sorrisos,
ser perfectos ata no andar.
Pero eu son outro,
non sei nin como falar,
diante dos meus semellantes
fáltame o aire, non podo respirar.
Xulgar, dá igual com sexa,
o que me queres é cambiar,
e ninguén me preguntou, se quería espertar.
E entre tantas preguntas e miradas,
só hai un ser incondicional,
miña naisiña querida, que só sabe amar.
Que non quere ao perfecto,
que non quere preguntar,
cando choro en silencio
por se pode molestar.
Que entende e respecta,
a un ser que só quere voar,
pero a sociedade mentireira
as ás lle quere cortar.
Non te preocupes, miña almiña,
ás veces teño que desafogar
aínda que sinta esta agonía,
non vou abandonar.
Ninguén me preguntou se quería espertar
e vir a un mundo roto
unha sociedade desigual,
que loa ao perfecto
ao que sabe encaixar,
pero se non participas no xogo
ataca e dana sen parar.
Non son un neno roto,
non me xulgues sen parar,
ninguén me preguntou,
se quería espertar.
Pero agora estou esperto,
triste, pero firme no meu pensar,
non vou ser outro,
non penso prexulgar.
Todos preguntan
para saber como actuar,
e ninguén responde:
Eu só desexo ser feliz e amar.

3º PREMIO

SEN ARGUMENTOS - Xiyao Hu Zhu

Que fago eu nun mundo sen niguén,
un corazón con vida desapareceu en min,
espertei coma se estivese noutro mundo,
poeta non son, pero boneca tampouco.

Todas as miñas cores internas voaron,
soa no mundo sen ninguén con que falar,
os días pasan coma se fosen segundos,
os recordos coma se fosen mentiras.

Os paxaros do meu arredor perderan o canto,
como eu perdín a ilusión de vivir,
unha vida sen ningún agarimo é
unha vida que non ten sentido ningún.

Un mundo cheo de persoas sen coñecementos,
un mundo cheo de amargura e tristeza,
esfumáronse todas as cores da vida, e
só queda un mundo de escuras cores.

Ese sol amarelo que adornaba o ceo
agora só é unha escura bóla,
a alegría dos nenos desapareceu,
como o cálido clima do noso planeta.



O sábado 19 de febreiro de 2022 como estaba previsto celebramos o acto de entrega de premios

Con puntualidade, contra as 18:00 demos comezo. Abriu o acto cunhas verbas de acollida e benvida, así como de agradecemento e satisfacción a Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa Sonia Outón, acompañada na presidencia de Emilia Ruido, filla e herdeira de Xaquina Trillo, o noso Vicepresidente Xosé Ramón Quintáns Suárez e o noso Presidente Xermán Manuel Torres. E seguidamente, antes que nada como lembranza e homenaxe dos homes do VILLA DE PITANXO, escoitamos en silencio NEGRA SOMBRA de Rosalía interpretado por Luz Casal e Carlos Núñez.
Cedeulle a palabra a Concelleira a Xermán Manuel Torres, quen exerceu de moderador do acto. Xermán glosou a figura de Xaquina Trillo apoiado cunha presentación en Power Point.
Logo na CXVIII Mesa das Verbas rendéuselle unha homenaxe a Rosalía de Castro en conmemoración por adiantado do Día de Rosalía o próximo día 23. Escoitáronse os versos de Rosalía e outros compostos na súa homenaxe, foi un percorrido con verbas e versos pola vida e obra da nosa insigne poeta nacional.
Despois diso, o protagonismo foi para os nosos premiados, os mociños Alma, Diego e Xiyao. O Secretario do Xurado, Carlos Varela Ulla, técnico da Concellería de Cultura leu a acta co veredicto do Xurado. Os mestres de galego Xosé Ramón Quintáns e Xermán M. Torres fixeron un breve comentario dos poemas premiados atendendo máis ao fondo que á forma. E acto seguido Xiyao Hu Zhu leu seu poema SEN ARGUMENTOS, seguiu Diego Outón co seu poema NINGUÉN e Víctor, tío-avó de Alma Zamora, leu seu poema O CANCRO.
Procedeuse a entrega de premios e finalizou o acto coas palabras de Clausura por parte da Concelleira e anunciándose que o II Premio de Poesía en Lingua Galega "Xaquina Trillo" estará dirixido nesa próxima edición ao alumnado de Bacharelato.
E fóra de acto, Xermán Manuel Torres motivou a todos a participar no III Concurso Literario Letras Galegas - 2022, convocado polo Centro Comercial Arousa e a Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa.
SAÚDE, POESÍA E VERBAS!!!


Siyao Hu Zhu, Alma Zamora, Diego Outón


Augusto Guedes, Presidente do Xurado, os premiados, Luís González de la Ballina, vogal do Xurado e Carlos Varela, Secretario do Xurado


O Xurado, os premiados e parte do público asistente


COMO DICÍA CUNQUEIRO: ATA OUTRA MILLORADA!!!




lunes, 17 de enero de 2022

CXVI MESA DAS VERBAS - 29-01-2022 - 18:00

 




Diario de Arousa, 21/01/2022

Lois satisfeito coa súa nova criatura (Foto: Andrea Fernández Maneiro)

Xermán gozando con ENXEBREZAS (Foto: Andrea Fernández Maneiro)

Parte dos asistentes á CXVI MESA DAS VERBAS (Foto: Andrea Fernández Maneiro)









viernes, 14 de enero de 2022

14-01-2022 ENTREGA DE PREMIOS I CONCURSO CONTOS DE NADAL

 Na fermosa Sala de Usos Múltiples do Centro Comercial Arousa, situada na súa primeira planta, a partires das 18:00 h. do día 14 de xaneiro de 2022 tivo lugar a entrega de premios do I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL. Ofrecemos unha reportaxe gráfica da autoría de Luís González de la Ballina González e de Xermán Manuel Torres.

Parabéns a todos os concursantes e especialmente hoxe aos tres premiados. Grazas a todos por participar. E Grazas ao Xurado por dedicar o seu tempo de forma altruísta ao difícil labor de xulgar uns fermosos textos literarios.


X.R. Quintáns lendo O BICO PERDIDO

Tere Briones co seu O MELLOR AGASALLO

Lucía Oliveira Roma le UN NADAL ESPECIAL

O público asistente

Xosé Ramón Quintáns Suárez



María Teresa Briones Berridy


Lucía Oliveira Roma

Os tres premiados

Os premiados con compoñentes do Xurado (Luís González Bravo -dta.-, Luís González de la Ballina -esqda.-)




Quintáns con Xosé Jamardo, director de Cáritas da parroquia de Sobradelo







Edición de Arousa de Faro de Vigo, sábado 15 de enero de 2022












viernes, 10 de diciembre de 2021

FALLO DO I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 Reunido o Xurado composto por Luís González de la Ballina González, director do Centro Comercial Arousa, Luís González Bravo, secretario da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, Ramón Torrado López, vocal da Asociación Cultural Mesa das Verbas, o pasado día 2, emitiron o seguinte fallo sobre I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL, que se fai público hoxe, segundo as bases:


1º Premio: Xosé Ramón Quintáns Suárez de Vilagarcía de Arousa co conto: O BICO PERDIDO.


2º Premio: Teresa Briones Berridy de Vilagarcía de Arousa co conto: O MELLOR AGASALLO.


3º Premio: Para a mociña de 12 anos Lucía Oliveira Roma de Vilanova de Arousa co conto: UN NADAL ESPECIAL.


A entrega de premios será nun acto a finais deste mes de decembro, que oportunamente se anunciará e que se organizará no Centro Comercial Arousa.

Parabéns a todos os concursantes e aos premiados.

Procedemos á publicación dos contos, comezando polo 1º Premio.


Composición imaxe: Andrea Fernández Maneiro

O BICO PERDIDO

Xosé Ramón Quintáns Suárez

 

(O Nadal é tempo de ilusión, tempo de nenos. O vento da idade move a árbore da vida e caen as follas murchas das ramas secas. A rama verde da ilusión móvese sen perder follas. No máis alto dos soños da rama da esperanza infantil canta un xílgaro).

 

Chegara o Nadal. Chegou traendo tempo de ledicia, de vacacións, de amor e de festa en familia.

A nena desta historia coma todas as nenas e nenos daquela pequena aldea estaba feliz. Non obstante, naquela mañá, cando quere darlle un bico de bos días ao seu avó topou que, no labirinto da súa alma, perdera o bico.

Buscou ao seu avó e díxolle entre choros ¡avó! Perdín  o meu bico. O avó acariñouna e consolouna dicíndolle “búscao, que seguro o atoparás”.

A nena buscouno en cada recuncho do seu interior, en cada pensamento, en cada palabra que dixera, nas risas das festas, nos choros, nos rezos das noites, na ledicia do amencer e non o topou. Logo pensou que durante a noite escapáraselle nalgún soño e que andaría perdido por algún lugar da casa. Remexeu todo e tampouco dou con el.

Decidida e valente, a pesares do frío que sempre visitaba a aldea no Nadal saíu á rúa. Preguntoulle a unha árbore dun verde escuro invernal e galego ¡Árbore! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está?...

A árbore non respondeu; pero os abrochos abríronse e unhas fermosas camelias brancas consolaron un pouco a tristeza da nena que o ver as flores maxinou que o seu bico pasara por alí.

Baixou, camiño do río, preguntándolle ás corredoiras, ás paredes das casas, ás pedras durmidas e non conseguiu resposta algunha. Cando chegou ao río, que baixaba cheo de auga de inverno e entoaba rufo, no seu incesante rañar nas pedras e nas raíces, anacos de panxoliñas, díxolle ¡Río! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está?... O río non respondeu; pero a corrente da auga amansouse, cesaron os cantos e deixou ao descuberto unha ponte de pedras para que a nena pasara ao outro lado, que era o lugar onde vivía o inconstante vento que sempre estaba falando coas árbores do bosque.

¡Vento! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está? “Berrou a nena ao charlatán vento”. O vento non respondeu; pero o murmurio das árbores ao moverse levárona ata a beira do mar.

Alí veu como o sol baixaba cara a auga despedindo ao día e aproveitando o último raio de luz preguntou ¡Sol! ¿Viches ti o meu bico? ¿Sabes onde está? O sol non respondeu, meteuse na auga vermella do poñente e deixou paso a noite.

Triste e cansa a nena volveu cara a súa casa. Polo camiño fixouse que a lúa sorríalle. Unha nube tapou á lúa e a nena non lle puido preguntar polo seu bico.

Chegou a casa, contoulle todo ao seu avó e el díxolle: Estate tranquila, durme e descansa que seguro que toparás teu bico. Esta noite veñen os Reis Magos e, aparte dos regalos seguro que che deixarán algunha pista. Buscou e buscou, ao nacer o día, algunha pista do seu bico. ¡Non topou nada!

Cando chegou a hora da Misa foi co seu avó á Igrexa. Alí, pensou, rezou e chorou por dentro. Terminou a Misa e acercouse co seu avó e os demais veciños a visitar o Belén sabendo que ela non podía bicar ao Neno porque perdera o seu bico. Cando chegou veu no alto do teito da Igrexa á sorrinte lúa e á rara estrela e no centro do Belén, na meixela do Neno Deus, descansando feliz estaba o seu perdido bico.

2º Premio    



O MELLOR AGASALLO

Teresa Briones Berridy

 

Xoaniña era unha nena de 12 anos con seis irmáns máis. Eran cinco nenos e tres nenas. O irmán máis novo tiña cinco anos e non pronunciaba o R e por riba chamábase Ramón, el dicía “Lamón” e Xoana sentía moita pena, só desexaba que falara ben. No seu aniversario regaloulle un rato que tiña corda e daba voltas polo chan. O neno dicía: “me gusta mi lato, ten un labito como mi pelo”. Referíase ao rabo do can.

Cando a súa nai saía da casa para ir lavar a roupa ao río, el choraba e dicía: “quelo il contigo a laval ao lío”. Ela collía ao cativo con agarimo e enchíao de bicos.

Achegábanse as festas máis entrañables para ela; o Nadal e a festa dos Reis. O seu pai fíxolles con madeira e latón un castelo de Herodes, un pesebre e varias casiñas para o nacemento. Sería a encargada de facelo coas súas irmás. Aos nenos tocáballes recoller o musgo nos muros preto da casa.

O seu pai colocoulles unha táboa moi longa cuns cabaletes no comedor, alí iría o nacemento. Xoaniña era feliz, comía a bicos ao seu pai por aqueles amaños que fixo para o belén. Faltaba unha cousa, como cubrir os cabaletes para que non se viran?. Pronto tivo unha idea. O pasado ano, foi de virxe no festival de panxoliñas da escola. Tiña un traxe e un manto de cor azul gardados... Pedírallos a mamá...

Non houbo problema, súa nai coa tela do traxe fixo o faldón para cubrir os cabaletes e co manto un ceo para poñer na parede do nacemento. Que abrazo máis grande lle dou a súa nai e moitos biquiños. Agora faltaba adornar aquela tea do ceo con estrelas. Gardara papeis prateados das caixas do tabaco do seu avó e tamén das envolturas do chocolate. Pintou estreliñas e puxo aos seus irmáns a recortalas. Faltaba o río onde ían os parrulos e as lavandeiras. Collería un espello pequeno redondo do seu cuarto. Pegaron as estrelas con pataca cocida. Puxeron o musgo e as figuras de moitos anos (eran do seu pai de cativo). Todo estaba xa amañado. Quedou fermoso. Levou a velo ás súas amiguiñas da escola e tamés ás veciñas da casa do lado que eran nove irmáns, unha máis que eles, pero todas nenas.

Só tiña unha pena. Que o seu irmán máis novo non pronunciaba ben o “erre”. Xa sei, pensou, pediríallo ao Neno Xesús. E así foi. O día de Noiteboa púxose de xeonllos no seu cuarto diante dun Xesús que tiña nun estante coa bola do mundo nunha man e pediulle para que o seu irmán falara ben e fora capaz de pronunciar o “erre”. E foise durmir.

Pola mañá, levantouse a primeira, moi cedo, era o día de Nadal. Seus pais aínda estaban na cama. Deulles bos días e un bico e foise directa ao cuarto dos seus irmáns cativos. Levaba o rato na man e dóullelo ao seu irmán dicindo: “toma o teu lato, Lamón”. Quedou abraiada cando o seu irmán díxolle: “Chámome Rrrrramón e meu rrrrato corrre moito”. Mira como xa sei dicirrr tamén rrrabo, rrrata, rrrío. Doulle unha aperta ao neno e levouno xunta dos seus pais para contarllo. Logo correu ao seu cuarto a darlle as gracias ao seu Xesusiño porque escoitara súas súplicas.

Pasaron moitos anos e sempre lembraba aquel día, tivera seu mellor agasallo de Nadal.


3º PREMIO:



UN NADAL ESPECIAL

Lucía Oliveira Roma

 

Un día de inverno, preto do Nadal, Xurxo (un neno de 8 anos) ía camiñando pola vila cando de súpeto comezou a nevar. O neno non entendía nada, xa que el nunca vira nevar en Vilagarcía, seguiu camiñando moi sorprendido polo que estaba a ocorrer.

O rapaz, que estaba un pouco mollado pola neve, parou de súpeto xusto diante dunha casa que chamaba moito a atención, non só porque era xigante senón porque no xardín non había nin rastro de neve. Xurxo, estrañado e con curiosidade, decidiu petar na porta da casa para dicirlle á persoa que vivía alí que no seu xardín non había neve.

Cando o neno petou na porta, tardaron un pouco en abrirlle. A persoa que abriu a porta era un señor maior con pinta de ter moitos cartos pero o que máis lle estrañou a Xurxo foi que levaba unha coroa enriba da cabeza. O neno quedou un bo tempo mirando para el, tan aloulado estaba, que tiña a boca aberta. Quedou así porque quen lle abriu a porta non era ni máis nin menos que Gaspar, e dicir que esa casa era dos Reis Magos.

Cando Xurxo se recuperou do susto dixo:

-      Ola maxestade –tartamudeou- quería dicirlle que está a nevar pero no seu xardín no hai neve.

O rei comezou a rir, tanto ría, que Melchor e Baltasar foron mirar que estaba a ocorrer.

Cos tres reis na porta Xurxo non sabía se o que estaba a ocorrer era un soño ou realidade. Gaspar deixou que entrara na súa casa. Mentres Melchor ía facer un chocolate quente para o neno. Baltasar e Gaspar aproveitaron para contarlle un gran segredo:

-      Xa sabemos que estás estrañado porque na nosa casa non hai neve, e o certo e que non quixemos poñela porque a Melchor dálle unha reacción estraña.

 

-      Coma a do Coronavirus? (interveu o neno).

 

-      Non exactamente coma a do coronavirus (riron os dous reis).

 

-      Entón cal é esa reacción que tanta gracia vos fai?

 

-      Haber, ímoscho a explicar. Resulta que Melchor cando está en contacto coa neve empeza a... a... a... a... jajaja. (Riron outra vez). A cantar!

 

-      Pero deixádeo que cante.

 

-      E que non é iso, senón que canta FATAL!

 

Os tres riron ata que chegou Melchor, que avergoñado polo que pasou, dixo:

-      Aínda que disimuledes escoiteino todo jajaja. (Riu tamén). Pero non llo digas a ninguén que te vixío.

Xurxo contento marchou para casa. Nunca dixo nada nin do que vira nin do segredo de Gaspar.

 

ENTREGA DE PREMIOS

DO I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

DÍA: Venres 14 de xaneiro de 2022

HORA: Seis da tarde

LUGAR: Sala de Usos Múltiples do Centro Comercial Arousa

Vilagarcía de Arousa