sábado, 4 de febrero de 2023

IV CONCURSO DE CARTAS DE AMOR - 2023





FALLO DO IV CONCURSO DE CARTAS DE AMOR
Reunido o Xurado composto por Luís González de la Ballina González (representante do Centro Comercial Arousa), Alejandro Gustavo Guanella Ureta (representante da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa) e Germán Manuel Torres de Aboal (gañador co primeiro posto da edición anterior), na Sala de Xuntas do CCA, a partires das 13:00 h. do día 14 de febreiro de 2023, Día de San Valentín, despois da lectura detida dos 44 textos literarios e das deliberacións conseguintes, emiten o seguinte fallo:

1º POSTO: Juan Pintos Bermúdez, coa súa carta: "Dulce Mayaan"



2º POSTO: Mar González Díaz, pola súa carta: "Te quiero / porque cada día..."





3º POSTO: Mónica Ferreiro Miguéns pola súa carta "Más que amor"











 

sábado, 14 de enero de 2023

REPORTAXE GRÁFICA - ENTREGA DE PREMIOS DO II CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 

SALA MULTIDISCIPLINAR DO CENTRO COMERCIAL AROUSA, SÁBADO, 14 DE XANEIRO DE 2023  18:00

IMAXES DE XERMÁN MANUEL TORRES:


LUIS GONZÁLEZ DE LA BALLINA GONZÁLEZ

MARTA AMARELLE RODRÍGUEZ DE ROBLES - 3º PREMIO

ADRIANA CORES SUÁREZ - 2º PREMIO

RAMÓN TORRADO LÓPEZ - 1º PREMIO





IMAXES DE ROBERTO ABAL









VÍDEO CLIPS DE XERMÁN MANUEL TORRES:









































lunes, 9 de enero de 2023

PREMIADOS NO II CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 



PRIMEIRO PREMIO:

 

A gaivota amarela do peteiro vermello

Por Ramón Torrado López

 

Xa sabemos que as gaivotas son grises e brancas, pero contoume un vello mariñeiro que na illa de Sálvora naceu unha gaivota amarela co peteiro vermello. Todas as demais gaivotas ríanse dela porque era diferente. Ata as súas irmáns non querían xogar con ela. A pobre estaba moi triste e choraba mentres voaba sobre a ría de Arousa.

Froida, que así se chamaba, decatouse que de noite e cando facía néboa, o seu peteiro vermello acendíase coma un faro, e podía voar tranquilamente sen tropezar con ningún obstáculo. Vivía soa nun con moi alto, sen poder xogar coas demais gaivotas.

Un día polo Nadal, nun lugar moi lonxincuo de Grenlandia, Papá Noel, cando acabou de ler as cartas e e-mails que lle mandaran, viña polo aire coa súa zorra de renos voadores, cargado de xoguetes e agasallos para as nenas e os nenos do Salnés.

Pero ao chegar á ría de Arousa había tanta néboa que non podía ver Vilagarcía. Todo estaba escuro e cando xa estaban perdidos e cansos:

-         Mirade! Mirade aquela luz! (dixo o reno Rodolfo).

Dirixíronse a aquel lugar e alí estaba durmindo Froida, a gaivota amarela do peteiro vermello.

Vendo como choraba Papá Noel por non poder repartir os xoguetes, e se tiña que ir de volta sen cumprir o seu cometido, díxolles Froida:

-         Non vos preocupedes. Seguídeme que eu vos guiarei na néboa.

Froida voaba toda contenta diante dos renos indicando a Papá Noel o camiño para chegar ás casas de Arousa. E aínda logo os levou ata o mar aberto para que puidesen levar agasallos a todo o mundo

-         Adeus! (dixo Papá Noel todo ledo).

-         Adeus! (dixo Froida acendendo e apagando o peteiro).

Se vedes unha gaivota amarela co peteiro vermello, dádelle as grazas e botádelle de comer unhas migas de pan, ou un mexillón, porque hai que ser agradecidos e non rexeitar as persoas e animais que son diferentes.

 

SEGUNDO PREMIO:

 

Espertei e ulía a castaña

Por  Adriana Cores Suárez

 

O seu paseo entre o arboredo comezou como de costume uns días antes do Nadal. Era creador de ledicia pura, pero efémera, un día ao ano. Cruzaba os nosos montes de norte a sur e coas súas castañas e a súa boina curaba a fame.

Cheiraba a lume de facía pouco e viu, dúas cancións máis alá de onde estaba, un piñeiro que choraba.

Apareceu o vento murmurando versos de cantares que o explicaban:

-         Vin os eucaliptos, cando desfrutaban sen medo dunha oda ao sol. Bailaban coas lapas que imitaban a luz e os pasos do astro cando xiramos ao redor.

Berraban os animaliños que culpa non tiñan e só puiden escapar facéndoo peor.

 

-         Máis ventiño, isto pasa cada ano, e na época na que nos atopamos, as caras longas só as teñen as bestas (dixo o home).

Un dos piñeiros novos falou e contou, que non era o lume a única razón do seu pesar. A ilusión do nadal xa non viña pasear entre as súas ramas coma cada decembro, a xente xa non cría non incrible e non lles mostraba amor.

-         Os nenos xa non se acordan de nós (dixo con pena a pequena árbore).

Xusto un ano atrás, facíamos brillar o bosque cos nosos adornos artesanais. As cores vestían as nosas follas e as luciñas sempre guiaban á ilusión cara elas.

 

Entre lamentos, o vento asubiou sobre a maldade das árbores invasoras. Esganaban ás autóctonas dende o nacemento dos seus pés, e facían chorar aos animaliños máis pequenos porque xa non tiñan de comer.

Entón, o xigante roibo decidiu facer unha parada antes de retomar a súa labor orixinal e centenaria.

Comezou a pintar castañas de carballos que seguían en pé e a plantar outras para que os cativos daquel bosque tivesen froitos para crecer. Pediulle á lúa anaquiños de estrela que alumeasen as almas dos arboriños que nos agasallaban aromas e vida. Cercou o bosque con ilusión e amor pola natureza e conseguiu que o único que mollase as árbores fosen folerpas ou orballo invernal.

Conseguiu que o nadal se personificase no espírito de todos aqueles seres vivos aos que se lles intentara quitar o fogar. Mais iso era o principio dunha longa loita para manter vivo todo iso que nos facía nos mesmos.

Todo se extingue coma o vento cando deixamos de crer, e as brisas do outono pasado falaban sobre a chegada do nadal e San Nicolás con el. Sen embargo, nada se escoitou falar sobre o noso heroe.

O Apalpador tiña salvado o nadal esa noite, e as bágoas que secou de troncos inocentes comezaron a esvarar polas súas meixelas. Os nenos xa non pasaban fame, e o peor de todo é que deixaban de crer nel.

Mais unha luz brillou no nacente do sol, e un neno con fame desexaba a súa chegada con aroma a castaña. Nada desaparecería mentres conseguise manter ese olor.

 

TERCEIRO PREMIO:

 

Sempre ao teu carón

Por Marta Amarelle Rodríguez de Robles

 

Facía un frío húmido e Gabriel andaba pola súa casa porque estaba un pouco desbordado polos últimos exames do curso. Tamén sentía que lle faltaba o alento porque cada vez que pensaba nos poucos que ían ser na mesa esa noiteboa, entráballe ansiedade. Había só un ano que o seu avó xa non estaba con eles, pero ás veces mentres se relaxaba para durmir sentía un frío, un formigueo, un aire no seu cuarto. E gustáballe pensar que era el.

Sempre saía a pasear con Bingo, o seu can, á iso das 8:30 da mañá, e xusto o 23 de decembro estaba no parque e estaba todo baleiro. A xente prefería quedar na casa. Pasando polo lado dun carballo, atopa de lonxe unha bóla que se parecía ás que colgaban os seus avós no abeto cando se achegaba o Nadal. Decorada con imaxes de Papá Noel e unhas campás pequenas. Non lle importou cando a tomou na man, pero de súpeto, comezou a sentir como se o mundo ao seu arredor empezara a dar voltas. A vista, volveuse borrosa. E un sentimento semellante ao que sentía cando se ía acostar na cama. Pasaron uns segundos e comezou a xirar sobre si mesmo e sen control, coma se o mundo comezase a xirar. Ao instante, estaba coa súa nai, os seus tíos e os seus curmáns. Deuse conta de que estaba na casa onde viviu a súa nai cando era da súa idade. Viu a mirada do seu avó, esa mirada agarimosa e tímida, contándolle o feliz que estaba a un Gabriel de 7 anos, porque chegara o Nadal. Pero, sentíase mal por non despedirse dos seus fillos e por terlle regañado á nai de Gabriel antes de marchar.

Ela simplemente ocultara a súa voda, pero sentirase tan mal porque sentía un apego especial á súa primeira filla, sentía que o decepcionara máis que calquera outra cousa, todo se volveu bastante incómodo. Así que confésalle a Gabriel que oxalá puidera ver o futuro e así ver que todos seguen sendo iguais e que se queren igual que “agora”. Ao volver ao presente decide ir á casa dos seus avós e no seu cuarto, atopa a bóla oculta cunha nota que escribira pouco antes de morrer, cando buscaba unha manta para darlle á súa avoa, pedindo desculpas a todos por ser tan serio. Non se fixo entender. Sabía que era moi difícil para el separarse da súa primeira filla e non contarlle nada sobre o seu matrimonio. Iso fíxoo enfadar. Na Noiteboa decidiu colgar a bóla, no abeto e todos leron a nota. Todos sentíronse conmovidos e o neno sentiu un aire que percorreu o seu corpo mentres se sentaba á mesa para cear. Mirou cara a porta e mirou os ollos do seu avó.

E un sorriso debuxóuselle no seu rostro cando puido ver que todos lían a nota. Cando chegou sentiuse un pouco mellor e máis relaxada do que estivera nestes últimos meses. Ocorréuselle a Gabriel dicir que non o atopara recentemente, cando en realidade era algo que levaba uns meses alí sen que ninguén o vira, só el podía velo pero lle tiña un cariño especial. Sobre a mesa, apareceron uns pasteliños, que sabían que o seu avó quería. E todos quedaron coa boca aberta cando pasaron do polo con arroz que a súa avoa preparara para comer, a algo marabilloso. Un doce que era o favorito do avó fixo que xuntos todos intuían que algo estaba a pasar. Quizais agora puidesen crer máis na maxia do Nadal e esquecerse de que se esquecera o aniversario do outro ou as promesas que se fixeran e nunca se cumpriran. Só quería desculparse por parecer ás veces tan complicado e esixente con todos. Pero, gustáballe dar abrazos. Era unha familia complicada, pero todos estaban unidos.


martes, 27 de diciembre de 2022

PREMIOS II CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA "XAQUINA TRILLO"

 


1º Premio

Quen son?

Marina Montenegro Jamardo

IES “Catro Alobre”

 

Poesía. Verba que embarga o meu corazón.

Que queres significar en realidade?

Dor, soidade, compaixón?

Ou beleza, amor e felicidade?

 

Atópome atrapado nos teus brazos

sen chegar a alcanzar a túa verdade.

Busco, busco e na túa eternidade

non atopo resposta ao teu sutil abrazo.

 

Pasan os minutos, as horas, os días

e ti estás quedo, sen producir son.

Perdo. Perdo completamente as partidas.

E non podo impedir que estale no interior:

 

Non é xusto! Amósate!

Déixame comprender, aprender.

Chegar a descubrir e ver

como es ti... Apresúrate!

 

Sinto esta carga cada vez máis pesada.

Un paso. Dous. Engade outro verso.

Engade e engade. Palabras desquiciadas.

Deleitame coa poesía que escribes cun dos teus bicos.

 

Agarda. Un segundo, respira.

Cálmate. Deixa as ondas da conciencia serenar.

Inspira. Calma. Aspira.

Sacude o sono, debes espertar.

 

Así recompilo na miña memoria pezas,

un  “puzle” incompleto que hai que encaixar.

Descubrir o erro e ...atacar.

Non tes que ser xusto, peca.

 

Xoga coas palabras.

Aprende a ser parte delas.

Deixarse embriagar polo seu recendo,

recordatorio traidor, amor secreto.

 

Encaixo unha peza,

facilita esta encomenda.

Penso, logo existo,

Verso prohibido.

 

Preciso saber.

Asústate? Estráñache verme así, sen rumbo,

só e asustado neste inmenso mundo,

escoitando as sentenzas dos susurros, non é xusto.

 

Poesía. Podería coñecer o teu creador?

e ser pintor do teu renacer,

dar forma ao teu ser,

e converterme no teu pecador?

 

Segunda peza, e continúo.

Poesía, que antes a túa man alegre estreitaba,

Disparo agora a bala que oxalá acertara,

e partira este amor, pena desditada.

 

Paciencia. Agobio. Enteireza,

desexo que corroe veloz o meu pensamento

non atacas, espero, morro.

Para! Non me esnaquices por dentro!

 

Deixa a xogada! Sigue.

Deixo a partida! Sigue.

Non!... deixo, deixo a vida, a súa esenza,

a dozura de notarse vivo.

 

Xa está, remato.

Por fin me roza o alivio.

Esta é a verdade, que o mundo comprenda.

Son poeta.

 

2º Premio

O carreiro da vida

Xerome Vence Nieto

IES “Castro Alobre”

 

Polo carreiro da lembranza

medran silvas e toxeiras

          procesión engaiolada

          pola tristeza lixeira

          esvaecida nun vello ollar

          sendo a vida viaxeira

 

Polo carreiro da esperanza

camiñabas silandeira

          doces agarimos fan de ti

          adorada virxe mentireira

          recibes bicos de adoración

          das pobres cegas roseiras

 

Os seus pétalos e estames

cobren os teus longos cabelos

          De seren delicados talos

          serían follas os pétalos

          e os estames crecentes espiñas

          de vellos toxos e silveiras

 

Acompañada vas na fronte

aínda sendo silandeira

          A banda quedou polo carreiro

          engaiolada entre espiñeiras

          facendo mofa de ti, mentireira

          coa máis triste música, lixeira, viaxeira

 

 

3º Premio

Nova flor

Sonia Baqueiro Abal

IES “Soutomaior”

Foi unha flor crecente da miña estación favorita,

aquela na que eu nacera.

Apareceu ela no frío de outubro, escuro e triste,

tendeume a súa man libre.

 

Tomeilla á cega dúbida de que ela non era

calquera rosa perecedeira,

pois as súas raíces e afouteza foron salvavidas

no meu mar de bágoas.

 

Fonte de auga fresca e pura onde con ela cambia

o significado de amar e ser amado,

namoreime perdidamente dese corazón de xeo

dos seus pétalos dourados.

 

Seguirei sen entender o porqué de que me guste

aquilo que non se ve,

daquilo que non se pode tocar pero si doe,

non se abraza pero rompe.

 

A música, a distancia e máis ti.


viernes, 23 de diciembre de 2022

BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2023

 



Parabéns ao noso amigo e compañeiro, o grande artista Al Guanella, a quen lle tocou a cesta de Nadal da Asociación Cultural Mesa das Verbas, dita cesta donada xentilmente polo Centro Comercial Arousa e confeccionada por HiperFROIZ. Grazas aos nosos amigos do Centro Comercial Arousa, benfeitores da nosa Asociación.

A todos, moi FELICES FESTAS DE NADAL E ANINOVO!!!


jueves, 8 de diciembre de 2022

CXXVIII MESA DAS VERBAS

 



Na miña dorna o segrel

cantarexa unha canción,

na popa brila o ronsel

de soños, tristuras e dor.


Na proa loce unha estrela,

¡meu amor! onde tí vou

espido de soños e arelas,

espido no mundo só,

sin amor nin compañeiros,

mergullado no trebón,

navegando o meu veleiro,

venteando o meu amor.


GONZALO BOUZA-BREY VILLAR

(Vilagarcía de Arousa, 18/04/1952-23/12/2012)


Gonzalo Bouza-Brey Villar (Dtor.) et alt., O Cancioneiro e o mar (Vilaxoán de Arousa: Fogar do Pescador, 1998), 26. (Consérvase un exemplar desta publicación no fondo local da Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro" de Vilagarcía de Arousa).