lunes, 6 de abril de 2020

POEMA DE J.R. QUINTÁNS





O INFERNO É UNHA VERDADE QUE SE APRENDE DEMASIADO TARDE

NOS TEMPOS ESCUROS
A luz dun amigo pode alumearte,
unha soa verba sérveche de facho,
e o seu amor non quere perderte,
nos sonos da noite dalgún negro cuarto.

Pero se ese amigo o teu nome esquece,
e deixa ao tempo matar a esperanza,
alí o mal triunfa, a desidia vence,
a amizade morre e xa todo é nada,

NESTES TEMPOS MALOS
Florecen as verbas dos que son amigos
cando plantan herbas de verde tenrura,
e os froitos da calma enchen os ouvidos,
con ríos de palabras cheos de dozura,

Pero se o silencio é o teu compañeiro,
e deixoute só a voz esperada,
caeranche as bágoas dicíndolle ao ceo,
a amizade morre e xa todo é nada,

NOS TEMPOS CONVULSOS
Non morren as flores que colgan das ramas
nin calan seu canto as rochas e a auga,
e bríndanche as cores bolboretas cansas,
que traen primavera a túa ventá.

Pero ti querías a flor da palabra,
o canto sincero dunha gargallada,
mais, se non hai notas que calmen a alma
a amizade morre e xa todo é nada,

NESTES MOMENTOS
No tempo que vives en ti confinado,
descobres a cova da cruel soedade
e pides esmola dun xesto, de algo
e aprendes a golpes a triste verdade,
que o Inferno existe e está ao teu lado,
e chegas a velo demasiado tarde.   

2 comentarios:

  1. Fermoso e moi sentido teu poema, amigo Moncho,fai falla o exteriorizar a sensibilidade que levamos dentro nestes días tan mouros e tristeiros. Pero virá a luz e veremos renacer a primavera na Terra. Unha aperta e coidate, porque aínda tes moitas verbas bonitas que nos decir.

    ResponderEliminar
  2. Bos días, amizades da Mesa das Verbas. Moi fermoso este blog e o poema de Quintáns. Sabias verbas. Moitas grazas. Queda menos!.

    ResponderEliminar