viernes, 10 de diciembre de 2021

FALLO DO I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

 Reunido o Xurado composto por Luís González de la Ballina González, director do Centro Comercial Arousa, Luís González Bravo, secretario da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, Ramón Torrado López, vocal da Asociación Cultural Mesa das Verbas, o pasado día 2, emitiron o seguinte fallo sobre I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL, que se fai público hoxe, segundo as bases:


1º Premio: Xosé Ramón Quintáns Suárez de Vilagarcía de Arousa co conto: O BICO PERDIDO.


2º Premio: Teresa Briones Berridy de Vilagarcía de Arousa co conto: O MELLOR AGASALLO.


3º Premio: Para a mociña de 12 anos Lucía Oliveira Roma de Vilanova de Arousa co conto: UN NADAL ESPECIAL.


A entrega de premios será nun acto a finais deste mes de decembro, que oportunamente se anunciará e que se organizará no Centro Comercial Arousa.

Parabéns a todos os concursantes e aos premiados.

Procedemos á publicación dos contos, comezando polo 1º Premio.


Composición imaxe: Andrea Fernández Maneiro

O BICO PERDIDO

Xosé Ramón Quintáns Suárez

 

(O Nadal é tempo de ilusión, tempo de nenos. O vento da idade move a árbore da vida e caen as follas murchas das ramas secas. A rama verde da ilusión móvese sen perder follas. No máis alto dos soños da rama da esperanza infantil canta un xílgaro).

 

Chegara o Nadal. Chegou traendo tempo de ledicia, de vacacións, de amor e de festa en familia.

A nena desta historia coma todas as nenas e nenos daquela pequena aldea estaba feliz. Non obstante, naquela mañá, cando quere darlle un bico de bos días ao seu avó topou que, no labirinto da súa alma, perdera o bico.

Buscou ao seu avó e díxolle entre choros ¡avó! Perdín  o meu bico. O avó acariñouna e consolouna dicíndolle “búscao, que seguro o atoparás”.

A nena buscouno en cada recuncho do seu interior, en cada pensamento, en cada palabra que dixera, nas risas das festas, nos choros, nos rezos das noites, na ledicia do amencer e non o topou. Logo pensou que durante a noite escapáraselle nalgún soño e que andaría perdido por algún lugar da casa. Remexeu todo e tampouco dou con el.

Decidida e valente, a pesares do frío que sempre visitaba a aldea no Nadal saíu á rúa. Preguntoulle a unha árbore dun verde escuro invernal e galego ¡Árbore! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está?...

A árbore non respondeu; pero os abrochos abríronse e unhas fermosas camelias brancas consolaron un pouco a tristeza da nena que o ver as flores maxinou que o seu bico pasara por alí.

Baixou, camiño do río, preguntándolle ás corredoiras, ás paredes das casas, ás pedras durmidas e non conseguiu resposta algunha. Cando chegou ao río, que baixaba cheo de auga de inverno e entoaba rufo, no seu incesante rañar nas pedras e nas raíces, anacos de panxoliñas, díxolle ¡Río! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está?... O río non respondeu; pero a corrente da auga amansouse, cesaron os cantos e deixou ao descuberto unha ponte de pedras para que a nena pasara ao outro lado, que era o lugar onde vivía o inconstante vento que sempre estaba falando coas árbores do bosque.

¡Vento! ¿Viches ti meu bico? ¿Sabes onde está? “Berrou a nena ao charlatán vento”. O vento non respondeu; pero o murmurio das árbores ao moverse levárona ata a beira do mar.

Alí veu como o sol baixaba cara a auga despedindo ao día e aproveitando o último raio de luz preguntou ¡Sol! ¿Viches ti o meu bico? ¿Sabes onde está? O sol non respondeu, meteuse na auga vermella do poñente e deixou paso a noite.

Triste e cansa a nena volveu cara a súa casa. Polo camiño fixouse que a lúa sorríalle. Unha nube tapou á lúa e a nena non lle puido preguntar polo seu bico.

Chegou a casa, contoulle todo ao seu avó e el díxolle: Estate tranquila, durme e descansa que seguro que toparás teu bico. Esta noite veñen os Reis Magos e, aparte dos regalos seguro que che deixarán algunha pista. Buscou e buscou, ao nacer o día, algunha pista do seu bico. ¡Non topou nada!

Cando chegou a hora da Misa foi co seu avó á Igrexa. Alí, pensou, rezou e chorou por dentro. Terminou a Misa e acercouse co seu avó e os demais veciños a visitar o Belén sabendo que ela non podía bicar ao Neno porque perdera o seu bico. Cando chegou veu no alto do teito da Igrexa á sorrinte lúa e á rara estrela e no centro do Belén, na meixela do Neno Deus, descansando feliz estaba o seu perdido bico.

2º Premio    



O MELLOR AGASALLO

Teresa Briones Berridy

 

Xoaniña era unha nena de 12 anos con seis irmáns máis. Eran cinco nenos e tres nenas. O irmán máis novo tiña cinco anos e non pronunciaba o R e por riba chamábase Ramón, el dicía “Lamón” e Xoana sentía moita pena, só desexaba que falara ben. No seu aniversario regaloulle un rato que tiña corda e daba voltas polo chan. O neno dicía: “me gusta mi lato, ten un labito como mi pelo”. Referíase ao rabo do can.

Cando a súa nai saía da casa para ir lavar a roupa ao río, el choraba e dicía: “quelo il contigo a laval ao lío”. Ela collía ao cativo con agarimo e enchíao de bicos.

Achegábanse as festas máis entrañables para ela; o Nadal e a festa dos Reis. O seu pai fíxolles con madeira e latón un castelo de Herodes, un pesebre e varias casiñas para o nacemento. Sería a encargada de facelo coas súas irmás. Aos nenos tocáballes recoller o musgo nos muros preto da casa.

O seu pai colocoulles unha táboa moi longa cuns cabaletes no comedor, alí iría o nacemento. Xoaniña era feliz, comía a bicos ao seu pai por aqueles amaños que fixo para o belén. Faltaba unha cousa, como cubrir os cabaletes para que non se viran?. Pronto tivo unha idea. O pasado ano, foi de virxe no festival de panxoliñas da escola. Tiña un traxe e un manto de cor azul gardados... Pedírallos a mamá...

Non houbo problema, súa nai coa tela do traxe fixo o faldón para cubrir os cabaletes e co manto un ceo para poñer na parede do nacemento. Que abrazo máis grande lle dou a súa nai e moitos biquiños. Agora faltaba adornar aquela tea do ceo con estrelas. Gardara papeis prateados das caixas do tabaco do seu avó e tamén das envolturas do chocolate. Pintou estreliñas e puxo aos seus irmáns a recortalas. Faltaba o río onde ían os parrulos e as lavandeiras. Collería un espello pequeno redondo do seu cuarto. Pegaron as estrelas con pataca cocida. Puxeron o musgo e as figuras de moitos anos (eran do seu pai de cativo). Todo estaba xa amañado. Quedou fermoso. Levou a velo ás súas amiguiñas da escola e tamés ás veciñas da casa do lado que eran nove irmáns, unha máis que eles, pero todas nenas.

Só tiña unha pena. Que o seu irmán máis novo non pronunciaba ben o “erre”. Xa sei, pensou, pediríallo ao Neno Xesús. E así foi. O día de Noiteboa púxose de xeonllos no seu cuarto diante dun Xesús que tiña nun estante coa bola do mundo nunha man e pediulle para que o seu irmán falara ben e fora capaz de pronunciar o “erre”. E foise durmir.

Pola mañá, levantouse a primeira, moi cedo, era o día de Nadal. Seus pais aínda estaban na cama. Deulles bos días e un bico e foise directa ao cuarto dos seus irmáns cativos. Levaba o rato na man e dóullelo ao seu irmán dicindo: “toma o teu lato, Lamón”. Quedou abraiada cando o seu irmán díxolle: “Chámome Rrrrramón e meu rrrrato corrre moito”. Mira como xa sei dicirrr tamén rrrabo, rrrata, rrrío. Doulle unha aperta ao neno e levouno xunta dos seus pais para contarllo. Logo correu ao seu cuarto a darlle as gracias ao seu Xesusiño porque escoitara súas súplicas.

Pasaron moitos anos e sempre lembraba aquel día, tivera seu mellor agasallo de Nadal.


3º PREMIO:



UN NADAL ESPECIAL

Lucía Oliveira Roma

 

Un día de inverno, preto do Nadal, Xurxo (un neno de 8 anos) ía camiñando pola vila cando de súpeto comezou a nevar. O neno non entendía nada, xa que el nunca vira nevar en Vilagarcía, seguiu camiñando moi sorprendido polo que estaba a ocorrer.

O rapaz, que estaba un pouco mollado pola neve, parou de súpeto xusto diante dunha casa que chamaba moito a atención, non só porque era xigante senón porque no xardín non había nin rastro de neve. Xurxo, estrañado e con curiosidade, decidiu petar na porta da casa para dicirlle á persoa que vivía alí que no seu xardín non había neve.

Cando o neno petou na porta, tardaron un pouco en abrirlle. A persoa que abriu a porta era un señor maior con pinta de ter moitos cartos pero o que máis lle estrañou a Xurxo foi que levaba unha coroa enriba da cabeza. O neno quedou un bo tempo mirando para el, tan aloulado estaba, que tiña a boca aberta. Quedou así porque quen lle abriu a porta non era ni máis nin menos que Gaspar, e dicir que esa casa era dos Reis Magos.

Cando Xurxo se recuperou do susto dixo:

-      Ola maxestade –tartamudeou- quería dicirlle que está a nevar pero no seu xardín no hai neve.

O rei comezou a rir, tanto ría, que Melchor e Baltasar foron mirar que estaba a ocorrer.

Cos tres reis na porta Xurxo non sabía se o que estaba a ocorrer era un soño ou realidade. Gaspar deixou que entrara na súa casa. Mentres Melchor ía facer un chocolate quente para o neno. Baltasar e Gaspar aproveitaron para contarlle un gran segredo:

-      Xa sabemos que estás estrañado porque na nosa casa non hai neve, e o certo e que non quixemos poñela porque a Melchor dálle unha reacción estraña.

 

-      Coma a do Coronavirus? (interveu o neno).

 

-      Non exactamente coma a do coronavirus (riron os dous reis).

 

-      Entón cal é esa reacción que tanta gracia vos fai?

 

-      Haber, ímoscho a explicar. Resulta que Melchor cando está en contacto coa neve empeza a... a... a... a... jajaja. (Riron outra vez). A cantar!

 

-      Pero deixádeo que cante.

 

-      E que non é iso, senón que canta FATAL!

 

Os tres riron ata que chegou Melchor, que avergoñado polo que pasou, dixo:

-      Aínda que disimuledes escoiteino todo jajaja. (Riu tamén). Pero non llo digas a ninguén que te vixío.

Xurxo contento marchou para casa. Nunca dixo nada nin do que vira nin do segredo de Gaspar.

 

ENTREGA DE PREMIOS

DO I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

DÍA: Venres 14 de xaneiro de 2022

HORA: Seis da tarde

LUGAR: Sala de Usos Múltiples do Centro Comercial Arousa

Vilagarcía de Arousa




 

    

 

 

jueves, 18 de noviembre de 2021

I CONCURSO DE POESÍA EN LINGUA GALEGA "XAQUINA TRILLO"

DIRIXIDO AO ALUMNADO DA ESO 

BASES

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa e co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía convoca o I Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo”, que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación da mocidade que estea a cursar os estudos do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO); é dicir destinado a mozas e mozos entre 12 e 16 anos. A idade acreditarase presentando unha fotocopia do NIF ou co resgardo da matrícula na ESO no presente curso escolar 2021-2022.

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun poema que non exceda  dos 60 versos, extensión máxima sesenta versos. O poema ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso.

IV.           O poema ten que estar escrito necesariamente en idioma galego.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o poema, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento ou unha copia do resgardo da matrícula na ESO correspondente ao curso escolar 2021-2022; c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor; f) O nome e identificación do centro de estudos, g) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso, avalado pola nai/pai ou titor/a da persoa participante e co seu consentimento. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha furna que estará situada nun lugar sinalado e publicitado no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben pode enviarse por correo postal ao seguinte enderezo:  I Concurso de Poesía en Lingua Galega “Xaquina Trillo” - Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 17 de novembro de 2021 ata o 10 de xaneiro de 2022.

VIII.    O fallo darase a coñecer no mes de xaneiro de 2022.

IX.           A entrega de premios será no acto que celebre o Concello de  Vilagarcía de Arousa co gallo do Día de Rosalía  de 2022 e que oportunamente se anunciará.

X.              Publicaranse os poemas premiados no blog: www.mesadasverbas.blogspot.com  Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa. Para isto, os autores, por medio dos seus titores, cederán durante un ano os dereitos dos seus poemas para facilitar dita publicación.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá en 100 €, un vale de 100 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa. b) 2º Premio que consistirá en 50 €, un vale de 50 € do Centro Comercial Arousa, un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.  c) 3º Premio que consistirá en 25 €, un vale de 25 € do Centro Comercial Arousa e un diploma e un agasallo do Concello de Vilagarcía de Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas, A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa e polo Centro Comercial Arousa.

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das mesmas.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web do Concello de Vilagarcía de Arousa e na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, por medio dos seus titores legais, cumplimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes, procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a poesía en idioma galego entre a mocidade.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.

SAÚDE E POESÍA!

 

ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS DE VILAGARCÍA DE AROUSA  


 

lunes, 15 de noviembre de 2021

CXIV MESA DAS VERBAS - 20-11-2021 18:00

 

ESTAMOS CONVOCADOS A UN NOVO RECITAL POÉTICO MENSUAL.


Temos unha boa nova que comunicar, mellor dúas, os dous premios da nosa amiga e compañeira Andrea Fernández "Nei".

Recuperada do Diario de Arousa, 15/11/2021

DIARIO DE AROUSA

E unha triste, o pasamento do noso amigo e seguidor desde a primeira hora Luís Jamardo, a quen lembraremos agarimosamente.


VINDE TODOS CEIBAR VOSOS VERSOS AO AR DE AROUSA!


Ofrecemos uns microvídeos, onde recitan Maru Rivadulla e Antonio Quiñoy:










martes, 19 de octubre de 2021

VII XORNADA FILGUEIRA DEDICADA A ALFREDO GARCÍA ALÉN (1923-1981)

 

Alfredo García Alén era un experto en olaría galega


Xuntámonos para honrar e falar sobre a figura do gran intelectual pontevedrés Alfredo García Alén, xunto co seu mestre Filgueira Valverde, un valedor e figura indiscutible do Museo de Pontevedra, o pasado sábado, día 16 de outubro de 2021. Ao rematar a CXIII Mesa das Verbas, lembramos a García Alén, e na mesa presidencial do coloquio estiveron Xosé Fernando Filgueira Iglesias, presidente da Fundación Filgueira Valverde, Xosé Ramón Quintáns Suárez, mestre e amigo persoal do homenaxeado, e Xermán Manuel Torres, mestre e apaixonado de todo o que teña que ver con Xosé Fernando Filgueira Valverde (1906-1996).

Estivemos en animada conversa na que tamén aportaron as súas opinións Ramón Torrado, mestre, que nos agasallou cun testemuño persoal sobre o profesor Filgueira Valverde. E a profesora Isabel Peleteiro que fixo preguntas e suxestións moi atinadas.


Algúns continuamos o parladoiro no café bar La Marina en agradable e interesante compaña.

 

O mestre Xosé Ramón Quintáns Suárez na compaña de familiares do profesor Filgueira Valverde


Xosé Fernando Filgueira Iglesias coa súa dona e unha amiga da mesma


O grupo en animada conversación, agás Xermán M. Torres, autor das imaxes



Decidiuse que a VIII Xornada Filgueira, sempre en Galicia, a do ano que vén, estea dedicada a:

FILGUEIRA VALVERDE, PROFESOR






martes, 28 de septiembre de 2021

I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL


BASES

I CONCURSO DE CONTOS DE NADAL

A Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa en colaboración co Centro Comercial Arousa de Vilagarcía convoca o I Premio de Contos de Nadal que se rexerá sobre as seguintes bases e indicando que o fallo do xurado será inapelable e será este o intérprete do contido e do espírito destas bases. A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das bases e aceptación sen condicións das  decisións soberanas do xurado.

 

I.                  O concurso está dirixido á participación de todas as persoas que desexen concorrer a esta convocatoria.

II.               Os premios en ningún caso poderán declarase desertos, agás no caso da non participación.

III.           Participarase cun relato curto que non exceda das 600 palabras ou dun folio como máximo, os traballos terán que ser mecanografados, ou realizados nun procesador de textos, tipo de letra Arial de corpo 11. O relato ten que ser inédito e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso. Debe ser de temática referida ou ambientada no Nadal.

IV.           A narración ten que estar escrita necesariamente en idioma galego normativo.

V.              Presentarase baixo plica, do seguinte xeito: Nun sobre grande incluirase o relato, que non pode levar ningún signo de identidade, agás dun lema para o seu recoñecemento. Nun sobre pequeno, que se introducirá no grande irá unha cuartilla co lema e cos seguintes datos da autora ou do autor: a) Nome e apelidos; b) Idade acreditada coa fotocopia do NIF onde figura a data de nacemento; c) Un enderezo de correo electrónico; d) Un número de teléfono; e) A dirección postal do autor/a; f) Un pequeno escrito de autorización para a utilización dos datos persoais a efectos de participación no concurso. O sobre pequeno levará eses datos no seu interior e estará pechado.

VI.           O sobre co seu contido será depositado nunha furna que estará situada nun lugar sinalado e publicitado no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. Ou ben enviado por correo postal ao seguinte enderezo: CONTOS DE NADAL – Dirección Centro Comercial Arousa, Prolongación Parque a Xunqueira, s/n – 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

VII.       O prazo de entrega será desde o 1 de outubro ata o 31 de novembro de 2021.

VIII.    O fallo darase a coñecer o 10 do mes de decembro de 2021.

IX.           A entrega de premios será no acto que celebre o Centro Comercial Arousa o 30 de decembro de 2021.

X.              Publicaranse os relatos premiados no blog: www.mesadasverbas.blogspot.com  Tamén se publicarán nun número da nosa revista poética ANACO, editada polo Concello de Vilagarcía de Arousa e noutras posibles publicacións. Para isto, os autores, e os menores de idade por medio dos seus titores, cederán durante un ano os dereitos dos seus relatos para facilitar dita publicación.

XI.           PREMIOS: a) 1º Premio que consistirá en 50 € e nun vale de 50 € para gastar no Centro Comercial Arousa e xentileza do mesmo. b) 2º Premio que consistirá en 30 €, un vale de 30 € do Centro Comercial Arousa. c) 3º Premio que consistirá en 20 €, un vale de 20 € do Centro Comercial Arousa.

XII.       O Xurado estará composto por un mínimo de tres persoas que serán designadas pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa e polo Centro Comercial Arousa.

XIII.    Reitérase que o fallo do xurado é inapelable, encargado de dirimir e interpretar sobre as presentes bases e que a participación neste concurso supón a plena e absoluta aceptación das presentes bases.

XIV.   O resultado do concurso será dado a coñecer aos concursantes e será publicado no blog oficial da Asociación Cultural Mesa das Verbas antes citado, así como na web e Facebook do Centro Comercial Arousa. Tamén serán enviadas notas de prensa con toda a información pertinente sobre o concurso aos medios de comunicación social locais.

XV.       O manexo dos datos persoais dos concursantes será exclusivamente para os asuntos relacionados con este concurso, publicidade, comunicacións, publicacións. Os concursantes premiados, e os menores de idade por medio dos seus titores legais, cumplimentarán un documento para a autorización do manexo dos seus datos persoais cos fins exclusivos xa expresados deste concurso.

XVI.   Os traballos non premiados poderán ser recollidos. Pasado un mes, procederase a súa destrución e xa non poderán ser reclamados.

O fin deste concurso é promover a creatividade en lingua galega e fomentar a produción literaria de todas as persoas, para que esperte nelas o escritor ou escritora que levan dentro.

Amosar de antemán a nosa gratitude a todos os participantes, ao xurado, ás entidades colaboradoras e a todos cantos contribuíron ao anuncio, difusión e desenvolvemento, así como ao bo fin deste concurso.

Pretendemos a súa continuidade no tempo, compartindo ademais a arela do poeta Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a nosa lingua e para a nosa cultura.

SAÚDE E VERBAS!

ASOCIACIÓN CULTURAL MESA DAS VERBAS E CENTRO COMERCIAL AROUSA

VILAGARCÍA DE AROUSA


 

domingo, 26 de septiembre de 2021

ACTUACIÓN DO RECITADOR ENRIQUE BRUMBÉCK

 

O recitador membro e vogal da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, Enrique Brumbéck deleitounos a todos coa súa actuación na CXII Mesa das Verbas, na que nos ofreceu un recital poético co seu repertorio de poemas en lingua galega, do que imos ofrecer unha pequena mostra con vídeos de fragmentos da súa intervención. Momentos escollidos de poesía galega.

Bando de Manuel María



San Antonio bendito de Rosalía de Castro



Canto á Ría de Arousa de Fernández Garrido


Eu ben vin estar o moucho de Rosalía de Castro










domingo, 19 de septiembre de 2021

CXII MESA DAS VERBAS - 25-09-2021 18:00

 




Teremos presente e faremos lembranza do noso amigo e colega Manuel Blanco Mariño, o poeta obreiro, nado en Padrón o 2 de decembro de 1929. Foi durmir fóra (como di o seu amigo Xesús Alonso Montero) hai uns días con 91 primaveras cumpridas. Aló onde estea que descanse en paz tecendo versos. Nós mencionamos agora o seu libro SENTIMENTOS DA ALMA GALEGA, que o 28 de xuño do ano 2000, ceibou seus versos ao ar de Arousa. Por sempre unha lembranza agarimosa de Blanco Mariño, alma sensible e solidaria, permanecerás sempre en nós e os teus versos non morrerán e agardemos que a Galicia por ti soñada chegue algún día.
Quen mellor para lembrar e falarnos de Blanco Mariño que Cruz López:


Unhas fotos como lembranza desta sesión:





Brumbéck agasallounos con parte do seu repertorio de poesía galega:






sábado, 11 de septiembre de 2021

PAULO FREIRE, O PEDAGOGO POETA

 

Paulo Freire, pedagogo brasileiro (19/09/1921 - 02/05/1997)


Propoñía unha Pedagoxía crítica, concientizadora, liberadora.

Ensinar para liberar.

Fomentar unha conciencia crítica no educando e para traballar pola xustiza.

Unha educación vinculada coa vida das xentes e para axudar ao crecemento e verdadeiro progreso de todos.

EDUCADOR <=> EDUCANDO

Todos nos educamos uns aos outros.


Sería interesante ver, clicade no seguinte enderezo electrónico:


https://www.youtube.com/watch?v=HRgJFMu9Kpk


UN LIBRO DE REFERENCIA DE PAULO FREIRE:


Pedagoxía do oprimido


jueves, 26 de agosto de 2021

MEMBROS DA MESA DAS VERBAS NA SALA MULTIUSOS DO CENTRO COMERCIAL AROUSA



 Xiramos unha primeira visita á Sala Multiusos do Centro Comercial Arousa o venres 21 de agosto de 2021, a partires das 19:30 h. Velaí vai unha pequena reportaxe gráfica: