sábado, 30 de marzo de 2024

PALESTRA DE XESÚS ALONSO MONTERO - 12-04-2024 19:30

 






IMAXES PARA A LEMBRANZA DUNHA XORNADA MEMORABLE













CLICADE AQUÍ UN ARTIGO INTERESANTE E UNHAS MAGNÍFICAS FOTOGRAFÍAS DO NOSO AMIGO O FOTÓGRAFO LUIZ OUBIÑA:

https://www.diariodosalnes.es/album/vilagarcia-arousa/palestra-xesus-alonso-montero-jose-luiz-oubina/20240413133648019286.html?fbclid=IwAR23h6zW_7QNQZ_7QvKf-kgap3UwXGpIF_blnlWsggDD_XOa4VYFzw-6oHk_aem_AclSpjknUXwBiWJzNCyReVgCPLBJfYusG6hbAy7nMjU42ZGSmXCK2ZMfP-UmDwlwWBQ#photo-13  


RESEÑAS DE PRENSA

13/04/2024 : LA VOZ DE AROUSA - LA VOZ DE GALICIA:




13/04/2024: DIARIO DE AROUSA:



VÍDEO-CLIPS

Da comida de confraternidade temos esta testemuña de Isabel Peleteiro, aínda que á camerawoman váiselle a cámara das mans, mais quedan as palabras do noso querido D. Xesús:


E da colaboración musical de Xosé Duarte, este anaco da súa composición musical sobre un poema da nosa lembrada e prezada XAQUINA TRILLO, do seu poemario: COMPOSTELA E AS CAMELIAS:











jueves, 21 de marzo de 2024

CXL MESA DAS VERBAS - MICRO ABERTO - 23-03-2024


Xa van alá 140 edicións mensuais dos recitais poéticos - micro aberto da Mesa das Verbas, 13 anos e 2 meses ceibando versos ao ar de Arousa, como o 13, mal número se non medra, agardamos seguir por moito tempo coa compaña de todos vós. E como dicía Cunqueiro mil primaveras máis para a poesía e para a lingua galega.

QUEREMOS VERVOS A TOD@S ESTE SÁBADO, A PARTIRES DAS SEIS DA TARDE, NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA.

Despois do recital, teremos:

- Asemblea Extraordinaria de Socios:

1.- Actualización da composición da Xunta Directiva coa conformidade da Asemblea.

- Xunta Directiva Ordinaria:

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2.- Estado de Contas.
3.- Informes e propostas da Presidencia
4.- Rogos e preguntas
 

viernes, 15 de marzo de 2024

CONVOCATORIA DO V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2024

  

  
                                                                                             




V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS/2024

CONVOCADO E ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA

COA COLABORACIÓN DA  SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA DE GALICIA

 

1.- Convócase este V CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 2024, idea e organización da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa coa colaboración do Centro Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación literaria en lingua galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

2.- Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente acepta as presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como tamén acepta todas as decisións do xurado (que estará composto polos autores premiados na edición anterior, se fose posible; senón as entidades que promoven o concurso designarán ao xurado) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables. A participación no concurso supón a aceptación e asunción destas bases. En caso de menores de idade acompañarán no sobre pequeno a autorización do pai ou da nai ou do titor/a legal, así como a autorización da xestión do datos persoais só a efectos de cuestións relacionadas con este concurso (a autorización do manexo dos datos persoais tamén será enviada polos concursantes maiores de idade).

3.- Cada persoa poderá presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera xénero e estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser orixinal e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en calquera outro certame.

4.- A extensión máxima de cada obra será dun folio por unha soa cara (as presentadas escritas nun procesador de textos farano nun tipo de letra Arial de corpo 11) e as presentadas de xeito manuscrito serán con letra lexible sen manchas, emendas nin tachados. Os traballos presentaranse en sobre con plica. O orixinal do traballo non pode levar ningún sinal (agás do lema), marca ou calquera outra cousa que poida identificalo. O traballo será acompañado cun sobre pequeno con lema, a xeito de plica, neste sobre irán os datos do autor: Nome e apelidos, NIF, un número de teléfono, enderezo postal, enderezo electrónico, este pequeno sobre pechado estará dentro do sobre grande xunto co orixinal. O sobre grande tamén pechado, levará escrito o mesmo lema que o sobre pequeno.

5.- O prazo de entrega será ata o 3 de maio de 2024 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa ou ao seguinte enderezo postal:   Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

6.- Os premios non poderán declararse desertos.

7.- A entrega de premios terá lugar o xoves, 16 de maio de 2024 (véspera do Día das Letras), conmemorando o Día das Letras Galegas (este ano dedicado a Luisa Villalta), nunha edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 18:00 h. na sala de usos múltiples, no 1º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.

8.- Os premios serán os seguintes:

- 1º PREMIO: 400 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 100 €, e diploma.

- 2º PREMIO: 300 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 50 €, e diploma.

- 3º PREMIO: 200 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 25 €, e diploma.

 

9.- Os autores ceden todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano, reverterían de novo nos seus autores.

 

10.- As obras non premiadas poderán retirarse ata o 30/06/2024, acreditando debidamente ser a autora ou autor, despois desa data serán destruídas.

 

11.- A participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.

 

 

Vilagarcía de Arousa, 15 de marzo de 2024


martes, 30 de enero de 2024

PREMIOS DO III CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 




DO III CONCURSO DE CONTOS DE NADAL PATROCINADO POLO CENTRO COMERCIAL AROUSA E ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS DE VILAGARCÍA DE AROUSA, RESULTARON GAÑADORAS:

1º PREMIO: Paula Cascallar Latorre co seu conto:



2º PREMIO: Rocío Torrado Bea, co seu conto:


3º PREMIO: Mª José Rodríguez García, co seu conto:



Parabéns ás tres escritoras premiadas e moitas grazas ao Centro Comercial Arousa por ter patrocinado esta nova edición dos Contos de Nadal. E agardamos que no Nadal futuro poidamos seguir convocando este concurso. Animamos a todos a ler e a escribir.

LER E ESCRIBIR É VIDA!!!

As premiadas cos membros do Xurado

Asistentes á entrega de premios







 


miércoles, 24 de enero de 2024

III CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA XAQUINA TRILLO - PREMIOS

 




PRIMEIRO PREMIO: Ángeles Rey Fernández

IES A BASELLA – Vilanova de Arousa


RECORDOS

 

As horas pasan

convértense en días

convértense en meses

Meses sen ti

 

Escoito a túa voz no vento

estraño o teu riso neste momento

boto en falta as conversas interminables

palabras memorables

Meses sen oírte

 

A cor dos teus ollos vexo no bosque

guerras de miradas

miradas que a ambos nos namoraban

o verde dos teus ollos que me embruxaban

Meses sen mirarte

 

Os meses convértense en anos

anos sen os teus bicos

anos sen a túa mirada

anos sen o teu riso

 

el arrebatoute de min

pero a dor chegou ao seu fin

estaremos xuntos por fin

meu amor, chegou a hora

acompañarei a túa eternidade

terminará a miña soidade

 

O infinito xuntos



SEGUNDO PREMIO: Alejandra Otero Santorum

IES A BASELLA – Vilanova de Arousa

 

PALABRAS

 

Sempre tan puro, tan bonito por dentro,

que as bolboretas acomplexábanse das súa ás ao velo pasar.

Tan vivaracho como el sempre foi,

como sempre contaxiaba aos demais.

 

Porque hai cousas preciosas,

pero que a xente nos fai pensar que están mal

que acabamos por ocultalas no fondo dos nosos máis profundos sentimentos.

non quero máis reproches a min mesmo por ser eu. Non quero máis reproches por destacar,

aínda sen intentalo

 

Pode que fale de el.

Ou de ti.

Ou de ninguén.

Porque iso é o bonito das palabras;

que a diferencia dalgúns perfectos sentimentos, elas son libres.

 

Aínda que supoño, tamén poden ferir.



TERCEIRO PREMIO: Lucía García Abalo

COLEXIO SAN FRANCISCO – Vilagarcía de Arousa

 

BOLBORETAS

 

Eses animais fermosos,

cun voo espectacular,

e unhas cores marabillosas,

que cando as miras te van a namorar.

 

A bolboreta pousa,

pousa na flor,

e pousa no teu corazón,

e así descobres que é o amor.

 

Cada vez que cruzabamos as miradas,

cada vez que falabas cos teus amigos,

cada vez que traías ese abrigo

sentía como o meu corazón te chamaba.

 

Este sentimento tenme tola

fai que sinta tantas emocións,

que cando te vexo non podo nin abrir a boca

e na miña mente dedícote varias cancións.

 

Son a túa marioneta,

controlas os meus sentimentos

e agora ata trouso bolboretas,

que fan que me quede sen alento.

 

Non sei que facer,

que pasa se che digo a verdade?

Que podería acontecer?

Quizais eu te agrade?

 

E se estas bolboretas non son mutuas?

E se ti queres á outra?

Eu quedarei sentada soa na rúa,

esperando unha mensaxe túa.

 

Intentarei deixar de pensar en ti,

intentarei afogar todas estas bolboretas,

intentarei vivir sen ti

e intentarei esquecer a túa silueta.   

 

ENTIDADES COLABORADORAS: