miércoles, 13 de abril de 2022

CXX MESA DAS VERBAS - DÍA DO LIBRO




 O sábado, 23 de abril de 2022, Día do Libro, imos ter moita actividade na Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa. Este é o programa:

10:00 h. - 17:00 h.: Teremos instalada unha carpa na Praza de Galicia, grazas á colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa. Alí, teremos a disposición do público que nos visite revistas ANACO, boletíns Medulio e os libros de autoras e autores locais, vencellados coa Mesa das Verbas.

Independentemente de que todos os membros da Mesa das Verbas poden estar na carpa todo o tempo que queiran, imos poñer un horario de responsables da carpa:

10 - 11: Lage / Xermán

11 - 12: Lage / Luis Glez.

12 - 13: Tere Briones / Ramón Torrado

13 - 14: Maru - Paula

14 - 15: Sylvie - Maru

15 - 16: Lage - Sylvie

16 - 17: Luís Glez. / Xermán


EN CASO DE MAL TEMPO SUPRIMIRASE A ACTIVIDADE DA CARPA NA PZA. DE GALICIA


18:00 h.: No Auditorio Municipal de Vilagarcía, celebraremos a CXX Mesa das Verbas, co seguinte guión:


1.- Actuación de JOSÉ TIZADO POEMAS E CANCIÓNS, subvencionada polo programa PONTEGAL da Deputación Provincial de Pontevedra.

2.- Recital poético MESA DAS VERBAS

3.- Presentación do libro da nosa amiga e compañeira Paula Cascallar Latorre: Hasta el edén de la senectud.

























jueves, 7 de abril de 2022

XUNTANZA EN CATOIRA - O7-04-2022 11:00

 

Imaxe de Xermán Manuel Torres


Fotografía de Xermán Manuel Torres


Hoxe ás 11:00 h. fomos recibidos moi amable e cordialmente polo Sr. Alcalde de Catoira Alberto García e polo seu Tenente Alcalde, tamén fomos recibidos e atendidos fenomenalmente polas funcionarias municipais Mónica Vilas e Marisa Isorna, esta última, sobriña do poeta catoirense Baldomero Isorna Casal, a quen queremos homenaxear. Fomos acollidos e agasallados polo Concello irmán dun xeito exquisito e extraordinario que desexamos agradecer e facer público.

Xosé Ramón Quintáns Suárez, Vicepresidente da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, Luís González Bravo, Secretario e Xermán Manuel Torres, Presidente, trasladámonos a Catoira co fin de preparar axeitadamente a Xeira literaria e poética que celebraremos na vila vikinga o sábado, 28 de maio de 2022, na que desexamos homenaxear ao poeta xa citado, Baldomero Isorna Casal, quen xunto a Faustino Rey Romero fundaron en 1959 o Ateneo do Ullán, que celebraba moitas das súas "tertulias" na Cantina da Estación de Catoira, rexentada naqueles tempos por Segundo Rodríguez. Nunha desas tertulias, en 1960, xurdiu a idea de celebrar a Romaría Vikinga, hoxe con prestixio a nivel internacional e un dos eventos máis importantes de Galicia no mes de agosto, a primeira Romaría Vikinga celebrouse o 29 de xullo de 1961. Por isa e por moitas razóns desexamos preparar esa Xeira de confraternidade literaria e poética no Concello irmán de Catoira, onde hoxe fomos tan exquisitamente recibidos e acollidos.

Iremos ofrendo máis información sobre a Xeira catoirense cando teñamos definitivamente pechado o programa a desenvolver ese día.

SAÚDE E POESÍA!!! 


domingo, 27 de marzo de 2022

AO BARDO DE TRABANCA SARDIÑEIRA- XOSÉ RAMÓN QUINTÁNS SUÁREZ

 




Este pasado sábado puidemos gozar da sabiduría e da lírica do poeta de Trabanca Sardiñeira, noso bo e querido amigo Xosé Ramón Quintáns Suárez. Familiares e amigos da Mesa das Verbas rendémoslle merecida homenaxe. Grazas mestre!!!


Esta primavera,
non oín o canto sereo dos paxaros
nin vin o agasallo das flores.
Esta primavera,
para min, reinaron silenzos
e permaneceron núas as árbores.

Quixen afastar de min
o balbordo infinito dos nenos,
e o paso constante do tempo,
e caeron sobre min
os silenzos escuros dos medos,
e as terribles mensaxes dos ventos.

E treméronme os ósos
na xeada tortura da vida
co frío do inverno
e doéronme as costas,
cando o sol non quencía
esa primavera.

Mais... xa non teño medo
se os meus ollos de xestos perdidos
escudriñan con ansias as penas
e trocas o medo
polo amor de eses mil amigos
que cumpren teus soños e fanche poemas.

Eses mil amigos
que sementan nos campos da alma
leiras de alegría, sucos de esperanza;
eses mil amigos
que te empurran e senten contigo 
ese privilexio de ter un amigo.

E cando chegue o outono
coas súas níveas barbas
e a paleta do Arco da Vella
pintando de cores os soños.

Cando chegue o outono
nacerán centos de poemas
con letras pintadas nas follas.

E eu... non terei medo,
se despois dos anos vividos,
pode máis a ledicia que as penas
e... trocas o medo
por Amor deses mil e Un amigos,
que cumpren os soños de pintar poemas.

Eses mil e Un amigos,
que colleitan nos campos da alma
sementes de vida, carros de esperanza.

Eses mil e Un amigos,
que comparten sen pedirche nada
o Divino regalo de ter un amigo.

              Xosé Ramón Quintáns Suárez








domingo, 20 de marzo de 2022

SPRING DAY, POETRY DAY - DÍA DA POESÍA

 Neste poético día, uns versos para o noso amigo XOSÉ RAMÓN QUINTÁNS SUÁREZ, ao que lle renderemos unha homenaxe na CXIX MESA DAS VERBAS - 26-03-2022   18:00


Xosé Ramón Quintáns Suárez, o bardo de Trabanca Sardiñeira






A MONCHO QUINTÁNS

 

Ánimo vate das verbas fermosas,

o dos poemas ben versificados;

ánimo varón, contador de cousas,

dun lírico mundo por ti soñado.

 

Érguete, ou, cal aguia poderosa

e voas por espazos afastados

para ollar a Ría de Arousa

como un doncel dela namorado.

 

Non demores a pluma nin tinteiro,

non a esquezas, pois é tan creadora

que che é merecente de loureiros.

 

Han vir por oriente moitas auroras

e ti seguirás sendo, compañeiro

ese xograr das fábulas cantoras.

 

      Lois do Salnés

  

VERBAS E VERSOS PARA QUINTÁNS

 

Mestre de ilusións

e de soños,

compañeiro Quintáns,

compañeiro da alma;

compañeiro.

Sol.

 

Tecendo coa tinta

dos versos

unha tea de cores,

verbas de instantes,

de emocións

e vida.

Estrelas.

 

No mar da experiencia,

verbas sentidas,

amor.

Arousa toda

Cortegada, Carril, Trabanca Sardiñeira...

Soños de nácara de ameixa, berberechos da Ría...

Amizade, xustiza, desexos dunha mellor existencia.

                                              Lúa.         (Xermán Manuel Torres)


RAMÓN QUINTÁNS

 

Mestre de xeracións

Exemplo dos alumnos

Home de bo corazón

cultivado con amor.

 

Referencia para os demais

que atenden con devoción.

Home de relevancia,

de cultura clásica,

de altas humanidades

para todas as idades.

 

Agora que a enfermidade

fai mella no teu corpo,

digo que non estás só

que moitos querémoste,

estamos ao teu lado

e podes contar con nós.

 

Xosé V. Jamardo  


A MONCHO, BARDO DE TRABANCA


Á Flor

Achégate á flor

Préstalle os ollos

Suspira profundo

Quere dicirche algo

Ao corazón


André Vilas





Palabras que surgen de lo más

profundo del alma para crear un

verso lleno de luz y pasión.

Sentimientos a flor de piel que

inundan las estrofas con sabor a miel

que endulza todo lo escrito.

A vuelapluma conecto mi ser para

conseguir un escenario donde los

actores representan fielmente la

esencia de la vida y del amor.

Ilusión por las bellas historias

que brotan a borbotones desde la

pequeña galaxia de mi ser.

Qué bonito es que un lector entre

pausadamente en el camino de mis

sueños poetizados y le haga sentir

mariposas en su corazón.


Marisa Jamardo


Vin coa marea baixa

para verte O Barqueiro

con gaivotas polo ceo

e soidades pola praia.


De cores soñan as casas

dos humildes mariñeiros

e na seca, as chalanas

ancoradas no tempo.


Apocalíptico ámbito

hostil Cabo Ortegal

no confín da costa fatal

que cun vento de espanto

os cantíns tremen con pranto

ante as iras do temporal.


Vexo acolá Viveiro

no estuario do Ladro.

Moi ben recibidos fomos

cando no pobo entramos.

A noite viña mollada

co repenique das horas.


San André de Teixido,

de Teixido San André,

irei a ti de vivo

antes de ter que morrer.


Herbiñas de namorar,

herbiñas que hei coller

para logo irchas dar

porque te quero, muller.


Luís González Bravo "Lois do Salnés" 



 

jueves, 17 de marzo de 2022

CONCURSO CARTAS DE AMOR - CENTRO COMERCIAL AROUSA - 18-02-2022


 Xermán Manuel Torres, Paula Cascallar, David Morales, premiados con Xosé Ramón Quintáns, Luís González de la Ballina e Tere Briones, en representación da Mesa das Verbas, do Centro Comercial Arousa e do Xurado.


CANTO DE AMOR EN TRES TEMPOS

 

I DESEXO

Ancorado nas arelas

dun amor desexado

e pido por ti correspondido.

Morro por ti, non te decatas?

Quero estar sempre ao teu lado.

Amor, amada

canto me tardas!

Devezo por ti

neste curruncho da nada.

 

II PAIXÓN

Non podo máis,

son teu escravo.

Vén para rachar as miñas cadeas,

tan só quero queimarme en ti.

Todo o demais sobra, todos son innecesarios

para min só ti.

Vén calmar a miña sede, enche ti todo en min.

Ti es meu único alimento, non fagas que quede famento,

quero engordar de ti.

 

III CLÍMAX

Chegaches,

abriches a túa porta,

penetrei na túa casa,

estou colmado de bens. Somos dous en un...

éxtase da vida,

cumio do amor;

sempre así.


Carta en forma poética que obtivo a 1ª Posición de Xermán Manuel Torres




Presidencia do acto


David Morales lendo a súa carta premiada


Xosé Jamardo lendo un seu poema de amor



Luís González de la Ballina, dtor. do CCA, lendo a carta de amor da súa vida








jueves, 10 de marzo de 2022

CONVOCATORIA III CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 2022

 




III CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS/2022

CONVOCADO E ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA

 

1.- Convócase este III CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 2022, idea e organización da Mesa das Verbas e do Centro Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación literaria en lingua galega.

2.- Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente acepta as presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como tamén acepta todas as decisións do xurado (que estará composto polos autores premiados na edición anterior, se fose posible; senón as entidades que promoven o concurso designarán ao xurado) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables. A participación no concurso supón a aceptación e asunción destas bases. En caso de menores de idade acompañarán no sobre pequeno a autorización do pai ou da nai ou do titor/a legal, así como a autorización da xestión do datos persoais só a efectos de cuestións relacionadas con este concurso (a autorización do manexo dos datos persoais tamén será enviada polos concursantes maiores de idade).

3.- Cada persoa poderá presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera xénero e estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser orixinal e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en calquera outro certame.

4.- A extensión máxima de cada obra será dun folio por unha soa cara. Os traballos presentaranse en sobre con plica. O orixinal do traballo non pode levar ningún sinal, marca ou calquera outra cousa que poida identificalo. O traballo será acompañado cun sobre pequeno con lema, a xeito de plica, neste sobre irán os datos do autor: Nome e apelidos, NIF, un número de teléfono, enderezo postal, enderezo electrónico, este pequeno sobre pechado estará dentro do sobre grande xunto co orixinal. O sobre grande tamén pechado, levará escrito o mesmo lema que o sobre pequeno.

5.- O prazo de entrega será ata o propio 17 de maio de 2022 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa.

6.- Os premios non poderán declararse desertos.

7.- A entrega de premios terá lugar o venres, 27 de maio de 2022, conmemorando o Día das Letras Galegas, nunha edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 20:00 h. na sala de usos múltiples, no 1º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.

8.- Os premios serán os seguintes:

- 1º PREMIO: 60 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 60 €, e diploma.

- 2º PREMIO: 40 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 40 €, e diploma.

- 3º PREMIO: 20 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 20 €, e diploma.

 

9.- Os autores ceden todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano, reverterían de novo nos seus autores.

 

10.- As obras non premiadas poderán retirarse ata o 17/06/2022, acreditando debidamente ser a autora ou autor, despois desa data serán destruídas.

 

11.- A participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.

 

 

Vilagarcía de Arousa, 1 de marzo de 2022