miércoles, 22 de mayo de 2024
CXLII MESAverbas - 25-05-2024 18:00
viernes, 10 de mayo de 2024
PREMIOS DO V CONCURSO LITERARIO DAS LETRAS GALEGAS - 2024
Con data 10 de maio de 2024, o Xurado do V Concurso Literario das Letras Galegas - 2024, composto por PRESIDENTE: Augusto Guedes, VOGAL: Carmen Castejón Cabeceira, SECRETARIO: Luis González de la Ballina González, dito concurso organizado pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Centro Comercial Arousa, comunica o seu fallo, que deu como resultado:
1º Premio para Tere Briones Berridy polo seu relato: VASTE SEN FACER RUIDO
Pasaches un bo día. Era
Domingo. Tí querías corta-lo
céspede, pero a máquina estaba
a reparar, por iso,
puxecheste a quita-las silvas que crecen moi longas e espiñentas. .Nunca as quitabas de raíz, porque gustábanche moito as moras. Cando maduraban. recollíalas e eu preparaba licor coa augardente. Ainda
está sen abrir.o bote pois facía
apenas un mes que o preparara.
Entraches na casa, e a túa frase
de sempre "Vente que te preciso” Reíamonos os dous con picardía. Xa sabía o que
querias . Que che quitara coa
maquinilla, as peslusas do pescozo, para irte
a duchar. As dúas da tarde xa querias comer.
Ese día tiñas moita présa. Desexabas
ir pronto, xoga-la partida cos mesmos de sempre. Os teus amigos. Se chegabas
tarde, xogarías cos que estaban libres. Así que sen esperar que acabaran as noticias marchaches, sen
torma-lo café conmigo.
Aínda non eran as tres e media. xogaches a o
chinchón cos teus amigos, e ise día ganaches
a partida, sóupeno máis tarde polos
amigos. Logo estiveches no teu despacho como facias de cotío, vendo os planos do teu querido Rianxo. Chamáchesme dende alí para asegurarte que tiñas ven o teléfono, pois levabas un rato chamando a un amigo, e non te collía. Dixente, ten pacencia
home, estará ocupado agora,
xa te chamará el cando vexa as
tuas chamadas. E así foi como
soupen por el despois que falara
contigo.Tanta insistencia, doume que pensar. Como si quixeras despedirte del.
Ás sete mais o menos, quedaches cos teus amigos para dar un paseo ata a praia, pois facia moi bo día, e valía a pena aproveitalo. Pasadas as oito, foches o bar de sempre a tomar uns viños cos amigos non podías lle fallar. Nin que tiverades que fichar. Entereime que reservaban sempre a mesma mesa para vós.
Novamente chamaches para dicir, que non
chegarías ata as once
máis ou menos, porque ías ver o partido televisado. Ise día, noteite moi preocupado ,como si tiveras un
presentemento.
Volveches a chamar ás once
menos cuarto, esta vez por si os cans estaban xa dentro, para poder entrar co coche,
e que non se
escaparan. porque as veces,
facíanche correr moito. Díxenche que si, e que xa durrnían e que non fixeras moito ruido
ó entrar na casa.
Entraches, preguntando que había para cenar. Sorprendeume, “logo hoxe. non che deron a tapiña?”. “Non quixen, contestáchesme,' pois hoxe, tomei unha botelliña de auga.”
Vas ter sorte. logo.
porque onte compreiche queixo de Arzúa, da terra da túa nai
e marmelo tamén.
Púsose moi contento e lle fixen o bocadillo con pan
de molde de espelta que lle gostaba
moito.
Entretanto, fun poñer a tele, pois recordoumo el. Había que ver
nosa serie favorita, que poñían os
domingos, e ese día era a final .
Nese intre os
cans fixeron uns lamentos.
Volvín á cociña. e xa estabas tirado no chan. Soamente comeras dous bocados.
Volvíame tola. Veu a nosa filla e fixoche un boca a boca. Nese intre, abriches os olliños , miraches para as dúas. e esbozaches un sorriso. Como dicindo, “xa me
podo ir tranquilo.xa estás acompañada”. E FÍXOSE ETERNO.
2º Premio para Mercedes Suárez González polo seu poema: O MEU AQUEL
O MEU AQUEL
déixame aclarar que eu non te escribo a ti, escríbolle a aquel, aquel que
usou un peluche como escusa para falarme
aquel que me namoraba cada día
aquel que dicía que loitaría por min
aquel que planeaba mil vidas comigo
aquel en cuxos brazos me sentía segura
aquel cuxos beizos desexaba bicar
aquel de cuxo olor me embriagaba
pero a onde foi o meu aquel?
aquel que tanto me fixo sorrir
e porque agora un o substituíu?
un que tanto me fixo chorar?
un que matou ao meu aquel lentamente
ata substituílo completamente
usurpando o seu corpo
corpo que tanto quixen
corpo ao que fun forzada a
odiar do que antes era dono o
meu amor amor que non quero
esquecer
e por iso pensaba nel cada día
sen embargo, vinme obrigada a deixar de facelo por
temor a decatarme do momento exacto
no que o meu amor desaparecera
para substituílo un que non me
quería un que solo me deixa
interrogantes
pois dende que o meu aquel desapareceu solo
me pregunto cousas
porque does tanto?
porque ese impostor alargou tanto a mentira de que me quería?
porque o teño que ver cada día?
porque tiveches que ensinarme a querer, para despois desaparecer? porque? porque?
porque...
3º Premio para Alba Sánchez Ares pola súa epístola a BORBORIÑADO
Southampton, 10 de abril de 1912
Canto tempo terei que agardar para
volver a rebulirche? Coñezo de cor tódalas túas pencas, teño choutado entre elas mentres
ti enguedellabas o meu cabelo.
Fun bubela e avelaíña, lun espiritrompa na buxaina da nosa esmorga.
Debulláchesme as mimosas nos beizos e
as cóxegas na caluga, sinto morriña das cereixas coas que agasallabas as miñas orellas.
Os nosos segredos
bailaban muiñeiras entre o lume do desexo, velaí os aturuxos que
enfeitaban os repenicos do meu xustillo.
Os nosos soños garuleiros engulipaban o tempo mentres nos gorentábamos baixo o meu pano
de ramo.
O futuro abesúllanos cos ferretes da
alvariza. Eu tento apouvigar o meu maxín de bágoas esnaquizadas que se revolven ante a realidade, un presente que remexe a sorte no garamelo.
Silandeira fendeunos a emigración. Tronzounos as almas que andaban á
lebrescura entre os pés do hórreo,
ancorounos as filigranas que compartían os nosos dedos, varou o amoado e o unto
do noso filloeiro.
Tesme retratado mentres eu chiscaba as fochiñas das fazulas ao roubáresme sorrisos. Agora apando con imaxinarnos
soprando mexacáns e trabando papoulas. Xa laian os estraloques e o
millo no muíño. Miúdo medo, tórnate
afouteza!
Húmida
incerteza afoga os saloucos do meu temor. Vou sen ti, non sei onde pousar o corazón que levo na valixa.
Descoñezo se naufragarei na nova terra que recolla as crebas deste meu corpo
estarrecido de lembrarte. Preciso folgos que non xeman por ti mais négome a
guindar o chumbo dos meus petos.
Agora mesmo pensarte é coma xogar á mariola
nunha batea.
Xa me
amola a distancia e aínda
non comezou a navegar o Titanic. Atoparémonos de novo algún día?
Rosiña
Parabéns a todas as premiadas e nosa gratitude ao Xurado polo seu traballo altruísta e a súa dedicación a ler e valorar os 94 traballos presentados a este V Concurso e tamén nosa especial gratitude á Xunta de Galicia e ao Centro Comercial Arousa, sen todos eles esto non sería posible.
ENTREGA DE PREMIOS: O xoves, 16 de maio de 2024, véspera do Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta, ás seis da tarde na Sala Multiusos do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía.
Neste acto, será oficialmente efectivo o nomeamento como Socio de Honra da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa ao Sr. D. Luis González de la Ballina González, Director do Centro Comercial Arousa, gran colaborador e protector da nosa Asociación, seralle imposto o pin da Mesa das Verbas.
domingo, 21 de abril de 2024
DÍA DO LIBRO - 23-ABRIL-2024 11hs-15hs
sábado, 30 de marzo de 2024
PALESTRA DE XESÚS ALONSO MONTERO - 12-04-2024 19:30
jueves, 21 de marzo de 2024
CXL MESA DAS VERBAS - MICRO ABERTO - 23-03-2024
viernes, 15 de marzo de 2024
CONVOCATORIA DO V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2024
V
CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS/2024
CONVOCADO E ORGANIZADO
POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA
COA COLABORACIÓN DA SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA
XUNTA DE GALICIA
1.- Convócase este V
CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 2024, idea e organización da Asociación
Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa coa colaboración do Centro
Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación literaria en lingua
galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta
de Galicia.
2.- Poderá participar
neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente acepta as
presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como tamén acepta
todas as decisións do xurado (que estará composto polos autores premiados na
edición anterior, se fose posible; senón as entidades que promoven o concurso
designarán ao xurado) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o
concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables. A
participación no concurso supón a aceptación e asunción destas bases. En caso
de menores de idade acompañarán no sobre pequeno a autorización do pai ou da
nai ou do titor/a legal, así como a autorización da xestión do datos persoais
só a efectos de cuestións relacionadas con este concurso (a autorización do
manexo dos datos persoais tamén será enviada polos concursantes maiores de
idade).
3.- Cada persoa poderá
presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera xénero e
estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser orixinal
e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en calquera
outro certame.
4.- A extensión máxima
de cada obra será dun folio por unha soa cara (as presentadas escritas nun
procesador de textos farano nun tipo de letra Arial de corpo 11) e as
presentadas de xeito manuscrito serán con letra lexible sen manchas, emendas
nin tachados. Os traballos presentaranse en sobre con plica. O orixinal do
traballo non pode levar ningún sinal (agás do lema), marca ou calquera outra
cousa que poida identificalo. O traballo será acompañado cun sobre pequeno con
lema, a xeito de plica, neste sobre irán os datos do autor: Nome e apelidos,
NIF, un número de teléfono, enderezo postal, enderezo electrónico, este pequeno
sobre pechado estará dentro do sobre grande xunto co orixinal. O sobre grande
tamén pechado, levará escrito o mesmo lema que o sobre pequeno.
5.- O prazo de entrega
será ata o 3 de maio de 2024 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas
que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa ou ao
seguinte enderezo postal: Dirección
Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
6.- Os premios non
poderán declararse desertos.
7.- A entrega de
premios terá lugar o xoves, 16 de maio de 2024 (véspera do Día das Letras),
conmemorando o Día das Letras Galegas (este ano dedicado a Luisa Villalta),
nunha edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 18:00 h. na sala de
usos múltiples, no 1º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.
8.- Os premios serán os
seguintes:
- 1º PREMIO: 400 €, un
vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 100 €, e diploma.
- 2º PREMIO: 300 €, un
vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 50 €, e diploma.
- 3º PREMIO: 200 €, un
vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 25 €, e diploma.
9.- Os autores ceden
todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires da
data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a
oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano, reverterían
de novo nos seus autores.
10.- As obras non
premiadas poderán retirarse ata o 30/06/2024, acreditando debidamente ser a
autora ou autor, despois desa data serán destruídas.
11.- A participación
neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.
Vilagarcía
de Arousa, 15 de marzo de 2024





















































